HISTORIA E LENDA DA ILLA DA COELLEIRA

O MARCO XEOGRÁFICO

En Historia de Vivero y su concejo (1953), Juan Donapetry Iribarnegaray, cronista oficial de Viveiro dende o 1946 ata a súa morte no ano 1961, describe a Coelleira como unha illa «situada diante da punta coñecida por Vixía do Vicedo, na parroquia de Santo Estevo do Val e próxima ao límite das provincias de Lugo e da Coruña; dista uns 500 metros de terra e o brazo de mar que a separa recibe o nome de Carreiro, ten unha profundidade media de 20 brazas (medida de lonxitude equivalente a 1,6718 metros) e por el adoitan pasar as embarcacións costeiras... É alongada de leste a oeste, medindo uns 600 metros de leste a oeste e 400 de norte a sur, acadando unha altura de 70 metros sobre o nivel do mar e a súa circunferencia non excede dunha milla. A parte norte e norleste é escarpada e a do sur, baixa; ao leste hai a punta de San Antonio, cuns pequenos illotes, logo unhas entradas do mar; ao nornorleste o illote do Cabaliño, que, na baixa mar, únese á Coelleira; seguen os illotes de Percebosa ou Percebellosa; ao oeste, os illotes de Carabelas e ao sur ten a punta da Cruz da Liñeira e unhas baixadas sen nome. Pódese atracar na illa polo Portiño, situado ao suroeste; e polo Liñeiro, situado ao leste».
Se ben coincide con Donapetry na súa descrición, o que fora cronista de Mondoñedo, Eduardo Lence-Santar (1876-1960), nun seu artigo, La Isla Coelleira, publicado no Boletín da Comisión provincial de Monumentos históricos e artísticos de Lugo no 1941, engade que o punto máis próximo da parroquia de Santo Estevo do Val á Coelleira coñécese co nome de Camero ou da Preñada, facendo referencia, ademais, a un lugar da illa chamado das Fraguas, lugar onde os monxes tiñan, supostamente, a forxa para traballar o ferro.

Enrique Cal Pardo, en El Monasterio de San Miguel de La Isla de la Coelleira (1983), completa a información xeográfica cuns datos achegados polo que fora axente forestal do Estado, xefe da zona de Viveiro, Enrique Fernández Llano. Di que a illa ten 1.852 metros de perímetro (medición que concorda coa de Juan Donapetry, coa única diferenza de que este reflíctea en millas mariñas) e unha superficie de 27 hectáreas, a cota máxima sobre o nivel do mar, cara o norte, é de 82 metros, e que a distancia entre a punta do Canteiro e o monte Vixía é duns 600 metros.
Na Coelleira abunda o feldespato («ollo de sapo» lle chaman por aquí), o mineral que forma parte de moitas rochas. Ademais das toqueiras que dan acubillo aos coellos, hai salamántigas (píntegas), percebes nas partes máis agrestes e aves: corvos mariños, cormoráns, araos e vinte e cinco clases de gaivotas. En tempos plantábase trigo dunha excepcional brancura. Tamén se pode atopar a «herba da fertilidade» que debe ser a mesma que noutros lugares de Galiza coñecen como «herba empreñadeira».

