O CATASTRO DE ENSENADA NO CONCELLO DO VICEDO

LIMIAR

Cando andaba a completar un traballo sobre a Toponimia do concello do Vicedo, batín coa escaseza, tanto de fontes documentais coma bibliográficas que nos achegara ao Pasado do municipio, mencionado só de pasada en obras referidas a outros ámbitos xeográficos. Foi aquí cando me veu á memoria a enquisa máis antiga e minuciosa sobre os pobos da coroa, realizada a mediados do século XVIII, que nos podería fornecer dalgúns datos sobre os nomes de lugar recollidos naquela época. Estámonos a referir ao coñecido como Catastro de Ensenada.
Ao chegaren ás miñas mans as copias dos manuscritos correspondentes ás sete parroquias que compoñen o actual municipio do Vicedo, custodiados polo Ministerio de Cultura, axiña me decatei da complexidade da empresa na que embarcara: transcribir e traducir uns documentos escritos cunha caligrafía, aínda que coidada, con moitas abreviaturas, encadeamento de palabras, tinta esvaída, etc. non ía resultar doado, atrancos que, lonxe de desanimarme, empurroume a adentrarme nunha parte da Historia do concello apenas coñecida.

O CATASTRO DE ENSENADA

Recibiu o nome en honra do seu impulsor, o Marqués de la Ensenada, Cenón de Somodevilla Bengoechea, nacido en Hervías (A Rioxa) no ano 1702. No ano 1743, Filipe V encomendoulle a Secretaría de Estado e a responsabilidade da Facenda Pública. O rei Fernando VI confirmouno nos cargos nos que permanece doce anos. A súa máxima preocupación era a de sanear as arcas da coroa. Partidario de Francia no seu litixio con Inglaterra, alónxanno da corte. Desterrado, morre en Medina do Campo no 1781.
O Catastro foi o paso previo a unha reforma fiscal (que non se levou a cabo) cuxo propósito era a de simplificar as inxustas e complicadas rendas provinciais e substituílas por unha Única Contribución para «que pague cada vasalo a proporción do que ten» e rematar así cos privilexios de nobres e eclesiásticos. A realización do Catastro forneceu á Administración dun coñecemento en profundidade da estrutura do territorio, da que adoecía, chegando ata vilas, burgos, granxas e fincas por minúsculas que fosen. 


Levar a bo porto a inxente tarefa foi particularmente complicada en Asturias (incluída na provincia de León) e Galiza debido á complexidade xurisdicional, ao espallamento da poboación, á fragmentación da sociedade e á orografía do terreo. A provincia de Mondoñedo, á que pertencían as parroquias obxecto deste traballo, contaba con trinta xurisdicións, dezaseis coutos, tres vilas e unha cidade que, xunto coa manchea de freguesías que zarrapicaban a súa xeografía, ocupaban unha extensión de 2.070 quilómetros cadrados onde vivían preto de 85.000 persoas.
Se en Asturias se fixo por concellos e coutos, en Galiza realizouse por freguesías, é dicir, pola xurisdición civil e non pola eclesiástica, xa que a poboación que residía en núcleos urbanos apenas acadaba o 7% do total. Entre os anos 1750 e 1754, todas as poboacións da coroa, agrupadas en vinte e dúas provincias, entre elas o Reino de Galiza que se subdividía, dende mediados do século XVI, en outras sete (Betanzos, Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago e Tui), foron sometidas a un minucioso cuestionario, chamado Interrogatorio, de corenta preguntas sobre o límite, xurisdición, fontes de riqueza, nome dos propietarios, pago de dezmos e trabucos, cultivos, campos, gandería, etc.
Ata a Constitución de 1812, as parroquias eran de xurisdición real ou de señorío. Segundo o Catastro, nos anos 1752 e 1753, Cabanas, Mosende, Riobarba e unha parte de Suegos eran reguengas, mentres que Negradas, O Val (O Vicedo), San Román e a outra parte de Suegos de señorío.
Á división provincial de 1833, baixo a rexencia de María Cristina, que eliminou oficialmente o Reino de Galiza, desintegrando o país en catro provincias sen relación entre elas e pasando, como o resto do Estado, a ser unha rexión, seguiulle a división municipal que no caso que nos ocupa estableceu, no 1840, o concello de Riobarba, con capital na Pardiñeira, que perdería a titularidade no ano 1952 coa creación do moderno municipio.
Coa finalidade de facer máis amenos os Interrogatorios, fuxo da orde establecida nos mesmos, resumindo as preguntas e, cando teñen relación entre si, aglutinándoas, así como da transcrición literal das respostas xa que nos impediría, se mantemos a rixidez dos manuscritos, complementalas con outros datos de interese que permita entendelas mellor, achegándonos, asemade, á xeografía, historia, sociedade, economía, etc. do municipio, non só nos anos da confección do Catastro, senón dun período no que os estamentos nobiliar e eclesiástico eran os grandes beneficiarios da produción coa extración de rendas en detrimento dun campesiñado maioritario. Para facermos unha idea dos privilexios dos que gozaban nobreza e clero, dicir que estes repartíanse o 60% da produción, distribuíndose o restante 40% entre un campesiñado que supoñía o 80% da poboación.
As Respostas Xerais do Catastro do Marqués de la Ensenada, permítenos descubrir unhas formas de vida que, ata non hai moito, practicaban os nosos devanceiros, os lugares que frecuentaban e que aínda hoxe perduran a través da toponimia, e, porque non, mesmo recoñecer nas persoas relacionadas nos Interrogatorios a algún antepasado.

