LENDAS DO CONCELLO DO VICEDO


VEDOIROS E VEDOIRAS
 
Os vedoiros e vedoiras son persoas que posúen o poder de "ver" ou de adiviñar a presenza da morte ou dalgunha desgraza, triste facultade reservada a aqueles que foron bautizados con auga bendicida utilizada nun enterro, ou porque o cura que lles administrou o sacramento do bautismo levaba posta unha estola que utilizara para o mesmo fin.
No lugar chamado O Concello, no Folgueiro, parroquia de Suegos, paseaba unha muller e un home. De súpeto, a muller, con sona de vedoira, díxolle ao acompañante: "Amaina o paso que aí vén un enterro". El, alporizado, respondeulle que se deixara de lerias, que non cría nesas parvadas. A muller profetizou: "Da túa casa vai saír". Esa mesma noite morreu a esposa do incrédulo.
Preto do anterior, no lugar da Encrucelada, unha muller, ao apercibir unha morte próxima na parroquia, advertiu á nora que a acompañaba: "Levanta a man que aí vén un enterro".
En Mosende contan que un home viu que ía morrer unha veciña, asegurando que ao enterro asistirían tres curas en vez dos catro que se tiña por costume, prognosticando, ademais, o lugar por onde había discorrer o cortexo fúnebre. En efecto, aos poucos días morreu unha persoa na parroquia. A familia removeu ceo e terra para conseguir un cuarto sacerdote, pero todas as tentativas resultaron inútiles. O día do enterro, en vez de levar o cadaleito polo camiño habitual, quixeron facelo por un atallo, mais, ao chegar á metade do percorrido atopáronse con que o camiño estaba inzado de lama, obstruíndolles o paso. A comitiva tivo que dar a volta e pasar, como era tradición, polo camiño de sempre, onde se ergue a Cruz do Calvario.
Unha muller do Vicedo Vello adiviñou con tres meses de antelación que na Ponte do Barqueiro-O Vicedo ía correr sangue. E así foi, tres meses despois estalou a Guerra Civil. A primeira acción de guerra foi a colocación dunha bomba para impedir o paso ás forzas golpistas que culminou co enfrontamento entre veciños e gardas civís leais ao goberno lexítimo da República e os sublevados. Co paso do tempo, xa co terror instalado no país, os fascistas asasinaron na ponte a decenas de homes e mulleres. 


Na Tarroeira, parroquia de Santo Estevo do Vicedo, había unha vedoira que, se alguén a miraba por riba do seu ombro esquerdo, tamén podía ver a morte.
Ademais das persoas, tamén hai animais que "ven" a morte. No Muronovo, parroquia de Negradas, cando as vacas ou os bois se negaban a ir por un camiño era sinal de que por alí pronto pasaría un enterro. En moitos casos, por moito que mallaran neles, sequera querían saír da corte, presaxio que anunciaba a morte dunha persoa da casa.
En San Román do Val e Suegos din que cando un can ouvea "cara onde pon o cu, pon a desgraza".
En Santa María de Cabanas quen anuncia a morte é a "Pastoriña", un animal, habitualmente un can, que se lle aparece á persoa elixida á que segue a todas partes, para logo desaparecer.
Cando unha pega voa ao redor dunha casa onde hai un enfermo é sinal de que non tardará en morrer. Se move o rabo continuamente presaxia mala sorte, en troques, se vai saltando é signo de boa. O seu canto tamén anuncia unha noticia, boa ou mala.


No municipio do Vicedo hai un dito moi preciso sobre a capacidade adiviñatoria desta ave: "Cara onde pon o rabo, deixa o recado". Cando camiñan xuntas e miran para un mesmo punto, anuncian unha morte; tamén cando golpean co pico a contra ou o cristal da ventá.
En Mosende, Riobarba e Suegos, din que cando dous ou máis corvos camiñán á par anuncian, en primeiro lugar, a morte dalguén, e, pola outra, o número de curas que oficiarán no enterro. Cando un corvo pousa preto dunha casa e gralla "carro, carro, carro", vai haber un defunto.
Tampouco trae nada bo cando a curuxa canta coma o galo.

