CRUCES DO CONCELLO DO VICEDO

Este inventario realiceino durante os anos 2006 e 2007. No ano 2008, o BNG presentou unha moción no Concello, aprobada por unanimidade, para que se tomaran as medidas necesarias para poñer en valor as cruces e os escasos cruceiros. Como puiden comprobar en anos posteriores, todo quedou en augas de fregar. Fixemos un libro cunha tirada de 150 exemplares que "desapareceron" nun só día.

Nunca pensara en facer un inventario deste tipo, primeiro porque as cruces apenas me chamaban a atención, e segundo porque pouco sabía sobre elas. Nun principio, o motivo que me moveu a realizalo foi o de deixar constancia documental desta mostra da nosa máis arraizada arte popular porque, se non se toman medidas urxentes para preservalas, témome que en non moitos anos só quedará a memoria. Pero a medida que ía mergullando no traballo, comprendín que as nosas cruces e os nosos cruceiros non son só uns inertes monumentos de pedra. As nosas cruces e os nosos cruceiros falan.  

A maior parte das cruces son de feitura tosca, traballadas por canteiros locais. O material máis utilizado é o granito, aínda que tamén hai cruces de lousa, madeira e cemento. Abundan as monolíticas e, agás en casos puntuais, carecen de iconografía.

O meu agradecemento a todas as veciñas e veciños que amablemente me informaron sobre os ritos, historias, tradicións e lendas, e que en máis dunha ocasión me acompañaron para localizar as cruces, labor que non sempre foi doada por atoparse algunhas en lugares non frecuentados na actualidade, especialmente a José Insua e a Roberto do Folgueiro.

Para describir a función que cumprían, quen mellor que Castelao e Cabanillas.
 
“Finxe o murcho brancor da lúa chea
nun craro do folloso castiñeiro,
tremorosos pantasmas. No cruceiro,
da “Compaña” a luz roxa cintilea.
Da media-noite o toque badalea
un misterioso monxe campaneiro
nas encantadas ruínas do mosteiro
e agoirando defunto, un can ouvea.
Ó camiñar da recua acompasado
tringulean as chocas. Amontado
na trotadora mula que vai diante,
na revolta do alto da vereda
o arrieiro canta a copra leda
do alalá... “¡Santo cristo de Amarante” (Ramón Cabanillas)

“De día os camiños son para os camiñantes vivos, pero na noite os camiños son para os defuntos, que andan a penaren os seus pecados; e a nosa alma viaxeira e noitébrega buscou a compaña da cruz para libertarse do medo”. (Castelao)

“O cruceiro galego asimilou todos os roles da cruz primitiva e cumpre novas funcións. Serve para santificar camiños i encrucilladas; guiar plegrins e servirlles de acomodo para a oración; anunciar aos romeiros a proiximidade dos santuarios; testemuñar as promesas que se materializan nos amilladoiros; indicar sepulturas en descampado ou mortes violentas; rememorar feitos hestóricos e lexendarios; impetrar de Deus o fin dalgunha calamidade púbrica; demandar ou agradecer algún favor do Ceo; deslindar o termo das cibdades, vilas, feligresías e outras xurisdicións; protexer os campos de feira e salvar de feiticeirías ao gando; servir de vía-crucis nos mosteiros, convento e eirexas matrices; satisfacer penitencias reparadoras de certos pecados, gardar de todo infruxo demoníaco os casais labregos, etc”. (Castelao)

“Onde houbo un cruceiro houbo sempre un pecado, e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo... Tedes reparado nos nosos cruceiros aldeáns? Pois reparade... Reparade nos cruceiros e descubriredes moitos tesouros” (Castelao)

PARROQUIA DE CABANAS (Santa María)

O Cristo da Paleira
Cruz desaparecida. Localizábase no camiño real que ía dende Cabanas a Galdo, na estremeira dos concellos do Vicedo e Viveiro. Só se conserva a basa, agochada entre a matogueira. Segundo a lenda, era un lugar escollido polas ánimas en pena para manifestarse.

O Cristo de Ponte Segade
Situado en Ponte Segade. Roubáronno hai poucos anos. Tratábase dun grande cruceiro de cantería coa imaxe de Cristo crucificado. O cruceiro foi mutilado polo fuste durante a II República ("a Revolución" din os máis vellos). Uns veciños agocharon a cruz nunha corte, tapada con felga, ata o remate da Guerra Civil. Coa vitoria do exército golpista, devolvéronna ao mesmo lugar. Desaparecido o varal, chantáronna sobre un monolito.