OS INTERROGATORIOS

Ao Interrogatorio precédeo un preámbulo onde se indica a data de realización: San Estevo do Val o 17 de setembro de 1752, San Miguel de Negradas o 13 de decembro de 1752, San Román do Val o 20 de decembro de 1752, Santa María de Suegos o 8 de febreiro de 1753, San Pedro de Mosende o 14 de maio de 1753, Santa María de Cabanas o 16 de maio de 1753, e San Paulo de Riobarba o 18 de maio de 1753.
Como representantes da Administración, a dirección correu a cargo de dous xuíces subdelegados nomeados ao efecto: Miguel Agustín Reymonde Lizarán e Zurbarán nas parroquias de Cabanas, Mosende e Riobarba, e o licenciado Pedro Saravia nas de Negradas, San Román do Val, Suegos e O Val. Entre as autoridades locais destaca a dos representantes da Igrexa católica, misión que nas parroquias do municipio do Vicedo recae, «como persoa imparcial», sobre o cura párroco correspondente, presenza non casual que obedeceu a tranquilizar ao clero durante as averiguacións dos seus bens, non en balde o propio Inquisidor Xeral, representado na Real Xunta da Única Contribución polo secretario Bartolomé Sánchez de Valencia, supervisa todo o proceso. Polo tanto, velar polos intereses eclesiásticos nas distintas freguesías encomendóuselles aos párrocos Ignacio Antonio de Barreiros de Santa María de Cabanas, Xoán Antonio Osorio e Bolaño de San Pedro de Mosende e Santa María de Suegos, Alonso de Longarela de San Miguel de Negradas, Francisco Cao de Cordido de San Paulo de Riobarba, Luis Andrés Teixeiro de San Estevo do Val, e a Xosé Antonio López de San Román do Val.


Ademais dos párrocos están os pedáneos das distintas freguesías, responsabilidade que obstentan Domingo Pérez de Cabanas, Ignacio Martínez de Mosende, Francisco Gómez de Negradas, Manuel do Vale de Riobarba, Ciprián Rodríguez de San Estevo do Val, Domingo de Insua de San Román, e Xoán López de Suegos.
En calidade de «peritos intelixentes» nomeados polo Común (os veciños) figuran Andrés do Chao e Pedro da Bouza en Cabanas, Xoán Antonio González en Mosende, Marcos Paz e Xoán Gómez en Negradas, Pedro do Río en Riobarba, Xoan de Castiñeiras e Xoán López en San Estevo do Val, Ignacio de Insua e Xosé de Insua en San Román do Val, e Simón de Insua e Xoán das Veigas en Suegos, que comparten responsabilidade cos «peritos expertos» designados pola Administración: Xosé Díaz, Euxenio Antonio Lebredo, Xosé de Parga, Caetano Arias, Xoán Antonio González, Francisco Prieto e Luis Rubio.
A continuación, tal como establece o Real Decreto de 10 de outubro de 1749, que han de «satisfacer, baixo xuramento, as xustizas e demais persoas que farán comparecer os intendentes en cada pobo», logo de xurar que «declaran a verdade segundo saben e entenden», o escribán (antigamente, persoa encargada de escribir documentos legais, facendo as funcións de notario) comeza a transcrición das respostas ao cuestionario.

Pregunta 1. Nome da poboación.
A esta pregunta, formal, as testemuñas ratifican os nomes de cadansúa freguesía: Santa María de Cabanas, San Pedro de Mosende, San Miguel de Negradas, San Paulo de Riobarba, San Estevo do Val, San Román do Val e Santa María de Suegos.

Pregunta 2. Xurisdición.
Contestan que Cabanas, Mosende e Riobarba son de xurisdición real e que os seus veciños non pagan «cousa algunha» por razón de vasalaxe. As de Negradas, San Estevo do Val e San Román do Val son de señorío, pertencentes á condesa de Grallal tendo que pagar por razón de vasalaxe tanto en especies, contabilizadas por fanegas (medida de capacidade para o gran dos cereais, feixóns e sementes, que, dependendo dos sitios, equivalía a uns catro ou cinco ferrados), como en moeda (reás de vellón). Unha parte de Suegos era de xurisdición real e outra de señorío con xurisdición propia (Couto), pertencente a Manuel de Cora, «veciño dela», e a Basilio Bolaño, natural de Sargadelos, quen percibían, ademais doutras rendas, a froitosa, antigo dereito señorial que consistía nun tributo que se pagaba ao señor en caso de morte do vasalo.


A parroquia de Santa María de Cabanas estivo unida á de San Pantaión de Cabanas (Ourol) ata o ano 1813. A de Mosende era anexa de Santa María de Suegos. Juan Donapetry cita na súa Historia de Vivero y su concejo un documento do ano 1618 no que se di que na parroquia de Riobarba había varios soutos pertencentes ao Propios (partes das terras comunais que pertencían a un municipio e cuxo beneficio destinábase a cubrir os gastos deste) do concello de Viveiro dos que os veciños estaban obrigados, sempre que cortaran castiñeiros «para facelos táboa», a darlle de cada seis un por razón de señorío e propiedade. O couto de Suegos pertenceu ao mosteiro de Lourenzá ata a súa venda, no ano 1634, a Alonso de Cora, Rexedor de Viveiro, ao seu irmán Bartolomeu, cura, e a Alonso López de Aguiar, de Cervo, en oitocentos ducados (antiga moeda de ouro).