A PONTE DO PORTO

Segundo a lenda, foi construída para conmemorar o nacemento do emperador romano Teodosio I o Grande que, din, naceu preto do lugar.


A CRUZ DO CURRO

No lugar do Curro, en San Estevo do Vicedo, á esquerda da pista que vai desde o cemiterio parroquial do Vicedo á estrada xeral, atópase un antigo cruceiro coas imaxes de Cristo crucificado e unha Virxe en posición orante.
O dono actual do cruceiro, Antonio Carreja (Toné), contoume a seguinte historia:


En tempos dun seu avó, os enterros que pasaban polo lugar adoitaban, como acontece na meirande parte dos casos, deter a marcha á altura do cruceiro para rezar unha oración pola alma do defunto. Un bo día, o daquela cura párroco pediulle ao propietario que donara o cruceiro á igrexa, solicitude que caeu en saco roto. O párroco, afeito a que ninguén ousara levarlle a contra, non recibiu ben a negativa.
Como vingarse? A igrexa non podía permitir semellante aldraxe! A resposta veu no seguinte enterro. O cura, como represalia, ordeou que os enterros non volveran a parar xunto a Cruz do Curro.

A CRUZ DE CANOURA

A Cruz de Canoura está na parroquia de Riobarba. Está emprazada sobre un valado dunha antiga corredoira que, dende o Canto do Muro, baixa ao río Sor. Monolítica, chama a atención o esquemático Cristo crucificado esculpido na intersección. Cóntase que a mediados do século XIX uns madeireiros (hai quen asegura que portugueses) que estaban a talar os carballos que medraban no Plantío, monte hoxe en día ateigado de eucaliptos, asasinaron (descoñécese a causa) a un compañeiro, soterrando o cadáver ao pé da cruz. Dende aquelas, disque o espíritu do home, para lembrar o infame crime, laia a voz en grito a súa desgraza. Mesmo xuran que as vacas, que son as primeiras en escoitar os estarrecedores berros, néganse a pasar polo lugar.


OS TEMPLARIOS DA ILLA DA COELLEIRA

Conta a tradición que os templarios da Coelleira, illa pertencente ao concello do Vicedo, trasladábanse a Viveiro en barcas de coiro para dicir misa nunha capela onde despois se construíu a igrexa de San Francisco. Tamén serían os templarios da illa os que levaron á igrexa de San Román do Val un cadro coa imaxe de Santo Estevo. Outra versión asegura que o cadro apareceu na praia de Xilloi, no lugar do Altariño -outros sitúano na coñecida como a Fonte do Santo-. Os veciños, para poñela a bo recaudo, colocárona sobre un carro, mais, os bois que tiraban del non detiveron a marcha ata o sitio onde despois se erixiu a igrexa de Santo Estevo do Vicedo. 


A persecución e extermino da Orde do Temple tamén chegou aos monxes-guerreiros que habitaban no cenobio da illa da Coelleira.
Unha lenda relátanos o triste final: Escoitouse unha noite tocar a rebato a campá da espadana do mosteiro, e varios verdugos sen entrañas comezaron a degolar aos monxes, que sufriron o martirio con valor e resignación. Trinta e cinco templarios dormían xa o sono da morte. Escomezaba a albear e só quedaba por sacrificar unha vítima. Era un xove de nobre continente, de cabelos roibos e ollos azuis e morriñentos. Presentouse ás portas do convento onde o esperaban os verdugos cos aceiros tinguidos en sangue: "Aquí estou, son o derradeiro templario da miña Orde", dixo. E, axeonllando no chan, levantou a mirada ao ceo... Logo exhalou o derradeiro suspiro. Poucos anos máis tarde, morreu en Viveiro un nobre pertencente á familia de Bernaldo de Quirós, señor da contorna, e baixo cuxa dominación se perpetrara a estarrecedora matanza. E afirma a tradición que para descargar a súa conciencia, agoniado polo crime, ordenou que se escribise esta cláusula no seu testamento: "E tamén mando que se digan trinta e seis misas polas almas dos templarios que matei e fixen matar por orde do Noso Señor o Rei en San Miguel da Coelleira". 