O Cristo de Porta Pena
Lindeiro co concello de Ourol, no cruce de camiños que leva á igrexa parroquial, o casal de Trala Veiga e Ourol. É de granito e asenta sobre unha base do mesmo material. Na intersección figura insculpida unha pequena cruz, tipo calvario. A cruz actual substituíu a outra monolítica que rompeu. Actuaba como marco divisorio. Á súa altura paraban os enterros.

Cruz da Chousa de Varela
Desaparecida. Situábase á beira do camiño que, dende A Cruz de Porta Pena, vai a Ponte Segade. Era de madeira. Levantada en memoria dun home, natural da Pena, morto repentinamente no lugar a finais do século XIX.

Cruz da Horta da Cruz
Emprazábase nun cruce de camiños no casal da Capariña. A raíz do acondicionamento do antigo camiño real foi removida do asentamento orixinal. Na actualidade atópase gardada na casa dun veciño. Trátase dunha pequena cruz monolítica de granito de feitura irregular á que lle falta parte do pé. Paraban os enterros.

Cruz de Manxofrío ou O Cristo de Vidal
Erixida na marxe esquerda da estrada local que leva á igrexa parroquial, fronte á pista que baixa a Manxofrío. A cruz, cilíndrica dunha soa peza, asenta sobre unha basa cuadrangular cos rebordes superiores biselados. O conxunto érguese sobre unha plataforma de cemento. No anverso presenta a Cristo crucificado e a cartela coa inscrición INRI na cabeceira. Na base do varal, sobre unha peana, figura unha imaxe da Virxe onde se aprecia o manto e os pregues da roupa. No pedestal vai inserida unha prancha de mármore en cor branca coa seguinte inscrición: "En memoria de Regino González. Su fiel esposa Genoveva Pajón. Año 1913". Nos inicios da II República, a cruz foi retirada do seu emprazamento, retornando ao mesmo, con procesión incluída, durante a ditadura franquista.

Cruz de Pedra I
Desaparecida. Levantábase por riba do casal da Costa. Tratábase dunha cruz monolítica de granito. Segundo a lenda, cando se quería interceder pola curación dun ser querido, acostumábase a queimar á beira da cruz o seu obxecto máis prezado co fin de alonxar o mal.

Cruz de Pedra II
Desaparecida. Ubicábase no monte de Trala Veiga. Monolítica de granito.

Cruz do Campo
Situada na aldea do Campo. Hoxendía aparece descontextualizada. Antigamente erguíase no antigo camiño que levaba á igrexa parroquial. Trátase dunha cruz latina incisa insculpida nunha prancha de granito. Paraban os enterros. Mais a cruz era relativamente moderna, de hai uns setenta ou oitenta anos, gravada por un home natural do Canto do Muro que reaproveitara esa prancha de granito, que "toda a vida" estivera chantada no vello camiño real, e á que antigamente se achegaban os veciños co gando que estaba enfermo para que sandase, atando o animal á pedra. Descoñécese de cando vén tal tradición, mais todo apunta a que dende tempo inmemorial a pedra cumpría outras funcións. Como estaba tirada no chan coloqueina sobre un valado.


Cruz do Enxertado
Chantada na marxe esquerda do camiño que leva ao Enxertado, no cruce co antigo camiño real que seguía ao Sixto. Cruz monolítica de granito de forma irregular inserida nunha base granítica. Insculpida na intersección figura unha cruz puntiaguda. Paraban os enterros. Ao seu carón soterraban "anxeliños", nenos que morrían sen recibir o bautismo.

Cruz do Trobo
Desaparecida. Atopábase preto da aldea do Sixto. Era da madeira. Erixida en memoria dun home morto a finais do século XIX ou principios do XX, atropelado por un carro que transportaba madeira.


PARROQUIA DE MOSENDE (San Pedro)

Cruz do Calvario
Situada na marxe dereita da estrada local, preto da igrexa parroquial. Cruz monolítica de granito, con arestas rebaixadas, chantada directamente no chan. Á súa altura paraban os enterros. O topónimo Calvario deriva do latín calvarium (Gólgota en arameu), sitio onde abundan as caveiras (no lugar axustizaban aos reos), nome proveniente de Calvariae Locus, monte cercano a Xerusalén onde crucificaron a Cristo.