Pregunta 3. Extensión e límites.
A superficie do territorio faise en legoas, antiga medida de lonxitude, vixente dende época romana, que equivalía a pouco máis de cinco quilómetros e medio. A lonxitude das freguesías que nos ocupan, van da oitava parte dunha legoa de «levante a poñente» (de leste a oeste) e outro tanto de norte a sur da freguesía de Suegos, a unha legua en ambas dúas direccións de San Estevo do Val, movéndose as demais entre estas distancias. Un dato curioso é a indicación do tempo que se precisaba para camiñalas ao que responden que para percorrer Cabanas a pé necesitábanse cinco horas, para Mosende seis, cinco para Negradas, tres para Riobarba, oito para San Estevo, para San Román catro, e hora e media para Suegos; medidas de tempo, supoñemos, que mudarían dependendo da persoa que realizara a camiñada. Nos datos fornecidos polo Interrogatorio aprécianse marcadas diferenzas canto á superficie reflectida e a actual, chegando nalgúns casos a relevantes variacións como acontece en Riobarba e Negradas.
Canto aos límites das freguesías, se ben é certo que os nomes de lugar sinalados nos Interrogatorios perduran aínda hoxe en día, si se observan algunhas diferenzas que podemos cualificar como lóxicas xa que, ante a falla dunha cartografía rigorosa, os veciños tomaban como referencia os puntos xeográficos máis doados de identificar, eventualidade que transmiten os planos, moi esquemáticos, debuxados á marxe das respostas. Verbo dos mapas, chama a atención o correspondente á freguesía de Suegos, dividido en dous, que delimitaba o territorio pertencente á xurisdición real e ao couto baixo dominio señorial.
Identifícanse nidiamente Galdo, San Pantaión de Cabanas, Fonte do Falcón, Montes do Picouto, Campo da Paleira ou o Marco do Peón cando falan de Cabanas; San Xoán de Covas, Chao do Marco, Marco de Liñares, A Fontanella, Fonte da Bidueira, O Folgueiral, Muíño do Rial, Marco da Pena, Pao do Lobo, O Chao ou o Brozo cando se refiren a Mosende; Alto da Vela, Veiga, O Xurbal, Río das Cavadas, Pozo de Merán, O Loureiro ou o Rego ao indicar os límites de Negradas; Río da Calvela, Cruz de Carracedo, Penas das Seixas, Monte do Seixo ou a Pasada do Batán cando de Riobarba; Pena do Vello, A Vela, Fonte do Faro Vello ou Campo do Bufadoiro ao marcar as lindes de San Estevo do Val; Camiño da Cruz, Pena da Vela, Campo da Lagoa, A Telleira ou o Rego da Ola no caso de San Román do Val; Furada dos Paraños, areal de Alegrín, Pena Grande, Marco da Cruz da Serra, Os Bebedoiros, Focellás, O Capeludo, Rego da Entornada, Pena de Riles, Fonte de Cosende ou o areal de Abrela ao referirse a Suegos.

Preguntas 4 a 14. Tipos de terras, árbores, medidas de superficie e capacidade que se usan, especies e cantidade de froitos.
En todas as parroquias, sen excepción, non se observan diferenzas no tocante á produción arbórea, tanto de madeira coma froiteira: en todas hai carballos, toxos, castiñeiros, nogueiras, amieiros, salgueiros, bidueiros, maceiras, pereiras, limoeiros e figueiras que se plantaban «sen orde nin regra», esparexidos por soutos, devesas, montes cerrados e abertos, terras de secano, de sembradura, de hortalizas e prados, pero sempre nas marxes das terras. A produción de cereais baseábase no trigo, millo, centeo e avea. A horta era rica en coles e outras legumes. Polo que poida parecer na actualidade, abundaban os viñedos, moi estimados na zona tal como se recolle en documentos do século XIII, produción que se mantivo ata mediados do século XIX en que as viñas foron atacadas pola enfermidade do oidium, fungo microscópico que ataca as plantas recubríndoas dunha especie de cinsa, similar ao mofo do pan, que, en pouco tempo, estragou toda a produción o que levou aos labregos a desfacerse delas. Entre os principais colleiteiros da comarca atopábase, no 1701, Antonio de Cora e Montenegro, veciño de Covas e Suegos, con catrocentos azumes. No 1738 colléronse en Suegos cento setenta e sete arrobas (unidade de peso que equivale a doce quilos e medio). E no 1818, oitenta en Suegos, noventa e cinco en San Estevo do Val, trinta en San Román, e dúas centas dez en Negradas.


Hai terras de primeira, segunda e terceira calidade ademais doutras que cualifican como «montes inútiles dunha mínima calidade».
A medida utilizada en todas as freguesías, que aínda se utiliza na actualidade, é o ferrado de centeo que equivale a vinte e oito varas castelás (cada vara equivalía a 0,8356 metros).
O valor dos distintos produtos non difería, polo xeral, dunha parroquia á outra. A moeda utilizada era o real de vellón, moeda principal entre os séculos XVI e XIX, entre os reinados de Carlos I e Isabel II. Había moedas de 1/2, 1, 2, 4 e 8 reás; 2,5 reás de vellón equivalían a un real de prata e este a trinta e catro maravedís; dezaseis reás de prata formaban un escudo de ouro.
O ferrado de trigo regulábase a razón de seis reás, o de millo a catro, o de centeo a tres, o de castañas a catro, un carro de leña a dous, mais, se era de toxo, a oito; un azume de viño a oito reás (o azume equivalía a 2,016 litros. Outra medida moi extendida para os líquidos era o cuartillo que equivalía a medio litro).

Pregunta 15. Décimos e primicias.
O dezmo ou décimo era unha contribución que os campesiños debían pagar á Igrexa, nobres ou ao rei que consistía nun 10% dos froitos que producían. A primicia era un imposto dos produtos suxeitos a dezmo.


En todas as freguesías, os veciños pagaban décimo ao párroco por razón de ofrendas o día da conmemoración do patrón ou patroa da parroquia. No caso de Riobarba pagaban dezmo e primicia, ademais de ao devandito titular da parroquia, ao Cabido de Mondoñedo, freires e capelanías e ao arcediago da igrexa de Santa María do Campo de Viveiro, Andrés de Viveiro. Todos os curas percibían de cada fregués casado medio ferrado de centeo ao ano, 1/4 de ferrado dos viúvos e viúvas por razón de oblatas (celebración de misas), e, cando morría un veciño, foran casados, viúvos ou solteiros, debían pagar seis reás «por dereito de sepultura maior» e dous «pola menor». En Riobarba tamén pagaban ao Cabido de Compostela por razón de voto. 1/4 dos dezmos de San Estevo do Val ían parar a Francisco Fandiño, cura da igrexa parroquial de San Xoán de Santiago, e outro tercio ao veciño de Viveiro Xosé Roel de Andrade; todas as terras desta freguesía estaban sometidas a dezmo, agás as pertencentes ás monxas de Ribadeo «das que non perciben dezmo algún». Os veciños de San Román do Val pagaban unha doceava parte ao tamén veciño de Viveiro Pedro Antonio Pardo. Os de Suegos abonaban dezmo ao presbítero de Santa María de Labacengos, en Moeche, e ao de Santiago de Viveiro, antiga igrexa que se atopaba na Praza Maior da Cidade do Landro derruída no ano 1840, pasando a parroquial a San Francisco.