A ORIXE DO NOME

Cantó á orixe do nome Coelleira, a coincidencia entre os distintos autores consultados é case unámime. O profesor Cabeza Quiles, no seu libro Os nomes de lugar (1992), escribe que provén de cunicularia, derivación do latín cuniculus, coello, en alusión a un lugar abondoso neste roedor. Só R. Bascoy Pérez, en La Comarca de Ortigueira en el II milenio antes de Cristo (1960), propón unha etimoloxía distinta, mantendo a tese de que os nomes dos accidentes costeiros sempre están relacionados coa navegación e o tráfico marítimo. E iso acontece, asegura, no caso da Coelleira, nome que non vén de coello, senón do latín coelum, ceo; pero vai máis alá, facendo derivar o vocábulo coelum do grego kaio, queimar, arder, cuxa raíz cai deu en latín coe, adoptando a terminación um dos neutros da segunda declinación, formándose coeum que, ao engadirlle o sufixo abundancial -eira deu o actual Coelleira polo que o seu significado sería o de «abundancia de fogueiras» que actuarían como sinal aos antigos navegantes que buscaban o abrigo do antigo porto de Bares, hipótese que non cuestiono, os topónimos relativos a lugares costeiros destinados a orientar os barcos inzan a xeografía galega; no concello do Vicedo, sen ir máis lonxe, temos os montes Faro e Facho. Tampouco no tocante á afirmación de que os fachos da Coelleira sinalaban a entrada ao Porto de Bares, o famoso Coído, disque construído polos fenicios (outros din que polos romanos), pobo orixinario de Asia Menor cuxos destemidos mariñeiros xa comerciaban polas nosas costas hai máis de 3.000 anos.

AS FONTES DOCUMENTAIS

Sen entrar en sisudas disquisicións sobre un posible asentamento prehistórico (disque celta) -do que polo de agora non se coñecen restos-, a primeira referencia, non documentada, sobre a presenza humana na illa da Coelleira achégaa M. Amor Meilán na súa Historia de la provincia de Lugo (1918) quen conxectura que a fundación do primitivo mosteiro puido ser obra, a principios do século V, do bispo Consencio, cando Galiza se atopaba, en palabras de Donapetry, «axitada e perturbada polas intrigas e pérfidos manexos dos Priscilianistas». Sen dúbida, Amor Meilán refírese ao bispo galego Consencio ou Consensio quen, arredor do ano 420, enviou a San Agostiño, por medio dun monxe de nome Leonas, varios escritos de Prisciliano (Victoria Armesto en Galicia Feudal, edición revisada publicada no ano 1994), o gnóstico galego nacido en Iria Flavia (Padrón) e logo bispo de Ávila, que, poñendo en práctica as ensinanzas de Cristo, predicou un tipo de vida baseado na igualdade, na tolerancia e na pobreza coa creación de comunidades que vivían do traballo agrícola, fuxindo do crecente poder da Igrexa oficial; condenado por herexe, executáronno en Tréveris (Alemaña) no ano 385. Trasladados os seus restos para Galiza por un grupo de discípulos, axiña se converteu en mártir, creándose un movemento (estoxado por Donapetry) ao que, ademais do pobo, sumouse o clero en xeral e a maior parte do espiscopado, situación que case derivou nun cisma que mesmo puido trocar o devir da Igrexa.
Na Carta a Bastián da Pallarega, publicada en La Ilustración Gallega y Asturiana o 28 de xullo de 1888, Justo Pico de Coaña di que os primeiros monxes da Coelleira trasladábanse a Viveiro en barcas de coiro para dicir misa na capela sobre a que logo asentou a primeira igrexa dos franciscáns.
Tampouco deixa de ser unha hipótese o atribuír a fundación a uns monxes provenientes do mosteiro de San Claudio de León que conseguiran escapar á persecución do rei Leovixildo que invade Galiza no ano 585 e destrona ao derradeiro monarca, Andeca, anexionando o Reino Suevo á monarquía visigoda. Os autores que supoñen a fundación aos monxes de San Claudio baséanse na Historia de Galicia (1891) de Manuel Murguía que describe o periplo do abade Vicente e o prior Ramiro quen, xunto con doce compañeiros, pereceron a mans das tropas de Leovixildo (outros autores atribúen o martirio a Reckila); os superviventes buscan asilo en Galiza, erixindo casas de relixiosos «nas illas do noso Océano».