PARROQUIA DE NEGRADAS (San Miguel)

O Cristo da Lagoa
Cruz chantada no valado dunha corredoira na aldea do Muronovo. Pequena cruz monolítica de granito cunha cruz latina insculpida na intersección. Chama a atención os curtos brazos e o minguado varal en relación coa cabeceira. Paraban os enterros. Soterraban nonnatos e tamén adultos.

O Cristo de San Roque
Situado no burgo de San Roque, fronte a capela do mesmo nome, restaurada non hai moito tempo con pésimo gusto. Grande cruceiro monolítico coas arestas rebaixadas, asentado sobre unha plataforma composta por unha basa cuadrangular e pedras de mampostería. Arredor do cruceiro discorría a procesión en honra de San Roque. A mediados dos anos cincoenta do pasado século, un home rompeu a cruz polos brazos ao tratar de empoleirarse sobre a mesma, acto que lle valeu o alcume de O Rompecristos, logo arranxada polo veciño das Ribeiras do Sor, don Crisanto Balseiro.

Cruz da Áspera
Desaparecida. Levantábase nun cruce de camiños situado no burgo da Áspera. Era de madeira. Paraban os enterros.

Cruz da Barra Nova
Situada sobre un valado nun cruce de camiños no burgo de San Roque. A cruz actual, de cemento e sen interese artístico, substituíu á antiga de madeira. Cando había un enterro poñían un banco de madeira para pousaren nel o cadaleito mentres os acompañantes rezaban un Paternoster e o Credo.

Cruz das Airas
Desaparecida. Erguíase xunto a aldea de Creximil. Tratábase dunha cruz monolítica de granito. Paraban os enterros.

Cruz de Airoá
No límite coa parroquia de Santo Estevo do Vicedo, nas abas do Monte Faro. A cruz, de cemento, carece de interese artístico. Na rocha granítica que actúa como soporte e que acollía a antiga cruz de madeira, que substituíu a outra de pedra máis antiga, hai unha inscrición que reza: "VR 1995", con caracteres toscos e irregulares que sinalan as iniciais do construtor e a data de realización da cruz actual. Paraban os enterros. Cóntase que na pía onde vai inserida a cruz bótabase auga para celebrar bautizos prenatais.

Cruz de Fixoa
Érguese no burgo de San Roque, nun lameiro que chaman A Fixoa. Cruz monolítica de sección cuadrangular e basa de arestas biseladas. Na intersección aparece gravada a seguinte inscrición: "JPL. 2-11-1960. DEP". Erixida en memoria de don José Lamelas Paz, afogado pola lama cando regresaba de espantar os corvos nunha leira da súa propiedade.

Cruz de Francos
Situada a uns 50 metros, pista adiante, da capeliña construída en honra de San Vicenzo, coñecido tamén como O Santo de Francos. Cruz monolítica de granito coas arestas rebaixadas e parte inferior do fuste de sección cuadrangular. Asenta sobre unha rocha granítica de bo tamaño e feitura irregular. Soterraban "anxeliños".

Cruz de Merán
Localizada nun cruce de camiños na aldea do Muro Novo. Pequena cruz monolítica esculpida sobre unha prancha irregular de granito e fincada directamente no chan. Mutilada, fáltalle a cabeceira mailo brazo dereito. Paraban os enterros.

Cruz de Pena Corveira
Localizada na marxe esquerda do esteiro do Río Sor, debaixo do lugar denominado A Pena Corveira, entre San Roque e A Áspera. Erixida en memoria dun home afogado mentres pescaba. Non logrei vela, dixéronme que podería estar baixo a lama.

Cruz de Pimpín
Na entrada ao burgo da Gatariza, na marxe dereita do camiño. Pequena cruz de cantería que repousa sobre unha basa troncopiramidal. Na intersección ten gravada unha inscrición que, por estar moi repicada, non puidemos descifrar. Levantada en memoria dun home que se afogou no lugar a mediados dos anos cincoenta do século pasado.

Cruz de San Paio
Situada nunha encrucillada, a un quilómetro monte arriba do casal das Alpuxarras, preto do lugar onde se ubicaba o desaparecido convento de San Paio, habitado por monxas bieitas ata o século XV. Cruz monolítica de granito, de feitura irregular, fincada no chan. No pé figura gravada a data de 1919, ao parecer o ano en que foi construída por un veciño do burgo de Noche de nome Antón. Segundo contan, en tempos celebrábase un Via Crucis que ía dende a igrexa parroquial ao convento de San Paio e que a cruz actual substituíu a outra que formaba parte do mesmo.