Pregunta 16. Que cantidades soen pagar polos anteditos dereitos.
Segundo a parroquia, as cantidades aboadas aos respectivos curas non eran forzosamente coincidentes. Así ao de Riobarba pagábanlle 1.200 reás por ano, máis 178 por oblatas; ao arcediago de Viveiro 1770, e 970 reás ao Cabido de Mondoñedo. Ao crego de San Estevo do Val correspondíanlle por quinquenio 4.000 reás, máis 400 por razón de ofrenda. O cura de San Román recibía 1.600 reás, e Francisco Pardo de Viveiro, 1.143. O párroco de Suegos levaba 660 reás por ano, e outro tanto repartíanse os de Santiago de Viveiro e Labacengos.

Pregunta 17. Minas, salinas, muíños e "outros artefactos" explicando os seus donos.
Os enquisados de todas as parroquias responden que non hai minas, salinas, muíños de papel nin batáns (aparellos movidos por auga que tiñan unhas mazas de madeira coas que se batía a la ou a tea), só muíños fariñeiros, todos dunha soa moa, movidos pola forza da auga, profusión que denuncia a importancia dos cereais na dieta diaria de persoas e animais, construcións que hoxe en día atópanse totalmente abandonadas polos responsábeis de velar polo noso patrimonio etnográfico e que habería que poñer en valor.


A meirande parte dos muíños moían tan só a metade do ano, só algúns funcionaban durante os doce meses. En Cabanas había un no sitio da Pontiga pertencente a Antonio de Vale; outro no sitio da Igrexa propiedade de Antonio Rei e consorte que regulaba cincoenta e catro reás de vellón ao ano; un en Porto Cabanas a nome de Antonio González e consorte; outro máis no sitio da Rocha pertencente a un veciño apelidado Rodríguez e á súa dona (o nome do home resulta ilexible); tamén había outro muíño na Sanga. En Mosende documéntase un no Rego da Penela propiedade de Antonio Fernández; outro no Caroceiro pertencente a Domingo López e consorte que regulaba trinta reás de vellón ao ano; un a nome de Antonio Pego; un no Regueiro do Rial que moía oito meses ao ano propiedade de Antonio da Riveira e consorte que regulaba corenta e catro reás. Na parroquia de Negradas había un pertencente a Marcos Paz; un no Río do Batán propiedade de Domingo López; outro na Pena dos Cornos de Domingo Martínez; un no sitio do Monteiro cuxa propietaria era Dionisia Rodríguez; un en Francos a nome de Roque da Yglesia que regulaba cen reás ao ano; no Xurbal aparece un propiedade de Antonio García e consorte que regulaba cincoenta reás; un pertencente a María Rodríguez; e outro a Francisco de Ben. En Riobarba había un no Rego dos Bois propiedade de Andrés Polo e consorte que só moía a terceira parte do ano cunha produción de vinte e dous reás; un no sitio da Cova tamén a nome dos anteriores; outro no sitio de Reigadas de Antonio do Cal e consorte que regulaba corenta e catro reás; un pertencente a Antonio Vázquez e consorte; un no sitio do Porto propiedade de Andrés Polo; no Chao había un cuxos donos eran Antonio do Chao e consorte; outro propiedade de Xoán de Vale e consorte; un en Maladas pertencente a Xoán Pardo de Viveiro, «señor desta vila»; un no Rego do Monteiro de Lorenzo Polo e consorte; un propiedade de Alonso Cociña e consorte que regulaba corenta e catro reás. En San Estevo do Val había un propiedade de Pedro Pardo, veciño de Santa María de Mañón; un de Antonio Santalla e consorte; outro de Bernardo González e consorte; un en Baltar pertencente a Xoán Castiñeiras e consorte; un a Manuel Vázquez, veciño de Viveiro; dous en Valdesuso, un de Salvador da Yglesia e consorte, e outro de Laureano López e consorte. En San Román do Val documentan un na Veiga da Rega pertencente a Francisco Rodríguez e Domingo da Insua e consorte; un propiedade de Xosé Dovale; un de Xosé Pardo; e outro máis propiedade de Xoán de Viveiro. Resulta curioso o caso de Suegos onde non se documenta ningún muíño fariñeiro o que nos fai supoñer que, ou ben non funcionaban, ou que a tradición muiñeira da parroquia iniciouse con posteridade á confección do Catastro.
Non temos constancia de explotacións mineiras nas parroquias de O Vicedo, só a información tirada de J. Donapetry que fai mención a unha solicitude formulada polo buscador de minas Ricardo de Llano Oleaga, no ano 1889, para rexistrar varias minas de mineral de ferro, unha delas en Suegos.
Con respecto á existencia de salinas mencionadas na pregunta, en todas as freguesías contestan que non hai ningunha, afirmación que non cuestionamos. Mais si queremos deixar constancia de que alomenos a parroquia de San Estevo do Val non era allea a este tipo de establecementos tal como o demostra un documento, custodiado no Arquivo da Catedral de Mondoñedo e datado no ano 1099, no que un tal Onega Ovéquiz dona ao mosteiro de San Miguel da Coelleira «mi villa propia, que e de meu padre et mea madre, que es chamada Pineiro, en terra de Sor, cerca da ribeyra de mar et Geloy (Xilloi) et Santo Estevao; et dola toda enteramente assi como la eu eredo, con vasallos, et casas, et pescaderías, et salinas...».

Preguntas 18, 19 e 20. Gando, "excluíndo as mulas de coche e cabalos de regalo", e colmeas, e a quen pertencen.
Á pregunta 18 responden que en ninguha freguesía «hai esquilmo», término ambiguo na documentación catastral que semella aludir ao lugar onde se practicaba a rapa das ovellas. Malia o anterior, en San Pedro de Mosende din as testemuñas que hai ovellas que producen media libra de la ao ano (algo menos de medio quilo).
Canto á cabana gandeira, en todas as parroquias hai éguas, cabalos, bois, vacas, xatos, cabras, leitóns, ovellas, cordeiros, mulas, «porcos grandes e pequenos» e porcas «de ventre» (parideiras). Das vacas sácase leite, e manteiga dos porcos e tenreiros. Canto aos bois de laboura que por veces dan en parcería (labranza a medias) din que sempre recorren a algún veciño polo que non producen beneficio algún.


