MONUMENTOS DO CONCELLO DO VICEDO

PALEOLÍTICO

Ver a entrada Historia do concello do Vicedo.

O MEGALITISMO


OS CASTROS 


A ROMANIZACIÓN 


PATRIMONIO RELIXIOSO

Mosteiros
Dos catro mosteiros que existiron no municipio só se conservan algúns perpiaños do erixido na Insua de San Martiño, posto baixo o patrocinio de San Miguel; o illote, situado no esteiro do río Sor, atópase ateigado de eucaliptos (ver Historia do concello do Vicedo aquí publicada). Do de San Miguel, que se levantaba na illa da Coelleira, os documentos máis antigos que se conservan datan dos anos 1095 e 1099; hai que esperar ata o 1420 (máis de trescentos anos) para atopar unha nova referencia ao cenobio, circunstancia que deu pé á lenda dos Pobres Soldados de Cristo, a famosa e enigmática orde dos cabaleiros do Temple (Ver a entrada Historia e lenda da Illa Coelleira aquí publicada). Os outros dous estaban, como o da Insua de San Martiño, na parroquia de Negradas; un era o feminino de San Paio, na zoña de montaña, e outro no Mosteiro, nome da cabeceira parroquial.

Igrexa de Santa María de Cabanas
Construída por orde do bispo de Mondoñedo e custeada por Fernán Pérez de Andrade, non se sabe con exactitude cando comezaron as obras (o acordo data do ano 1392) nin cando remataron, aínda que si hai constancia de que, ao menos no ano 1446, xa estaba en plena actividade tal como se desprende dun documento no que se le: "Fernán López, clérigo de Santa María de Cabannas". Da obra oxival só queda a nave cos brasóns dos Andrade, así como un xabaril (símbolo da mesma familia) situado nun ángulo do aleiro do pórtico cunha cruz lobulada no lombo. O adro e o campanario adosado ao frontis datan do século XVIII. No interior, capela maior con cúpula semiesférica, arco triunfal de medio punto, pía bautismal oxival e retábulo maior salomónico, tamén do século XVIII. É de destacar o escudo que hai no tímpano da portada coa inscrición + ER(N)ANDO P(ERE)S/DANDRADE MANDOU FAZ/ER C(OA) S(UA) AJU(DA) que, xunto co de Riobarba, constitúen dúas importantes testemuñas de tímpanos heráldicos dada a súa pouca frecuencia en Galiza.


Igrexa de San Pedro de Mosende
Igrexa anexa á de Suegos. Século XVII, de nave rectangular e pórtico rústico na fachada principal. O retábulo maior data do século XVIII.

Igrexa de San Miguel de Negradas
Orixe románica dos século XII-XIII e planta de cruz latina. Conserva un pequeno claustro acaroado nun lateral, disque procedente do antigo mosteiro de San Paio. Nos retábulos do altar principal, de tres corpos, pódese ver un autorrelevo do patrón, San Miguel, dous medallóns ovalados, e dúas pinturas sobre táboa do ano 1853, obras de Juan de Castinande, de San Pedro coas chaves e de San Paulo cun libro e unha espada.

Igrexa de San Paulo de Riobarba
Mandada construír por Fernán Pérez de Andrade a finais do século XIV. Nave rectangular con canzorros lisos no aleiro, frontis con portada de arquivoltas, tímpano co escudo dos Andrade e espadana de dous ocos. Nos ángulos superiores da fachada do pórtico consérvanse un año cunha cruz lobulada e un xabaril. O pórtico data do século XVII, tal como o autentica unha inscrición que di: YZOSE SDO. CVRA ANT. DNEZ. AÑO 1736. Sobre ela unha fornela en forma de vieira coa escultura de San Paulo con libro e espada. Nun lateral, pórtico cuberto contruído posteriormente. No presbiterio consérvanse restos de pinturas murais do século XV coa figura de San Paulo. O retábulo principal é rococó, con tres fornelas no corpo principal e un relevo de San Paulo, do século XVIII. Como no caso de Santa María de Cabanas, chama a atención o tímpano sobre unha das portadas que constitúe unha importante testemuña de tímpano heráldico dada a súa escaseza en Galiza.