Cruz do Carballo da Galiña
Situada no antigo camiño real que ía dende o burgo de San Roque ao Mosteiro. Tratábase dunha cruz trebolada dunha soa peza realizada en granito. Na actualidade só se conserva a basa, rota pola metade, e parte da cabeceira. Soterraban "anxeliños". Cando había un enterro, a comitiva paraba ao chegaren á súa altura para rezar as oracións, pousando o cadaleito sobre un banco de madeira que un home transportaba ao lombo. A cruz, feita por don Eusebio Polo Lázaro a mediados do século pasado, substituíu a unha anterior esculpida sobre unha prancha de granito cicelada arredor dos anos corenta por don José Baltar Galdo, que ao parecer tamén ocupou o lugar doutra máis antiga.

Cruz do Cemiterio
Hoxendía érguese acaroada á fachada do camposanto; orixinariamente situábase en fronte, ao outro lado do camiño. Cruz monolítica de granito de bo tamaño con arestas biseladas que apoia sobre unha base rectangular de cemento. Á súa altura rezábanse os responsos polo defunto antes de entralo ao cemiterio.

Sobre unha fornela situada por riba do lintel do portón principal que dá acceso ao cemiterio, érguese unha pequena cruz de granito. No lintel pódese ler a seguinte inscrición: "La gracia del Señor nos acompañe. Amén". No mesmo muro hai outra cruz de pequeno tamaño, coas arestas rebaixadas e os extremos dos brazos e cabeceira rematados en cuadrifolia, que apoia nun basamento granítico.

O Cristo do Chao das Bouzas
Desaparecido. Cruz monolítica de granito que se atopaba nas inmediacións do Mosteiro. Ao seu carón soterraban nonnatos. Segundo a lenda, polas inmediacións vagaba a Santa Compaña, procesión nocturna de ánimas en pena que a medianoite sae do cemiterio ou da igrexa para percorrer corredoiras e encrucilladas.


PARROQUIA DE RIOBARBA (San Paulo)

O Cristo do Chao
Cruz monolítica irregular situada nun cruce de camiños, moi preto da igrexa parroquial e da antiga escola de nenos. Fincada directamente no chan. Paraban os enterros. Antes da ubicación actual chantaba na marxe oposta do camiño. Durante anos permaneceu tirada ata que os derradeiros mestres da escola pública decidiron erguela. Durante uns traballos de desbroce a cruz foi partida polo pé. Na actualidade atópase apoiada nun poste da luz.

O Cristo do Río da Igrexa
Emprazado no camiño que vai dende O Tellado á Igrexa. Forma parte da cerca dun lameiro. Trátase dunha cruz calada (permite o paso da luz) realizada sobre unha grande prancha de granito. Cóntase que aquí ataban ás mulleres adúlteras durante varios domingos para que as viran os fregueses que se dirixían cara a igrexa para a misa.

O Cristo do Tellado
A cruz atópase no antigo camiño real que ía dende Riobarba a Mañón, que discorría por riba da pista asfaltada que, dende a Cruz da Pardiñeira, baixa á aldea do Tellado. Gran cruz monolítica coas arestas rebaixadas que repousa sobre unha plataforma formada por unha basa rectangular de arestas achafranadas; o conxunto descansa sobre unha base dun metro de altura formada por pedras de mampostería. Paraban os enterros.

O Cristo Grande
Situado na confluenza das estradas locais que levan ao Canto do Muro e O Vilar. Cruz monolítica de granito de sección octogonal que sustenta sobre unha basa cadrada cos rebordes superiores rebaixados. Quizais esteamos diante da cruz de máis sona da parroquia. Parada obrigada dos enterros. Ao seu pé soterraban "anxeliños" e tamén adultos.

O Cristo Pequeño
Atópase tirada no chan, baixo unha capa de terra, á dereita do camiño que vai ao Vilar. Tosca cruz monolítica de granito de formas arredondadas, o brazo dereito está parcialmente mutilado. Paraban os enterros e ao seu carón soterraban nonnatos.

Cruz da Encrucelada
Erixida na confluenza dos camiños que baixan á Insua e á Forqueta. A antiga cruz monolítica desapareceu hai anos, a actual, obra de don José Insua, veciño do Chao, mide 60 cm. de altura e 46 cm. nos brazos. Asenta sobre un basamento formado por pedras graníticas de feitura irregular. Paraban os enterros.