No que atinxe ao número de colmeas, nas sete parroquias contabilizamos 499, distribuídas do seguinte xeito: 56 en Cabanas, 32 en Mosende, 110 en Negradas, 97 en Riobarba, 67 en San Estevo do Val, 76 en San Román, e 61 en Suegos. Case todos os propietarios relacionados nos Interrogatorios teñen máis dunha, e todas producen enxame, mel e cera. Na freguesía de Santa María de Cabanas documéntanse os seguintes propietarios: Fernando López, Miguel Fernández, Xosé García, Alonso Rei, Pedro da Bouza, Francisco Sánchez, Domingo Rodríguez, Antonio Méndez, Francisco Franco, Domingo Vázquez, Andrés García, Andrés Rego, Antonio da Riveira, Pedro da Bouza veciño do lugar da Casanova, Domingo García e Xoán Rodríguez. En San Pedro de Mosende temos a María Alonso, Domingo Martínez, Ignacio Martínez, Domingo López, Pedro Fernández Noceda, Xoán Antonio González, Xoán González e Xoán Yáñez. En San Miguel de Negradas a Xoán Gómez, Xosé Vizoso, Franciso da Yglesia, Antonio López, Martín Yáñez, Francisco Gómez, Xoán López Vizoso, Antonio García do Xurbal, Xoán Rodríguez, Francisco Lamelas, Luís da Graña, Xoán de Galdo, Andrés da Insua, Domingo Pereiras, Luis de Vale, Blás da Graña, Pedro Gómez, Francisco López Vizoso, Ciprián da Yglesia, Antonio Coello, Domingo Fernández veciño do Muronovo e Antonio Lorenzo. Na parroquia de San Paulo de Riobarba figuran Francisco Cao «cura dela», Juan Antonio González, Juan Rodríguez, Lorenzo Polo, Salvador Fernández, Tomás da Bouza, Domingo Fanego, Domingo Pero do Canto do Muro, Pedro Salgueiro, Xoán Pérez, Domingo Rodríguez do Vilar, Tomás do Chao, Diego Rodríguez, Ambrosio Trasancos, Luis do Vale, Manuel do Vale, Salvador do Vale, Caetano Pigueiras, Xoán Martínez, Andrés Polo, e Antonio do Chao. En San Estevo do Val temos a Antonio Franco, Antonio Pérez, Euxenio Salgueiro, Félix López, Francisco Salgueiro, Francisco Rego, Francisco Fernández, Gregorio Franco «o menor», Xoán de Lamelas «o menor», Xoán Martínez, Xoán Antonio Salgueiro, Xoán de Castro, Xulián López, Lorenzo do Rei, Manuel Calvo, María Sánchez, María Fernández, Pascual Fernández, Roque da Pena, Silvestre Calvo e Salvador da Yglesia. Na freguesía de San Román do Val documéntase a Domingo de Insua, Domingo do Casal, Domingo Fernández do Pereiro, outro Domingo Fernández, Salvador Canoura, Francisco Canoura, Fernando Cociña, Silvestre das Bouzas veciño de San Pedro de Mosende, Fernando Vizoso e consorte, Xoán de Insua, Xosé de Insua, Xoán Martínez, Xosé López, Román da Casanova, Manuel Canoura, Pedro Fernández, Pedro Canoura e unha persoa de nome Rosendo cuxo apelido resulta ilexible. En Santa María de Suegos están o presbítero Luis López, Xoán Benito Pegueyras, Xoán do Real «o vello», Xoán Ramos, Xosé Díaz, Xoán de Cociña «o novo», Xoán Salgueiro, Xosé do Val, Tomás de Insua, Salvador Fanego, Sebastián López, Simón de Insua, Pelonia Rodríguez, Pedro Pablo de Cora, Pedro Pegueiras, Marcelo de Insua, Francisco Franco, Domingo Martínez, Andrés de Insua e Andrés da Pena. Supoñemos que os Pegueyras e Pegueiras correspóndese co Pigueiras actual, apelido de complicada etimoloxía.

Preguntas 21 e 22. Censo de pobación, casas e outros edificios.
No século XVII, Galiza medrou demograficamente en contraste co resto da coroa de Castela, crecemento propiciado, se falamos da agricultura, por un uso máis racional da terra e á simplificación das rotacións dos cultivos a partires de métodos máis complexos. De sistemas de rotación de catro ou cinco colleitas en tres anos, evoluciónase á alternancia dentro do mesmo ano agrícola e, polo tanto, a unha mellora da calidade de vida o que repercute no aumento da poboación. No século XVIII, á crise de produción, ocasionada en boa medida polos intentos da coroa de recuperar o centralismo, fai que Galiza estanque nunhas formas de feudalismo tardío. Para facermos unha idea do forte crecemento demográfico, no ano 1591 Galiza contaba con 629.236 habitantes e a provincia de Mondoñedo con 36.944. Cento sesenta anos despois, no 1752, data do comezo dos Interrogatorios nas freguesías de O Vicedo, duplicárase a poboación: Galiza tiña 1.299.312 habitantes e a provincia de Mondoñedo 78.078.
Segundo reflicten as respostas aos Interrogatorios, Cabanas tiña cento corenta veciños e cento quince casas, ningunha delas en ruínas; Mosende vinte e cinco veciños e dezanove casas, dezaseis delas habitables, dúas inhabitables e unha arruinada; Negradas cento dezanove veciños, oito deles no Muronovo, e cento dezanove casas, seis no Muronovo, vinte adegas e catro lagares; Riobarba cento trinta e catro veciños e oitenta e seis casas habitadas e unha en ruínas; San Estevo do Val cento corenta e cinco veciños e cento trinta e oito casas, doce adegas e cinco lagares; San Román do Val setenta e nove veciños, sesenta casas e doce adegas; e Suegos cincoenta e nove veciños dos cales trinta e nove pertencían ao término da xurisdición real de Viveiro, e os trinta restantes ao couto de Suegos, con cincoenta e cinco casas habitables, dezanove delas no couto, e nove adegas. En ningunha parroquia rexístranse veciños con casas de campo nin granxas.