Igrexa de San Román do Val
Do século XIV. Nave rectangular. Constaba de dúas portas (na actualidade, a situada no alzado sur atópase tapiada). Nos muros laterais ábrense unhas seteiras rectangulares. No aleiro, algúns perpiaños conservan a cruz da consagración. Ábsida máis pequena feita en perpiaño. Sacristía acaroada ao presbiterio e pórtico cuberto na fachada principal con escaleira que soben ata a espadana. Tamén hai unha pequena espadana dun oco no piñón anterior da nave. O retábulo maior é neoclásico, con pinturas de anxos e a escultura de San Antonio de Padua do século XVIII.

Igrexa de Santa María de Suegos
Antigamente chamábase Santa María de Suevos. Do século XIV con reformas no século XVIII. Nave rectangular e bóveda de canón, pórtico acaroado á igrexa. No frontis leva un arco adintelado e fornela coa imaxe da Virxe. O campanario está sen rematar. Ten dous retábulos de dous corpos e estilo rococó a ambos lados do altar maior con imaxes e pinturas realizadas no ano 1618 por don Pedro de Insoa, pintor e veciño de Viveiro. Cáliz e custodia de prata do século XVII. Nun dos muros hai incrustada unha ara romana.

Igrexa de Santo Estevo do Vicedo
Chamada antigamente Santo Estevo do Val. Construída sobre un antigo castro. Sábese que foi reformada no ano 1794. Planta rectangular de tres naves separadas por arcos de medio punto, capela maior, con arcos de descarga fincados nos muros, dúas sacristías e pórtico diante do frontis. Espadana de dous vans á que se accede por medio dunhas escaleiras encaixadas no mesmo muro e pequena espadana dun oco preto da porta lateral. Retábulo maior neoclásico cun altorrelevo que representa a lapidación de Santo Estevo. Tamén se conservan dúas pinturas, realizadas por Juan de Castinande no ano 1835, que representan o xuízo e o enterro do patrón da parroquia. Nos retábulos laterais, de factura neoclásica, pódense ver as esculturas de San Roque e San Nicolás. No coidado adro da igrexa pódense admirar, entre outras pezas, unha pía bautismal, dúas centenarias campás, sártegos de granito e unha curiosa pía de pedra destinada ao salgado do porco. Segundo a tradición, a posta baixo o padroado de Santo Estevo naceu dunha lenda. Cóntase que unha noite de apavorante treboada apareceu un cadro coa imaxe do santo na praia de Xilloi, no lugar coñecido como O Altariño. Os veciños puxeron o cadrdo sobre un carro de bois, deténdose, xusto, no lugar onde se construíu a igrexa. Outra lenda conta que foron os templarios da Coelleira os que levaron o cadro ao templo. (Ver a entrada Historia e lenda da Illa Coelleira aquí publicado).

Casa reitoral de Santo Estevo do Vicedo
Acaroada ao adro atópase a Casa Reitoral que aínda conserva, en estado semirruinoso, unha singular cheminea, cremos que única en todo o concello. Sen telladiño tornachoivas, caracterízase por agochar no interior unha curiosa estrutura que impide que a auga penetre na lareira.

Capela das Angustias
Situada á beira do río Sor, xunto a Ponte do Porto. Descoñécese a data de construción. Sábese que foi reparada no ano 1650. De pequeno tamaño e planta rectangular. Conserva esculturas dos séculos XVI e XVII.

Capela de San Roque
Erixida na segunda metade do século XVI no burgo de San Roque (Negradas) por Gómez Pérez das Mariñas. Consérvase un retábulo de estilo barroco. Non hai moitos anos sufriu unha lamentable restauración.

Capela de Sanga
Apenas se conservan restos.

Capela de Trala Veiga
Construída no lugar de Trala Veiga (Cabanas). Pequena capela de escaso valor artístico.

Capela do Santo de Francos
Situada no lugar de Francos (Negradas). Diminuta capela sen valor artístico construída a raíz dun milagre acontecido no ano 1964 que custodia unha talla pertencente, supostamente, a San Vicente. (Ver o noso traballo, aquí publicado, Lendas do concello do Vicedo).