Donapetry, citando a Antonio López Ferreiro (1837-1910), o descubridor dos restos do Apóstolo Santiago que se veneran na catedral compostelá (malia a teoría que mantén de que pertencen a Prisciliano, na década dos anos oitenta do século pasado, o profesor Isidoro Millán descubriu unha inscrición no sepulcro que foi dada a coñecer no ano 2011 polo profesor da Universidade de Navarra Enrique Alarcón. Segundo a súa investigación, a inscrición, escrita en caracteres hebreos do século I entrenzado cunha palabra grega, Jacob marty, aludiría a Santiago como cumpridor do mandato de Cristo de ser testemuña no Finisterrae. A palabra marty significa, precisamente, testemuña), achega un documento do rei Ordoño II, do ano 915, onde se recolle o acordo dun concilio celebrado en Zamora ou talvez en Santiago de Compostela, en orde a restituír ás súas sés episcopais aos bispos de Lamego (Portugal) e Tui que, perseguidos polos árabes, fuxiron «á costa do mar e habitaron entre as súas rochas». Ao contrario do que aconteceu na meirande parte da Península onde a dominación musulmá durou varios séculos, a estadía en Galiza non pasou das tres décadas, dende o 714 ao 740; de aí que o noso país fora considerado un lugar seguro, o que non significou o remate das incursións musulmás, sendo a máis devastadora a derradeira levada a cabo por Almanzor na que arrasou Ourense, a península do Morrazo e Santiago onde só respetou o sepulcro do Apóstolo.
Afirma o cronista de Viveiro que ao mosteiro de San Miguel da Coelleira faise mención no concilio celebrado o 11 de marzo do 1088 en Husillos (Palencia) ao que asistiu Gonzalo, bispo de San Martiño de Mondoñedo. Respecto disto convén facer algunhas aclaracións. San Martiño de Dumio -fundador do mosteiro de Dumio, en Braga, Portugal, arredor do ano 530- foi quen trouxo a Galiza a devoción por San Martiño de Tours; nos anos 860 a 870, por mor da persecución e incursión dos sarracenos, a poboación cristiá busca refuxio no norte. Sabarico I, abade do mosteiro de Dumio, xunto cos seus monxes, establécese no lugar que hoxe ocupa a parroquia de San Martiño de Mondoñedo, preto de Foz, outorgándose o dito abade o título de bispo de Mondoñedo con sé no mosteiro de San Martiño, diócese que permaneceu alí ata o ano 1112, en tempos do prelado Nuno Afonso, que se traslada a Vilamaior de Brea que, co tempo, perde o seu nome e pasa a chamarse Mondoñedo, a vila que chegaría a ser capital da provincia do mesmo nome dende mediados do século XVI ata o ano 1833 cando se elimina oficialmente o Reino de Galiza, desintegrando o país e pasando de sete provincias (Betanzos, Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago e Tui) ás catro actuais. Canto á referencia a Gonzalo, nos últimos tempos estase a cuestionar de que bispo se trata. Para Cal Pardo, no Episcopologio Mindoniense (2003), nada ten que ver con San Gonzalo, o Bispo Santo de afamada romaría, quen, dende o castro de Marzán, conta a lenda, destruíu, cos seus rezos, a poderosa frota normanda -ou árabe- que tentaba invadir as nosas costas. Tese que rexeita J. Ramón Fernández Pacios no seu ameno e documentado libro San Gonzalo, bispo mindoniense, publicado no ano 2008, que pon na mesma persoa ao lendario San Gonzalo e a Gonzalo Froilaz, bispo de San Martiño entre os anos 1070 e 1108, home, por certo que, para os parámetros fixados pola Igrexa, tiña moi pouco de santo: preitos contra o poderoso bispo Xelmirez, o arcebispo de Toledo e o mosteiro de Lourenzá, ou as negativas a acatar as ordes papais e reais. Para rematar, Cal Pardo di que nas actas do concilio de Husillos -publicadas- non figura por ningures o mosteiro da illa da Coelleira.