Cruz da Fonte do Vilar
Ubicada no antigo camiño real que ía dende o burgo do Vilar á Igrexa. Orixinariamente situábase na marxe dereita do camiño. Desprazada do asentamento orixinal, atópase abandonada nun lameiro. Trátase dunha cruz monolítica de granito, toscamente labrada e de brazos desiguais. Paraban os enterros.

Cruz da Garita
No alto do monte da Cruz da Garita, na marxe dereita do camiño que baixa a Golpeiras. As novas pistas que levan aos muíños eólicos están a desfigurar a antiga paisaxe. Do antigo conxunto só se conserva a basa irregular sobre a que asentaba. A moderna cruz de cantería, realizada por don José Insua, substituíu á antiga monolítica de bo tamaño. Ata non hai moitos anos aínda se conservaba parte do fuste. O topónimo fai alusión a unha garita ou torre de vixiancia, mesmo a un asentamento castrexo polo que cabe a hipótese de que o lugar fora cristianizado; a Igrexa asociou un bo número de monumentos prehistóricos esparexidos por Galiza con lugares adicados ao culto pagán.

Cruz da Pardiñeira
Chantada no cruce de camiños que leva a Riobarba, Cabanas e Viveiro. Antano situábase dentro dos límites de Covas (Viveiro) actuando como marco divisorio entre esta parroquia e a de Riobarba. Cruz monolítica de granito con arestas recortadas. Ao seu pé soterraban nonnatos e adultos.

Cruz das Budueiras
Podemos acceder á cruz por unha fermosa corredoira que discorre por debaixo do casal de Espigueiras, entre magníficos exemplares de acivros, paisaxe que muda de súpeto ao chegaren preto da cruz polos omnipresentes eucaliptos. Orientación suroeste. Semi enterrada. Paraban os enterros.

Cruz das Cavadas
Emprazábase na marxe dereita do camiño que vai dende O Canto do Muro ao burgo do Vilar. Por mor das obras de acondicionamento da estrada local, foi removida o que ocasionou que partira polo pé. Hoxendía atópase tirada e abandonada nun lameiro próximo. Cruz monolítica de granito, de forma irregular. Descoñecemos a súa altura orixinal; os brazos miden 60 cm. Na intersección presenta unha pequena cruz latina. Á súa altura paraban os enterros. Ao parecer, a cruz foi construída por un veciño do Canto do Muro ao que alcumaban Carlos das Cruces, cuñado do que fora xuíz municipal do antigo concello de Riobarba, Ramón Fernández Gómez, finado no ano 1933, que, á parte da súa laboura como delegado xudicial, encargábase de facer os cadaleitos para os mortos.

Cruz das Golpeiras
Erixida a finais do século XIX, desapareceu hai poucos anos. Situada preto do solitario casal das Golpeiras, no camiño que vai ata o alto da Cruz da Garita. Ao parecer, tratábase dunha cruz monolítica de bo tamaño e feitura regular. Segundo me contaron, a primeira cruz medía máis de dous metros de altura e tiña esculpida a imaxe de Cristo crucificado. Disque foi destruída parcialmente (perda do Cristo) durante a "Revolución" (A República). Segundo a lenda, nas noites de brétema, o camiñante que ousaba transitar polo lugar escoitaba o tanxido dunha campá, o número de badaladas indicáballe os días (anos segundo outros) que lle restaban no mundo dos vivos.

Cruz das Mangas
No camiño que vai dende O Chao á Forqueta e As Mangas. Cruz de lousa, de feitura irregular. Paraban os enterros. A cruz permaneceu tirada no chan durante longo tempo, hoxendía permanece custodiada na casa dun veciño da parroquia para que non a rouben.

Cruz de Abezán
Situada antes do cruce que vai ao Canto do Muro. Cruz monolítica de granito. Paraban os enterros. Orando ante a cruz, curábase o mal de ollo.

Cruz de Canoura
Para chegar ata a cruz hai que coller a estrada que vai dende A Igrexa á Ponte do Porto. Sobrepasado o cruce que leva ao Canto do Muro, continuaremos pola estrada uns 400 metros, desviándonos por un antigo camiño de carro que baixa, entre eucaliptos e pronunciado desnivel, pola dereita. A cruz atópase a uns 300 metros. Emprazada sobre un valado na marxe esquerda do camiño, carece de base. É de lousa dunha soa peza. Chama a atención o esquemático Cristo crucificado esculpido na intersección. Cóntase que a mediados do século XIX uns madeireiros (hai quen asegura que portugueses) que estaban a talar os carballos que medraban no Plantío, monte hoxe en día ateigado de eucaliptos, asasinaron (descoñécese a causa) a un compañeiro, soterrando o cadáver ao pé da cruz. Dende aquelas, disque o espíritu do home, para lembrar o infame crime, laia a voz en grito a súa desgraza. Mesmo xuran que as vacas, que son as primeiras en escoitar os estarrecedores berros, néganse a pasar polo lugar.