Verbo do derradeiro templario, hai outra lenda que narra o seu tráxico fin: Un mozo, de nome Guillelme da Torre, namorara dunha fermosa rapaza, Rosalía, a quen lle declarou o seu amor, pero dicíndolle que sería un amor imposible xa que debía ingresar no Temple. Ela respondeulle: "Ti templario, ai!, talvez deixe fóra do meu cadaleito a man de desposada; se é así, estréitaa pero pronuncia tamén o meu nome antes de morrer". Guillelme partiu para os Santos Lugares e cando regresou viu que na igrexa estaba a celebrarse o funeral por unha muller. Entrou e pousou os ollos sobre o cadaleito: del pendía unha man, unha branca e suave man: a de Rosalía. Estreitouna e chorou de dor e logo retirouse ao mosteiro da Coelleira para orar o resto da súa vida. Alí asasinárono xunto cos outros trinta e cinco freires.
Unha derradeira lenda conta que da matanza salvouse un monxe que, vestido de paisano, refuxiouse nunha casa do barrio de Baltar que aínda hoxe en día conserva o nome de "Casa do Paisano".

Notas e referencias bibliográficas á lenda dos templarios:

Un veciño de Baltar, don Antonio de Marea, contoume que o dono do carro e dos bois atendía polo alcume do Cereixeiro.

Justo Pico de Coaña: "Carta a Bastián d´a Pallarega", artigo publicado en La Ilustración Gallega y Asturiana no 1888.

García Dóriga: "El último templario (tradición gallega)", en Galicia. Revista Regional no ano 1888.

Eduardo Lence-Santar: "La Isla Coelleira", publicado no Boletín da Comisión provincial de Monumentos da provincia de Lugo no ano 1941.
More Santiago: "Faros. Illa Coelleira", editado polo Correo Gallego no suplemento "Galicia Vacacións" no 1992.

Tamén mencionan as lendas: Amor Meilán, Carré Aldao, Donapetry Iribarnegaray, Cal Pardo, Leandro Carré, Laredo Verdejo e Carlos Pereira Martínez.

CHUMÍN E O LOBO

Na parroquia de Santo Estevo do Vicedo recollín unha lenda, datada na segunda metade do século XIX, que fala do encontro dun home co lobo. 


Despois de amenizar, xunto coa súa inseparable gaita, unha romaría, un tal Chumín regresaba para a casa. Era inverno, a noite caeu axiña; a mesta arboreda que abeiraba a corredoira semellaba unha tétrica caverna. O home respirou aliviado cando, por fin, viu a luz: a lúa chea alumaba, como unha xigantesca candea colgada do ceo, a paisaxe. Apurou o paso, xa cheiraba o lume da lareira. Mais, de súpeto, parou en seco, un leve ruído sobre a frouma, alertouno. Pouco a pouco xirou a cabeza, algo lle dicía que non estaba só. E non errou, uns enfeitizantes ollos mirábano fixamente, sen pestanexar. O rei da noite, o temible lobo, a besta das bestas, asexábao. Chumín, aterrecido, encomezou a tremer de tal xeito que, sen querelo, presionou sobre o fol da gaita provocando que o roncón esparexera o seu grave son: «Estou perdido», pensou. Mais, cal foi a súa sorpresa cando viu que o lobo, coma se o demo o perseguira, liscou a fume de carozo. «Se por medo é, que soe o roncón», dixo Chumín apertando de novo o fol.

Nota: O ancestral temor ao lobo, que case provocou o seu exterminio durante a Idade Media, propiciou que no século XIV o rei Enrique II eximira aos veciños de Creximil (Negradas) do aboamento de trabucos en pago polas batidas que facían contra este depredador. Cóntase como un suceso real acontecido en Santo Estevo do Vicedo.

PEDIR AOS SANTOS SEN FALAR

As xentes do municipio do Vicedo practicaban, e aínda practican, un estraño ritual para pedir pola curación dunha persoa.
Para que o milagre se cumpra, o oferente debe permanecer "sen falar", é dicir, en silencio absoluto ata o destino marcado; é aquí cando debe "chamar" polo santo elixido para que interceda pola persoa ofrecida.