O primeiro documento que fala de San Miguel da Coelleira -Quonicularia- data do 30 de xuño do ano 1095 no que Vimara Menendiz, agoniado polo peso dos seus pecados, fai unha doazón ao cenobio, do que era abade Veremundi, da terceira parte da igrexa de San Xulián de Loiba (Ortigueira) e a quinta parte doutra terceira, cos seus homes, que eran fillos de Sisnandi, a saber, Froyla, Gundisalvus e a súa irmá. O donante fai constar que bens e persoas pertenceran ao seu pai Menendo e ao seu avó Scemeno Lúpiz. Acepta a doazón o entón bispo Gundisalvi, irmán de Pedro Froilaz, conde de Traba. O segundo documento data do 18 de xullo do 1099, nunha doazón efectuada por varias persoas e que resumo (só inclúo as referenzas a persoas ou posesións do municipio do Vicedo) tomando o citado El Monasterio de San Miguel de La Isla de la Coelleira, de Enrique Cal Pardo: «Encabeza a doazón o mesmo donante anterior, Vimara Meendez... O cuarto donante é Gonçalo Vermudes que ofrece ao referido mosteiro a terceira parte da terra de Mogor -Moogorum- con outra terra sita en Vale (O Vicedo). O quinto donante, o máis humilde, é Godo Vermudes que, a unha co seu irmán Nuno Vermudes, outorga ao mosteiro e á igrexa de San Miguel a cuarta parte da vila chamada Runio (Ruño), sita en Vale, que pertencera ao seu pai Vermud Dies, que manifesta ter feito a doazón pola alma dun seu irmán Sover Vermudes. Miguel Preste é o sexto donante e outorga ao mosteiro toda a súa herdade da Vila do Medio, sita en Cova (A Cova), que herdara do seu pai e lindaba coa de Vilela, en San Román do Val. Aclara que o conde don Oveco e a súa muller donaran a vila de Vilela, xunto con outra vila chamada Gudín (Vilagudín), á igrexa de San Miguel da Coelleira. O mesmo Miguel Preste dona ao mosteiro a metade do pumar chamado Adra Moynos, entre Vilela e San Román. Fray Regnes é outro dos donantes que concede ao mosteiro a terceira parte da outra metade do devandito pumar de Adra Moynos que herdara do seu pai. Vén seguidamente Suar Totones, de San Román, que concede á Coelleira todas as herdades que lle correspondían en San Román, a saber: a vila de Barreiros (O Barreiro), o casal chamado Das Tercias, o casal de Donagildo, o casal de Ramiro, o casal de Trasmondo, o casal de Gugino e o casal de Pradaedo. Outro donante é Diego Ovéquiz, que outorga ao mosteiro da Coelleira, a unha coa súa irmá... a súa vila de Piñeiro, en terras do Sor, na ribeira do mar e do río Xilloi e de Santo Estevo. A doazón comprendía non só a vila, senón tamén os seus vasalos, casas, pescaderías, salinas, terras, fontes e chantados. Outórgalle tamén a metade da súa vila de Sacido, a cuarta parte da vila de Vicedo, xunto cos casais de Runio (Ruño). Manifesta que fai a doazón para que Xesucristo a perdoe e San Miguel reciba a súa alma e a dos seus pais. Todos outorgan a doazón en mans do bispo de Mondoñedo don Gonçalo, con destino ao Abade don Paio, e a toda a comunidade de monxes. Non esquecen, como non o fixera o donante de 1095, a restauración do edificio eclesial e monacal e a iluminación dos diversos altares. Onega Ovéquiz afirma que pon unha cruz no documento «como denuesto contra os arrianos». Autoriza o documento, como notario, o Abade don Antino. Agrégase que reinaba Afonso VI. O documento do ano 1095 custódiase no Arquivo da Catedral de Mondoñedo, e o do 1099, logo de permanecer no dito Arquivo ata o século XVIII, pasou ao Arquivo Histórico Nacional; o primeiro está escrito en latín, o segundo en galego.
Non volvemos a ter noticias do mosteiro de San Miguel ata o 24 de xaneiro do 1420 en que Pedro Fernández, coengo da Coelleira, figura como testemuña no traslado do testamento de Giomar Yanes no que lega o casal de Lousada ao crego Ares Pérez como pago pola celebración de quince misas cada ano, documento datado o 8 de novembro do 1386, o que constata que a finais do século XIV o cenobio da Coelleira estaba en poder dos coengos regulares de San Agostiño de Hipona (354-430), un dos «pais da Igrexa» que combateu as herexías donatistas, pelaxianas e maniqueas entre os que inclúe aos priscilianistas, influenciado, sen dúbida, por Paulo Orosio, o historiador e teólogo galego que lle adicou a súa obra Commonitorium de errore Priscillianistrarum et Origenistarum na que amosa a súa preocupación polas doutrinas priscilianista e orixenista. Cara mediados do século XV aparece como prior Afonso Rodríguez quen estendeu un documento de foro -que non se conserva- mencionado polo seu sucesor, Lopo Dourado, no ano 1479, prior que renuncia a todos os seus dereitos sobre o mosteiro no 1485. Apunta Cal Pardo que o administrador de San Martiño de Mondoñedo, Ares Pérez de Villadonga, no informe que fixo ao bispo, pon de relevo «a pobreza e pusilanimidade deste derradeiro prior da Coelleira... o que lle impediu enfrontarse con aqueles laicos nobres e poderosos... que contribuíu a acentuar máis a pobreza do convento e precipitar a decadencia do mesmo». Á morte de Pérez de Villadonga sucédeo Gonzalo de Villaroel, derradeiro prior-administrador dos devanditos mosteiros e do de San Salvador de Pedroso, en Narón, do que non quedan restos, aínda que o topónimo, O Mosteiro, dinos onde estivo encravado. Os cenobios de Pedroso e da Coelleira quedaron definitivamente anexionados á catedral de Mondoñedo no ano 1535. Cal Pardo di, admitindo que só é unha suposición e ante a falla de fontes documentais, que estes cenobios pasaron a pertencer aos coengos regulares no século XII baseándose para elo en que entre 1155 e 1156, os agostiños chegaron a posuír San Martiño de Mondoñedo.
 