Cruz de Caño Melchor
Situada sobre un valado nun cruce de camiños, na marxe dereita da estrada local que vai dende O Chao ao Rego. Cruz asentada sobre unha base de pedra ovoidal.

Cruz de Espigueiras
Emprazada sobre un valado situado á esquerda da pista asfaltada que vai ao burgo do Vilar, a medio cento de metros do casal de Espigueiras. Pequena cruz monolítica de granito, de feitura tosca e irregular que carece de base.

Cruz de Lamas I
Levántase no lugar onde confluían os camiños que viñan do Vilar e O Canto do Muro para continuar cara a igrexa parroquial de Riobarba. Cruz monolítica asentada sobre unha base irregular de granito. Paraban os enterros.

Cruz de Lamas II
Tosca cruz monolítica situada a uns 200 metros, camiño adiante, da anterior, na intersección dun cruce de camiños. Medio soterrada, sobresae 40 cm. do chan. Paraban os enterros.

Cruz do Carballal
Desaparecida. Situada no burgo do Vilar, no antigo camiño real que levaba á Igrexa. Era de granito. Á súa altura paraban os enterros. A xente acostumaba depositarlle ofrendas.

Cruz do Marco
Situada sobre un valado na aldea do Canto do Muro de Abaixo, no cruce coa pista asfaltada que vai ao burgo do Vilar. Cruz monolítica inserida nunha basa irregular cun oco polo que pasa o pé da cruz. Na intersección figura unha cruz latina. Paraban os enterros.

Cruz do Rego dos Bois
Ubicada na aldea do Rego dos Bois, na confluenza co camiño que vai a Costa. Pequena cruz latina de granito puído sen interese artístico pero si sentimental. Erixida en memoria de don Dositeo Díaz Vale que morreu repentinamente no lugar o 16 de xaneiro de 2006.

Cruz do Trobo ou Cruz do Falcón
Desaparecida. Situábase a 100 metros da aldea do Rego dos Bois, na marxe dereita do camiño asfaltado que vai a Costa. Era de madeira. Erixida en memoria dun home que morreu aplastado por un carro de vacas a principios do século XX que atendía polo alcume de O Trobo. O topónimo Cruz do Falcón fai alusión a un cruce de camiños que hai no lugar.

Cruz dos Cunqueiros
A uns 800 metros da Ponte do Porto, dirección igrexa parroquial de Riobarba, hai que desviarse por un camiño a man dereita da estrada que leva ao abandonado pobo dos Navallos. A cruz atópase a uns 300 metros, á esquerda da pista. Pequena cruz monolítica de lousa chantada na terra e con cruz latina insculpida na intersección. Polo feito de estaren nun lugar despoboado, din que ao seu pé se celebraban bautizos prenatais.

Cruz dos Sirgos
Dirección Cabanas, a 700 metros do cruce da Cruz da Pardiñeira, na confluenza das estradas que levan ao Vicedo, Viveiro, Riobarba e Cabanas. Trátase dunha cruz monolítica de granito de boa feitura asentada sobre un valado na marxe dereita dun antigo camiño (hoxe en día inzado de matogueira) que discorre paralelo á actual estrada a Cabanas, pouco antes do desvío a Maladas. A cruz sobresae 90 cm. do chan. A curta cabeceira fai que a escultura amose un aspecto desproporcionado. Carece de basamento. Enterraban "anxeliños" e tamén adultos. Tamén se di que asasinos.


PARROQUIA DE SAN ROMÁN DO VAL (San Román)

Cruz da Fonte de Vilela
Emprazada no burgo de Vilela. É de cemento e carece de valor artístico. Forma parte dunha fonte construída, tal como reza a inscrición, no ano 1959.