En certa ocasión, unha muller ofreceu ir "sen fala" ata a ermida do San Martiño, que se levanta no monte Castelo, na estremeira dos concellos de Ourol e Viveiro, para pedir pola curación dunha filla. Mais, denantes cumprir coa promesa, morreu. Unha irmá que coñecía o desexo da finada,colleu á cativa e encamiñouse cara a capela, realizando todo o camiño "sen falar"; só cando chegaron á ermida, a muller invocou os nomes da falecida e do santo.
Outro día, á volta dunha viaxe organizada polos veciños do concello ao Santo André de Teixido, o autobús no que regresaban parou de súpeto. O condutor, logo de comprobar que o contratempo non se debía a ningunha avaría, preguntou, escamado, se había alguén que "non falara" (que non chamara polo santo). Identificada a persoa en cuestión, o autobús deu a volta cara o Santo André sen problemas, alí cumpriron o ritual ao completo e, sen máis atrancos, puideron regresar para as súas casas.

O NOME DA PARRROQUIA DE NEGRADAS

Os estudos etimolóxicos din que o topónimo Negradas pode derivar do adxectivo latino niger, en alusión á cor escura ou negra da terra ou dun grupo de plantas de cor verde escura, nomeadamente, o chopo negro, populus nigra, árbore propia de lugares húmidos.
Mais, segundo a lenda, a orixe do nome deambula por outros vieiros.
Contan que un soleado día de primavera, uns camiñantes observaron desde o monte Merán as tebras que envolvían o lugar que acubillou o mosteiro bieito, extinguido no século XV por mor do traslado das monxas que o habitaban ao de San Paio de Antealtares, en Santiago. Unha das testemuñas, observando que a contorna permanecía despexada, exclamou aterrecido á vista do apavorante fenómeno: "Que negro está todo isto". De aí o nome.

TOPÓNIMO O TESOURO

No monte de O Tesouro, situado na parroquia de Mosende, contan que «vivían os antigos», donos dun tesouro real ou imaxinario agochado, quizais, nunha contrución prehistórica. O mesmo acontece nos castros esparexidos polo concello: A Pena, A Garita, A Insua de San Paio, O Castelo, Moutillós, Medas do Castro, Punta do Castro, A Tarroeira, Castropando, Xilloi ou na Furada do Mouriño.


LENDAS, RITOS E MITOS ARREDOR DAS CRUCES E CRUCEIROS

Cando estaba a realizar o inventario e catalogación das cruces e cruceiros do municipio do Vicedo, atopeime con que arredor destas mostras da nosa arte popular buligaban un bo número de lendas.
Na meirande parte das cruces, por atoparse situadas á beira dos camiños ou nas encrucilladas que comunicaban os núcleos de poboación, detíñanse os enterros para que os acompañantes oraran pola alma do defunto.
Ao pé doutras soterraban "anxeliños", nenos mortos durante o parto ou que non recibiran o bautismo, e tamén adultos. Algúns cruceiros agocháronos nos lugares máis insólitos (cortes, faios...) durante a chamada "Revolución", cualificativo que moitos vellos aínda lle dan ao curto período da República, truncado no 1936 polo sanguiñento golpe de estado; é o caso das cruces de Ponte Segade e Manxofrío.
Non son poucas as construídas en memoria de persoas falecidas repentinamente ou por outras causas no lugar, como as da Chousa de Varela, Pimpín, Rego dos Bois, O Trobo, da Fixoa, Pena Corveira e a da Praia de San Román erixida en lembranza dun naufraxio acontecido no ano 1957.
No burgo de San Roque (Negradas), un home acadou o alcume de "O Rompecristos" por ser o autor da decapitación do cruceiro levantado diante da capela, acto máis fortuíto ca deliberado propiciado pola carga etílica.