Preguntas 23, 24, 25, 26 e 27. Bens propios do Común, gastos (salarios, festas, enlousados, fontes...) e trabucos.
Como norma xeral, ningunha freguesía gozaba de Propios, tampouco de arbitrio, sisa nin outra cousa, nin pagaban salarios á xustiza, deputados, fontes, festas ou serventes. Si pagaban impostos anuais por razón de servizo ordinario e/ou extraordinario ás arcas da cidade de Mondoñedo. Os veciños de Riobarba pagaban setenta e dous reás «que ao presente lle pasa Xoán Cribeiro, veciño desta freguesía, polo tributo dunha feira de gando que se fai dúas veces ao ano». O documento referido a Negradas aclara que sobre o lugar de O Muronovo «non saben nin poden dicir a canto fai o que pagaban xa que o facían cos da freguesía de San Paulo de Riobarba».

Pregunta 28. Bens transferidos e vendidos.
Contestan que non hai emprego, alcabala (tanto por cento que recadaba o fisco sobre as rendas de produtos e fincas), nin Millones (imposto indirecto sobre a alimentación), nin outras rendas enaxenadas.


Pregunta 29. Actividades industriais e comerciais, tabernas, mesóns, tendas, panaderías, carnizarías, pontes, barcas sobre ríos, mercados e feiras.
Os interrogados responden que en Cabanas hai dúas tabernas. En Negradas só hai un estanco de tabaco a cargo de Xoán López Vizoso. En Riobarba celébranse dúas feiras de gando vacún, unha o día da Santa Cruz de Maio e outra o día da Ascensión do Señor as cales eran tributadas e cobraban os veciños e Común por cada cabeza de gando que concorría a ela, «de fóra ou de calquera parte», un real de vellón cuxo dereito producía setenta e dous reás de vellón; tamén hai un estanco a nome de Antonio Fernández. En San Estevo do Val declaran que hai un estanco a cargo de María Antonia Fernández. En San Román do Val outro estanco propiedade de Manuel Canoura. En ningunha outra freguesía existen outras actividades industriais ou comerciais.
Se resulta chamativo que non fagan alusión á Ponte Segade, en Cabanas, choca aínda máis que ignoren a Ponte do Porto, de orixe romana, que salva o río Sor e polo que pasaba o camiño real que comunicaba Viveiro con Ortigueira en cuxo centro aínda se pode ver o pedrón que delimitaba as antigas provincias de Mondoñedo e Betanzos.

Pregunta 30. Hospitais.
Declaran que non hai hospitais.

Preguntas 31, 32, 33 e 34. Cambistas e mercaderes, tendeiros, médicos, cirurxáns, boticarios, escribáns, albaneis, canteiros, veterinarios, ferreiros, xastres, tecedoras, etc.
Responden que en Mosende hai unha tecedora chamada Dominga Díaz Miguez, e un xastre de nome Xoán González. En Negradas documentan dous ferreiros, Andrés de San Domingo e outro de nome ilexible; a viúva Francisca González como tecedora, e a costureira Xosefa Martínez. En Riobarba din que en canto ás ocupacións de artes mecánicas hai dous ferreiros que son Benito Pérez e Miguel Fouz; os xastres Andrés Gómez, Francisco Fernández e Luis Fanego; os zapateiros Xulián Pérez, Luis Fernández e Gome do Chao; os carpinteiros Domingo Abade e Gregorio Gómez; os albaneis Pedro do Río, Francisco Prieto e dous máis de nome ilexible; e de tecedoras Rosa Martínez, Carmela Vizoso, María Fernández, María Reimundo, María Antonia Fernández, María Antonia Gaioso, Antonia Fernández, Antonia Alonso, Clara Fernández, Xoana Fernández e a «solteira» María Fernández. En San Estevo do Val hai un escribán real que percibe cincocentos reás de vellón ao ano; dous ferreiros que son Xoán Antonio Salgueiro e Xosé de Oca; o xastre Francisco Franco, fillo de Xoán Franco; os zapateiros Francisco Pérez, Caetano Pérez, Domingo Mariño e Caetano Mariño; as costureiras María Rodríguez e unha tal Madalena (apelido ilexible); as tecedoras Xosefa Rodríguez, María da Pena e Teodora Fernández. En San Román do Val a única ocupación de arte mecánica é a de xastre que desenvolve Xulián da Peoxeira (?). En Suegos hai un xuíz da parte xurisdicional do couto que é Xoán López «o cal sen embargo é labrego de profesión», regulándolle ao ano por dito emprego cincoenta reás de vellón; Domingo Martínez traballa como carpinteiro; como xastre Domingo Rodríguez; e Xoana Alonso como tecedora. En todas as parroquias deixan ben claro que os ditos oficios son un complemento do de labrego, que obstentan todos, ademais de asegurar que non hai tendeiros de panos, médicos, cirurxáns, boticarios, arrieiros, etc.


Preguntas 35 e 36. Xornaleiros e pobres de solemnidade.
Non existen pobres de solemnidade que teñan que pedir esmola, nin xornaleiros e que só os labregos traballan no campo e cultivo das terras.