Cruz da Fonte dos Caños
Situada á dereita da estrada local que vai a Suasbarras. Tratábase dunha pequena cruz granítica dunha soa peza, de sección octogonal, erixida no pináculo da Fonte dos Caños. Na actualidade só se conserva parte do fuste. Unha gran pía monolítica recolle a auga que mana de dous canos. Segundo os veciños, é a fonte de máis sona da parroquia. Apenas se conserva memoria do ano en que romperon a cruz, se ben hai quen asegura que foron os "comunistas".

Cruz da Praia de San Román
Levántase no alto dun cantil que domina a praia de San Román. Orientación sur. Xigantesca cruz de 490 x 300 cm, de escaso valor artístico, non así emocional, feita con perpiaños que asentan sobre unha basa cúbica de 50 cm. de alto e dúas grades cuadrangulares. Erixida en memoria das vítimas dun naufraxio acontecido o 5 de agosto de 1957.

Cruz dos Leás
Desaparecida. Situábase no monte dos Leás, nun cruce de camiños. Pequena cruz de pedra dunha soa peza. Ofrendáballe púcaros con leite. Cóntase que nas noites de néboa escoitábase laiar uns nenos.

Cruz do Porto
Desaparecida. Atopábase no cruce que, dende a estrada xeral, leva á aldea de Vilela. Era monolítica de granito. Paraban os enterros.


PARROQUIA DE SUEGOS (Santa María)

O Cristo dos Novás
Emprazado á dereita do camiño que enlaza Suegos co abandonado casal dos Novás. Cruceiro de pedra ansentado sobre unha base cúbica de arestas achafranadas e dúas grades cuadrangulares. O fuste, de sección octogonal, agás nas partes superior e inferior que é cadrado, mide 220 cm. O capitel, con molduras, sobresae con respecto do varal e presenta forma troncopiramidal invertida. A cruz ten as arestas recortadas con remates en rosáceas nos extremos. Carece de iconografía. Paraban os enterros.

O Cristo do Seixo
Cruceiro situado na marxe esquerda da estrada local, entre eucaliptos, que vai dende O Folgueiro a Suegos, á altura do camiño que baixa ao casal do Seixo. Irmán, aínda que non xemelgo, do Cristo dos Novás, apréciase a man do mesmo artista, tanto na feitura como nas medidas, que son idénticas. O único elemento que os diferencia é que este conta cunha grade máis. O basamento atópase moi deteriorado. Paraban os enterros.

O Cristo Grande
Desaparecido. Localizábase á entrada do burgo do Folgueiro. Tratábase dunha cruz monolítica de granito de considerábeis dimensións. Paraban os enterros.

O Cristo Pequeño
Desaparecido. Situábase no camiño que vai dende O Folgueiro a Suegos. Cruz monolítica de granito. Paraban os enterros.

A Cruz do Casupo
Atópase no Folgueiro, á dereita da estrada que leva a Negradas, no lugar coñecido como O Casupo. Pequena cruz de pedra feita polo veciño da Pallaza don Vicente Labaén, sustentada nunha base de cemento, que substituíu a outra monolítica de maior tamaño. Á súa altura paraban os enterros. A raíz dunhas obras, a antiga cruz foi removida, provisoriamente, do seu emprazamento, circunstancia que aproveitaron para roubala.


PARROQUIA DO VICEDO (Santo Estevo)

O Cristo de Piñeiro
Desaparecido. No lugar de Piñeiro. Cruz, primeiro de pedra e logo de ferro, que asentaba sobre unha basa piramidal de granito. Paraban os enterros. Ofrendábanlle púcaros con leite.

Cruceiro do Cemiterio
Fronte á entrada principal do cemiterio situado preto da igrexa parroquial. Cruceiro moderno de cantería asentado sobre unha basa cúbica coas arestas rebaixadas e dúas grades cuadrangulares pertencentes a un cruceiro anterior que había nas inmediacións e que hoxe se ergue no adro da igrexa de San Estevo. O fuste ten forma troncopiramidal invertida. No anverso da cruz, sobre o capitel, figura Cristo crucificado e na cabeceira figura insculpida a inscrición INRI. No reverso presenta a imaxe da Virxe coas man en posición orante colocada sobre unha peana de cabeza alada de anxo; sentados sobre os brazos da cruz aparecen dous querubíns alados en acción de lle cinguir unha coroa.

Cruceiro do adro da igrexa de San Estevo
Colocado no ano 2007, o cruceiro de cantaría que se ergue no adro da igrexa parroquial asentaba nas proximidades onde se erixiu o moderno cruceiro do cemiterio. Foi a mediados dos anos trinta do pasado século XX cando sufriu importantes mutilacións: a cruz quedou totalmente esnaquizada, sendo substituída naquel entón por unha de cemento. O fuste tamén foi partido pola metade, uníndoo logo con grampas de ferro.