Os mitos, alguns reais como o narrado na lenda da Cruz do Curro, non son alleos a esta manifestación artística. No Cristo da Paleira, en Cabanas, e no Cristo do Chao das Bouzas, en Negradas, manifestábase a Santa Compaña. Na desaparecida Cruz de Pedra, situada por riba do casal de A Costa, en Cabanas, intercedíase pola curación dun ser querido queimando a carón da cruz o obxecto máis prezado polo doente coa finalidade de alonxar o mal. Na Cruz das Golpeiras, en Riobarba, nas noites de brétema, o camiñante que ousaba transitar polo lugar escoitaba o tanxido dunha campá; o número de badaladas indicáballe os días ou anos que lle restaban no mundo dos vivos.
Orando diante da Cruz de Abezán, en Riobarba, curábase o "mal de ollo".
Nas desaparecidas Cruz do Carballal, en Riobarba, e no Cristo de Piñeiro, en Santo Estevo do Vicedo, acostumaban depositar ofrendas. Outras cruces actuaban como protectoras do fogar, como as erixidas nos tellados dunhas casas da Capariña (Cabanas) e O Tellado (Riobarba).
Contan que un cura do Barqueiro (Mañón) pasou un día xunta o Cristo de Piñeiro ao que acostumaban poñer púcaros con leite. Fronte á cruz estaba un home a rezar unha oración. O cura, mirando para as ofrendas viu que había tamén unhas moedas. Enfastiado, deulle unha patada aos púcaros e díxolle ao paisano: "Colle os seis reás e gástaos en viño; aproveitan máis dentro do bandullo que por riba da pedra".

RITOS ARREDOR DA SEMANA SANTA

Baixo pena de celestiais desgrazas, na parroquia de Suegos, desde o comezo do Xoves Santo ata as dez da mañá do Sábado Santo, non se pode facer nada: nin cocer o pan, nin fiar una agulla, nin lavar a roupa, nin pasar o ferro. Realizar calquera tipo de tarefa inflúe, por exemplo, nos animais: se nace unha cría despois de facer un labor, pode saír tolleita; se cosen a roupa, as crías poden nacer sen cu. Tamén se ten a crenza de que nestas datas, ao golpear a roupa no lavadoiro, pégaselle á Virxe.


SOBRE O MAL DE OLLO

Coma no resto de Galicia, no municipio do Vicedo existe a crenza de que a mirada dalgunhas persoas, carcomidas pola envexa, poden exercer unha influencia maléfica, ocasionando danos sobre persoas, animais e cultivos.
Contan que no Xurbal, Negradas, atopábase un home no labor de xunguir ao carro una xata nova para ensinala a traballar cando polo lugar pasou una muller que, sen afastar a vista da vaca, díxolle: "Éche moi bonitiña". O home, coñecedor dos poderes da muller, contestoulle: "A xata non ten dúbida, mais o que é bonitiño é o xugo". Nada máis poñer o carro en marcha, rompeuse o xugo.


No Folgueiro había una muller que cada vez que miraba un carro, envorcaba ou sufría calquera outro contratempo; algunhas persoas, cando se cruzaban con ela, previsoras, daban volta para a casa.
Outro costume, para evitar o mal, era cuspir ou mexar sobre o gando antes de sacalo da corte.
Por estendida por todo o país, sabiamos da tradición de colgarlle una medalla ao pescozo dos meniños aínda non bautizados en sinal de protección, mais ignorabamos un remedio, de probada eficacia, recollido en Suegos, que consistía en meterlle un anaquiño de pan na gasa ou cueiro.
Cando se mercaba un porco, vaca ou outro animal, untábase con allo ou, como facían en Xilloi e Baltar, colgábanlle allos dos cornos.

O CASAMENTO

Cando casaba unha parella, se o home estaba moi namorado, collía a muller nos brazos e botábaa sobre a cama, asegurando así, como proba do seu amor, que el morrería antes.


A VASOIRA

Se se varre a cociña de noite e se bota o lixo fóra, alónxase a boa sorte.