Pregunta 37. Embarcacións.
A pesares de que catro das sete freguesías son costeiras, tan só se documentan dúas embarcacións que faenaran no mar (ningunha nos ríos). En Negradas hai un barco cuxos propietarios son Francisco da Graña «fillo de Antonio da Graña», Andrés de Insua, Xoán González «fillo de Antonio González», Antonio García do Xurbal e un seu fillo, Xoán de Galdo, Domingo Pereiras e un tal Alonso. Outro barco de pesca atopábase en San Estevo do Val pertencente «por partes iguais» a Euxenio Salgueiro, Francisco Lamelas, Francisco de Foxo, Xoán Antonio de Baltar, Xoán de Castiñeiras, Diego Yáñez, Fernando da Pena, Xoán Antonio Carrexa, Pascual Rego, Francisco Salgueiro, Gregorio Vizoso, Gregorio de Vale e Xosé Rodríguez «os cales están matriculados mais tamén son labregos».
Os mariñeiros tiñan que matricularse para poder exercer a pesca, requisito que os obrigaba a estar dispoñibles ata os sesenta anos para servir na Armada Real.

Pregunta 38. Censo de eclesiásticos.
Os entrevistados responden que en Cabanas exerce o párroco Ignacio Antonio Barreiro. En Mosende Juan Osorio que tamén ten a cargo Santa María de Suegos. En Negradas hai tres: o párroco Alonso Longarela, o presbítero Domingo de San Domingo, e o crego do Evanxeo Xoán Pardo. En Riobarba Xoán de Cao Cordido como párroco, e o presbítero Urbano de Vale. En San Estevo do Val o párroco Luis Teixeiro e os cregos Alonso Franco, Domingo Lamelas, Bartolomeu do Casal e Xulián de Santaballa. En San Román do Val o párroco Xosé López. E en Suegos o citado Xoán Osorio de Monsende, o presbítero Luis López e o crego tonsurado (persoa laica no estado eclesiástico) Manuel de Cora.

Pregunta 39. Conventos.
Contestan que en ninguha parroquia existe convento algún de relixiosos ou relixiosas. En efecto, nas datas de confección dos Interrogatorios desapareceran os catro cenobios que había. A saber: o de monxas beneditinas situado na Insua de San Martiño, extinguido no século XV trala anexión a San Paio de Antealtares, en Santiago, logo da renuncia da derradeira priora María Vizosa. Outro de monxas bieitas, o de San Paulo, situado no monte que hai por riba da aldea das Alpuxarras. A cabeceira parroquial de Negradas ubícase no evocador lugar de O Mosteiro en alusión ao cenobio de monxes beneditinos que durante séculos habitaron o lugar. E por último temos o mosteiro de San Miguel da Coelleira fundado, ao parecer, no século V polo bispo Consencio, cenobio de trobadas lendas que teñen como protagonistas aos monxes-guerreiros da orde do Temple que, disque, se instalaron nel ata a abolición da orde, a principios do século XIV, polo papa Clemente V; cóntase que os trinta e seis monxes que vivían no mosteiro foron asasinados por un membro da familia de Bernaldo de Quirós. Segundo as crónicas, no ano 1545 xa debía estar totalmente arruinado.


Pregunta 40. Rendas propias do rei.
Case todas as testemuñas das distintas freguesías responden que o rei «non ten outra finca nin renda que deixe de corresponder ás xerais e provinciais», agás un bosque de carballos en San Estevo do Val de dez ferrados de primeira calidade, e un bosque de doce ferrados de segunda calidade en San Román do Val.
Logo dun resumo do declarado nas distintas freguesías e de subliñar que as testemuñas «en todo o que deixan dito e declarado afírmanse e ratifícanse baixo o xuramento feito o que executaron segundo a intelixencia e coñecemento en que nelo houberen intervido», o subdelegado e demais intervinientes asinan os documentos, dando así remate ás declaracións practicadas nas datas sinaladas ao principio nas parroquias de Santa María de Cabanas, San Pedro de Mosende, San Miguel de Negradas, San Paulo de Riobarba, Santo Estevo do Val, San Román do Val e Santa María de Suegos.

CONCLUSIÓN

Como apuntamos no limiar, o Catastro de Ensenada pretendeu simplificar as arcaicas rendas vixentes ata entón. Para levar a cabo obra de tamaña envergadura, precisábanse facer unhas «averiguacións» individuais en todas as provincias do reino dos bens dos seus habitantes, fosen vasalos, nobres ou eclesiásticos, e así poder calcular a renda local, provincial e do reino creando para elo a Real Xunta da Única Contribución que dependía directamente do rei Fernando VI.
As averiguacións nos pobos encoméndase aos Intendentes Provinciais quen, axudados por peritos, pedáneos e párrocos (que achegan os certificados de pagos dos décimos), recollen todos os datos.
A pesares da destitución do Marqués de la Ensenada no 1754, o proxecto non se paralizou e no ano 1756 estaba case rematado. Mesmo, ao ano seguinte, o papa Benedito XIV autorizou a aplicación da Única Contribución aos bens eclesiásticos. Mais, debido a unha serie de vicisitudes (mortes de Bartolomé Sánchez de Valencia e de Bárbara de Bragança, muller de Fernando VI) adiaron a súa aplicación. Nos anos 1760 e 1770, con Carlos III como rei, volveuse sobre o Catastro, pero nada se avanzou, abandonándose definitivamente no ano 1779.
Se ben é certo que a idea de facer un catastro que reflectira a realidade dos territorios da coroa non era nova (Vecindario de la Sal a instancia de Olivares no 1631, ou o Castastro de Patiño en Cataluña no 1715), si o foi a decisión coa que se puxo en marcha e se actuou.
Os datos fornecidos polos Interrogatorios nas sete freguesías do concello do Vicedo serve para coñecer da man dos seus protagonistas non só de que vivían, senón como vivían na segunda metade do século XVIII, na derradeira etapa do Antigo Réxime (nome co que se coñece o período anterior á Revolución Francesa do 1789 que abrangueu dos séculos XVI a XVIII). Así sabemos que a economía das parroquias do Vicedo gravitaba arredor, case exclusivamente, da agricultura e da gandería, ancorada en sistemas semi feudais onde señores e eclesiásticos seguían a gozar duns privilexios vedados á maioría.