Capela de Sirgos
Derruída a mediados do século XX. Os perpiaños foron aproveitados para a construción da casa reitoral da igrexa parroquial de Riobarba; segundo nos contou un veciño, a orde veu do párroco don Xosé, alcumado "O Rato", que tivo casa no lugar.

Cruces e cruceiros
Por contar cun apartado propio, non incluímos aquí as cruces e os cruceiros. Ver a entrada Cruces e cruceiros do concello do Vicedo.  

HÓRREOS E MUÍÑOS

Non hai unha parroquia no concello que non conte cun bo número de hórreos, as construcións rurais, xeralmente próximas á casa e de forma rectangular, apoiadas sobre columnas e con aberturas nas paredes para que entre o aire. O mesmo acontece cos muíños hidráulicos que ata non hai moitos anos aínda se utilizaban para moer os cereais. Da importancia que tiñan os muíños nas freguesías do concello do Vicedo falan os Interrogatorios do Catastro de Ensenada realizados a mediados do século XVIII (ver o noso traballo, aquí publicado, O concello do Vicedo a mediados do século XVIII). Como acontece coa meirande parte do noso patrimonio etnográfico, o seu estado de conservación, máis nos segundos ca nos primeiros, é lamentable, cualificativo que estendemos aos responsables de velar para que estas construcións da máis senlleira arquitectura popular dos nosos devanceiros non fique só no recordo.

No Boletín do Museo provincial de Lugo, ano 2005, publicouse un magnífico traballo de Manuela Balseiro Rodríguez: Os cabozos. Convivencia de varias tipoloxías na parroquia de Suegos (O Vicedo-Lugo).

FONTES

Son numerosas as fontes que zarrapican o municipio do Vicedo (Fonte dos Caños, Fonte de Vilela, Fonte da Igrexa de Suegos, Fonte de Mosende...), cun desigiual estado de conservación. Algunha, como a Fonte do Santo na praia de Xilloi, asociada a unha lenda datada no século XIII.

PONTES E PONTELLAS

Ponte do Porto
Medieval de orixe romana, situada no curso medio do río Sor, que comunica os concellos do Vicedo e Mañón (A Coruña). Formaba parte do camiño real que ía de Viveiro a Ortigueira. Feito con pedras de cantería, consta de tres arcos de medio punto e tallamares contracorrente. No centro da ponte hai un marco que indicaba o límite das antigas provincias de Mondoñedo e Betanzos. Segundo a lenda, foi construída para conmemorar o nacemento do emperador Teodosio I o Grande que, din, naceu preto do lugar.

Ponte Segade
Une os concellos do Vicedo e Mañón.

Ponte do Vicedo-O Barqueiro
Inaugurada o 1 de novembro de 1901 e construída pola "Maquinista Terrestre y Marítima" de Barcelona, cun custo de 528.000 pesetas. Antes da súa construción, o paso entres as provincias de Lugo e da Coruña facíase por medio de barcas ou pola Ponte do Porto e a Ponte Segade.


Pontellas
Son varias as pontellas que salvan regos e regueiros de pequeno caudal; produto da arquitectura popular requirían menos esforzo e capital para a súa contrución ca as pontes.

PATRIMONIO INDUSTRIAL

As fábricas de conservas e salgado de peixe foron dunha grande importancia para o desenvolvemento económico. O concello chegou a ter oito fábricas, algunha delas aínda en estado de conservación aceptable. O proceso de cortado, secado e salgado transcorría nos patios interiores. A fábrica de salgadura Catá, no porto do Vicedo, está catalogada como BIC (Ben de interese cultural).

ESCOLA DE RIOBARBA

Construída no ano 1921 pola sociedade Vivero y su comarca. A sociedade chegou a fundar na comarca 44 escolas e a soster 57 unidades de ensino primario, uns en edificios propios e outros alugados. Abandonada durante varios anos, foi restaurada no ano 2008 grazas a unha subvención da Xunta de Galicia.

Xabier Moure