ARREDOR DA MORTE

No municipio do Vicedo aínda pervive a crenza de que se se lle fala ao morto este déixase vestir sen opoñer resistencia, mesmo se xa comezou o rigor mortis.
Tamén acostuman a poñerlle o mellor traxe que tivo en vida. Outro costume é o de atarlle un pano branco ou negro por baixo do queixo e anoalo na cabeza, apertándoo con forza para pecharlle a boca, xa que se ten a crenza de que, de non facelo, o defunto pode chamar por outra persoa para que o acompañe na derradeira viaxe. 


O mesmo acontece cos ollos; péchanllos porque se os “pousa” sobre alguén deberá seguilo no camiño do Alén.
Os veciños de Mosende e Riobarba podían saber cando ía morrer alguén só con oír o son das campás da igrexa. Aseguraban que cando as campás tocaban "moi doloridas" anunciaban unha morte. Tamén dicían que as campás da igrexa da parroquia de San Román só se escoitaban cando tocaban a defunto.
No Folgueiro (Suegos), cando se cava ou se ara a terra, é de mal agoiro deixar sen tapar o último rego porque, dise, semella a fosa dunha sepultura. Se entre cabañón e cabañón queda un rego sen cavar, semella o lugar destinado ao cadaleito da persoa que realizou o labor.
No Canto do Muro (Riobarba) críase que xunto ás cancelas xuntábanse as almas dos defuntos polo que se tiña moito coidado en pechalas amodiño para que non espertaran.

A DESAPARICIÓN DA ALDEA DE ALEGRÍN

Na parroquia de Suegos hai un areal situado entre as puntas do Fuciño do Porco e dos Monxes que, polo seu dificil acceso, non figura nas guías turísticas. E a coñecida como a praia de Alegrín, nome, ao parecer, que tomou dunha pequena aldea que existiu no lugar hai preto de dous mil anos. Segundo a lenda, os habitantes deste agreste recuncho vivían felices e alegres (de aí o nome), alleos aos couces da vida. Mais, para que ninguén os perturbara, non permitían que ningunha persoa foránea entrara na vila, como tampouco axudaban aos necesitados, fóra dos seus, por medo a que lles contaxiaran as súas penas.


Unha mañá de inverno, moi cedo, uns pescadores atoparon un náufrago; o home, sen apenas forzas, demandoulles axuda. Mais os pescadores, en vez de auxilialo, subírono nunha barca e abandonárono no inhóspito illote Gabeiras.
Esa mesma noite, enxordecedores tronos, precedidos de apavorantes lóstregos, acalaron as risas que saían dos fogares; os habitantes de Alegrín, medorentos, asomaron ás ventás e viron como desde o illote Gabeiras partía unha enorme onda.
Disque o náufrago era un apóstolo, non se sabe se Santiago ou Santo André que, como castigo pola falla de caridade dos moradores de Alegrín, somerxeu baixo o mar a feliz aldea.
Preto da praia hai un lugar coñecido mo A Ruda, sitio que, contan, utilizaban os veciños de Alegrín como cemiterio.
Antonio Reigosa tivo a deferencia de incluír esta lenda na súa Guía ilustrada da Galicia Invisible, publicada por Xerais no ano 2010. Dende aquí o meu agradecemento.

A IGREXA DA LAGOA DO REGO D´ALÁ

Na parroquia de Riobarba, preto do camiño que vai desde o Chao ao Alto da Cruz da Garita, hai unha pequena lagoa coñecida como o Rego de Alá. Din que baixo as súas augas dorme unha antiga igrexa cuxas campás deixan ouvir o lúgubre tanxido en determinados días do ano.
Ninguén soubo dicirme que terrible pecado provocou a ira da divindade.

PREDICIÓNS DO TEMPO NO VICEDO

Na parroquia de Mosende, denantes preparar os trebellos de labranza para o día seguinte, escoitaban o mar; dependendo cara onde bruara con máis forza, anunciaba bo ou mal tempo. A ancestral predición meteorolóxica baseaba en dúas regras, disque infalibles: "Se roxe o mar en San Román, colle o arado na man; se roxe en Esteiro, cólgao no fumeiro".