A actividade téxtil ocupaba a boa parte da poboación rural galega. Polas respostas despréndese que as tecedoras das freguesías do Vicedo realizaban este proceso en teares manuais, posiblemente da súa propiedade, que traballaban para os comerciantes instalados no porto de Viveiro, actividade, ata mediados do século XVIII, restrinxida á comercialización local que aproveita a emigración ás segas para vender no exterior. Cabe salientar que o número de teares da provincia de Mondoñedo supoñían case o 35% dos existentes en Galiza o que permitiu triplicar a produción, conxuntura que non foi suficente, segundo afirma o profesor Ramón Villares, para acadar unha posición capitalista do sector da industria doméstica o que explicaría o fracaso desta actividade industrial.
Chama a atención a escaseza de barcos de pesca (só dous, un en Negradas e outro en San Estevo) cando estamos a falar dun territorio con catro parroquias costeiras, tendo en conta, ademais, que na segunda metade do século XVIII Galiza era a primeira rexión pesqueira de España, tanto na extracción de peixe fresco como na transformación e conservación. A minguada frota pódese apoñer, entre outras causas, ao establecemento da matricula do mar que, sen dúbida algunha, actuou en contra dos mariñeiros galegos pola súa suxección ao servizo da Armada e, pola outra, á superioridade dos métodos cataláns, que chegaron a Galiza na década de 1740, de pesca e salgadura. O sistema de cerco utilizado polos galegos é substituído polo de arrastre, e, no tocante á salgadura, introducen o sistema de prensado no canto do escochado, constrúen factorías e comercializan a produción.
Se en todas as parroquias se fai referencia á profusión de millo, cereal chegado de América e introducido en Galiza a principios do século XVII, non deixa de sorprender, en troques, a nula alusión á pataca, orixinaria de Perú e Chile, introducida en Europa a partires do século XVI e cultivada masivamente dende o século XVIII, quizais porque ata o século XIX utilizábase fundamentalmente como alimento de animais de ceba.
Para decatarmos da difícil situación a que fora arrastrado o campesiñado galego en xeral e o das freguesías do Vicedo en particular (que perduraría ata o século XX), valla como exemplo a testemuña, quizais un chisco esaxerada, do americano J. Adams a finais da década de 1770: «Na xente só vexo signos de pobreza e miseria... o único que parece rico son as igrexas; non hai ninguén gordo excepto os curas», percepción sobre as duras condicións dos nosos labregos que tampouco se lle escaparon ao P. Feixóo, o que non quere dicir, nin con moito, que en Galiza se vivira peor ca no resto dos territorios da coroa española, pola contra, a esperanza de vida estaba por riba doutras zonas da península.
Malia o dito, o campesiño galego, como era tradición, continuaba a loitar por se desprender do xugo de clero e nobreza, a violenta represión que seguiu á Revolta Irmandiña do século XV non impediu que os conflitos agromaran de novo, as revoltas contra señores feudais e eclesiáticos e a oposición contra os abusivos trabucos da monarquía foron en aumento a partires do século XVII, acadando o seu punto álxido no XVIII: sublevacións contra os mosteiros de Celanova (1673) e San Estevo de Ribas de Sil (1696); preitos contra o conde de Monterrei, resolto a favor deste, ao que os veciños responderon pechando as súas casas e fuxindo co gando; e contra o conde de Lemos ao que os labregos acusaban de inxustizas, exaccións e ameazas; ou o emprendido polos veciños de Oia no 1678 «polas extorsións que lles fan os frades», levantamento case xeralizado do 1770 contra a Contribución Única; ou o cruento conflito entre os veciños de Portocelo, San Cibrán, Burela e Nois e Raimundo Ibáñez, fundador da fábrica de Sargadelos, pola construción dun mazo, amosa que a actitude dos campesiños, en defensa dos seus dereitos, buliu moi lonxe da submisión. Revoltas que en non poucos casos leváronos á forca, ao azoute público, a galeras ou á cadea.
Na segunda metade do século XVIII, a relación entre produción e poboación fíxose difícil, é nestes anos cando se albiscan os primeiros síntomas dunha masiva emigración (calcúlase que ao longo dese século abandonaron Galiza sobre 300.000 persoas), primeiro cara Castela e Portugal e logo cara América, situación que marcou o inicio das vagas migratorias dos séculos seguintes que sacaron do país a preto de un millón de persoas, encarreiradas, segundo o profesor Xosé Manuel Beiras, cara as áreas periféricas dos mercados capitalistas, produtoras de materias primas necesitadas de man de obra barata, cunhas condicións de explotación brutais, transportada dende os portos galegos e convertida en mercadoría humana que, tal como denunciou o cónsul español en Montevideo, «dábanlle dúas comidas ao día compostas de tripas e patas de vaca salgadas... e só lles daban auga unha vez ao día, e ao que pretendía beber dúas veces dábanlle paus cunha doela dunha pica... que ao que falaba mal da comida, aínda que fose entre eles mesmos, amarrábano sobre o cañón dándolle vinte e cinco paus».
E ata aquí chega esta síntese histórica, xérmolo de novos estudos, que nos pode axudar a desentrañar e comprender mellor unha época convulsa que, sen dúbida, marcou o posterior desenvolvemento social, económico, e mesmo cultural, dun país con enormes recursos no que a emerxente fidalguía (nobres segundóns) e a Igrexa (clero secular e mosteiros), abeirados por un ineficaz e represor centralismo político, continuaban a acaparar a meirande parte da riqueza.

BIBLIOGRAFÍA

Andrade Cernadas, J.M. 1995: Monxes e mosteiros na Galicia Medieval.
Armesto, V. 1994: Galicia Feudal.
Chao Espina, E. 1988: Historia de Viveiro.  
Cal Pardo, E. 1983: El Monasterio de San Miguel de la Isla de la Coelleira.
Donapetry Iribarnegaray, J. 1991 (Edición facsímile): Historia de Vivero y su concejo.
Saavedra, P. 1985: Economía, política y sociedad en Galicia: la provincia de Mondoñedo, 1480-1830.
Sotelo Álvarez, A. 2000: As sete cidades cabezas de partido de Galicia de Agustín de Rojas - 1611.
Villares, R. 1982: La propiedad de la tierra en Galicia.
VV.AA. 1991 (Edicións A Nosa Terra): Historia de Galicia.

Xabier Moure