Cruz do Curro
Na aldea do Curro, á esquerda da pista asfaltada que vai dende o cemiterio parroquial á estrada xeral Viveiro-Ferrol. Orientación oeste. Cruceiro de sección octogonal, agás nos extermos que é cuadrangular, asentado sobre un pedestal cúbico coas arestas achafranadas. Sobre o sinxelo capitel érguese unha cruz grega cos extremos dos brazos e a cabeceira rematados en cuadrifolia. O Cristo crucificado, baixo o letreiro de INRI, aparece representado con tres cravos e coroa de espiñas, pé dereito montado sobre o esquerdo, pano de pureza anoado á dereita, boca e ollos pechados e cabeza ladeada cara a dereita. Chama poderosamente a atención as desproporcionadas medidas do crucificado, con brazos moi grosos e pernas moi curtas e fracas con respecto ao resto do corpo. Debaixo do capitel, sobre unha peana, figura unha Virxe con manto en posición orante. Paraban os enterros ata que, por liortas entre un cura e os propietarios da cruz, deixaron, por decisión de aquel, de facelo. Segundo me contou o dono actual da cruz, Antonio Carreja "Toné", o motivo veu dado pola negativa da familia de donar o cruceiro á Igrexa, feito que non apraceu ao cura en cuestión, quen, como represalia, negou a parada aos enterros que pasaban á súa altura.


OUTRAS CRUCES

Ademais das descritas, o municipio do Vicedo conta con outros exemplares que, se ben non cabe encadralos dentro da tipoloxía dos cruceiros propiamente ditos, cumpren unha función simbólica de protección polo simple feito de seren un elemento sagrado. Érguense, preferentemente, na cima das igrexas, sobre os campanarios e, en menor medida, nos tellados de casas ou cabaceiros. Estas cruces reciben o nome de antefixas ou cumiais, tradición que se remonta á Idade Media.

Capela do San Roque (Negradas)
A ermida, mandada construír a mediados do século XVI por Gómez Pérez das Mariñas Ribadeneira que obstentou varios cargos durante o reinado de Felipe II, sufriu hai poucos anos unha lamentable restauración. Situada no burgo de San Roque, levántase xunto o Pazo de Outeiro que pertenceu a María Sarmiento, muller de Pérez das Mariñas, fundadora dun colexio de Gramática en Viveiro. Sobre a modesta espadana dun oco érguese unha pequena cruz de ferro.

Igrexa parroquial de Cabanas (Século XV)
Cruz lobulada de granito no crucel do tellado da capela maior. Nun lateral do aleiro, cruz lobulada de granito inserida no lombo dun xabaril, símbolo dos Andrade. Pequena cruz monolítica que coroa a espadana dun oco situada por riba do pórtico. Cruz latina de pedra dunha soa peza inserida nun muro lateral do pórtico.


Igrexa parroquial de Mosende (Século XVII)
Coroando a espadana da igrexa, cruz de pedra cos extremos dos brazos e da cabeceira rematados en cuadrifolia.

Igrexa parroquial de Negradas (Orixe románica, s. XII-XIII)
Disque a igrexa pertenceu a un antigo mosteiro. Cruz de ferro sobre a espadana e pequena cruz monolítica de granito no crucel do tellado.

Igrexa parroquial de Riobarba (Século XIV)
Nun dos ángulos da cuberta, cruz lobulada de granito inserida sobre unha escultura zoomorfa. Sobre a espadana de dous ocos, cruz de pedra cos extremos dos brazos e da cabeceira rematados en molduras circulares.


Igrexa parroquial de San Román do Val (Século XV)
Cruz de granito cos extremos dos brazos e da cabeceira rematados en rosácea. Coroando a espadana, situada no piñón anterior da nave, pequena cruz de granito.

A Capariña (Cabanas)
Unha pequena cruz monolítica de granito de boa feitura adorna o crucel do tellado dunha casa. Actuaba como protectora do fogar.

O Tellado (Riobarba)
Ao igual que a anterior, a pequena cruz de granito atópase no crucel do tellado dunha casa.

O Vicedo
Cruz de granito no crucel dunha casa situada preto da igrexa parroquial de Santo Estevo.


Xabier Moure (outono do ano 2007)