O mesmo acontecía coa curuxa: se se oía no Bico do Nabo era sinal de bo tempo; mais, se o canto viña do Río da Penela anunciábao malo.
Na mesma parroquia aseguraban que se escoitaban ben as badaladas da igrexa de Riobarba é que "había tempo de arriba", é dicir, malo.
Cando na parroquia de Santo Estevo do Vicedo se escoitaba o reloxo do colexio das Ribeiras do Sor significaba que ía mudar o tempo, pois había vento do nordés.

O SANTO DE FRANCOS

Unha sinxela capeliña, edificada na aldea de Francos, na parroquia de Negradas, acolle unha imaxe de San Vicente, santo descoñecido na zona ata que deu manifestación do seu poder.
A humilde talla, esquecida no faio dunha casa, utilizábana como madeiro para separar as patacas. Un bo día, concretamente o 6 de decembro de 1964, a propietaria, encamada por mor dunha longa enfermidade, lembrouse do santo e, chea de devoción, díxolle: "Se me levantas, heite poñer fóra". 


Cal foi a súa sorpresa e a dos seus cando, aos poucos, a señora escomenzou a camiñar (algunhas versións din que o fixo cara atrás).
En cumprimento da palabra dada, mandou construír unha pequena fornela no monte e colocou nela a imaxe. O milagre axiña se espallou o que propiciou unha serie de doazóns coas que despois ergueron a capela.
Coméntase que un cura, que durante anos exerceu como párroco de Santo Estevo do Vicedo, nunca recoñeceu nin o prodixio nin o santo porque segundo se lle escoitou dicir “non tiña carné de identidade", o que non impide que a xente continúe a solicitar os favores do coñecido como O Santo de Francos.
Outra lenda conta que un home do Mosteiro (cabeceira da parroquia de Negradas), non se sabe o motivo, insultou ao santo e cuspiulle na cara, o que lle valeu perder a vista. Logo arrepentiuse da felonía, encomendouse ao San Vicente e, pouco a pouco, volveu a ver.

A VIRXE DAS ANGUSTIAS

Preto da antiga Ponte do Porto, que salva o río Sor e comunica os concellos de O Vicedo e Mañón (A Coruña), álzase unha ermida en honra da avogosa Virxe das Angustias. Ata non hai moitos anos, cando o mar ía bravo, trasladaban a imaxe ata igrexa de Riobarba, conseguindo, dese xeito, que amainara.


A Virxe devolvíana para a capela no tempo de sequía, non sen antes lavarlle os pés coas augas do Sor e, así, atraer a choiva.

O PAN

No concello do Vicedo, os mariñeiros consideran de mal agoiro poñer o pan do revés, é dicir, coa parte plana da bola ou da barra coa base cara arriba («a que pousa no forno») xa que pode ser presaxio dunha desgraza, de que o barco, ao sulcar o mar, dea a volta. 


Denantes encetar o pan tamén se facía unha cruz na base.
Poñer o coitelo por riba do pan tampouco presaxiaba nada bo.

A ESTRELA FUGAZ

A choiva de estrelas, diminutos anacos dos meteoritos que atravesan o espazo a grande velocidade e que se inflaman ao contacto coa atmosfera da Terra, poden influír, para ben ou para mal, no devir das persoas.


Nalgunhas partes do país é de bon agoiro pedir un desexo mentres a estrela cruza o ceo xa que este cúmprese. Pola contra, nalgunhas parroquias do concello, é signo de desgraza, disque «onde pousa (cando deixa de verse) anuncia a morte dalguén».

A FONTAÍÑA

No Folgueiro aínda mana unha fonte coñecida como A Fontaíña. Contan que na Noite de San Xoán podíase ver, só ata o amencer, unha galiña coas súas crías zanfoneando ao seu redor.


Existe unha crenza xeralizada en todas as parroquias de O Vicedo de que «a auga morre ás doce da noite», é dicir, maléase o sabor, amarga.

A MATA DO PORCO

Unha vez morto, chamuscado e lavado o porco, consérvase o costume de cortarlle as tetiñas e logo guindalas na corte coa man esquerda. Dise que, ademais de evitar que a carne se estrague, dá boa sorte aos moradores da casa.



Tradicións e lendas recollidas por Xabier Moure