A pesares de que a vida cenobítica quedou reducida ao mínimo, continúa Enrique Cal Pardo, as doazóns seguían chegando a San Miguel. O 25 de novembro do 1494, Fernando Pernas, veciño de Santo Estevo do Val, dona ao mosteiro da Coelleira unha herdade; Fernando Basanta, cura de Magazos, deixa unha «fiestra» da casa, sita en Viveiro, ademais de 250 maravedises. Unha muller, cuxo nome se descoñece, deixa a Afonso González un souto de castiñeiros, coa condición de que pagara cinco maravedises de aceite cada ano para «alumado de San Miguel da Coelleira». Segundo Jesús Noya nun artigo publicado no Eco de Vivero baixo o título Efemérides vivarienses, María Fernández do Casal, veciña de Santo Estevo do Val, mandou celebrar unha misa en San Miguel en virtude do seu testamento, outorgado o 17 de marzo de 1554, moito despois da desaparición da vida monástica na illa. Dos bens do mosteiro fixérase cargo a catedral de Mondoñedo no 1535, cuxo Apeo (verificación e sinalamento dos lindes das terras) encomezan o 16 de marzo de 1545 cando Pedro Fernández de Cabarcos, Tenente-Correxedor da vila de Viveiro, promulgou un edicto -no que incluía a Cédula Real expedida por Carlos V o 23 de decembro do 1535 no que autorizaba á catedral de Mondoñedo a realización do Apeo- anunciando a posta en marcha do Apeo dos bens que o mosteiro da Coelleira tiña na zona de Viveiro, na do Val e Bares. O traballo iniciouse no mes de maio do mesmo ano no que se recolleron as declaracións de quince testemuñas chamadas ao efecto, e seis máis que se presentaron voluntariamente. Para non facelo demasiado extenso, omito as posesións de Viveiro e de Bares, relacionando só os bens que posuía o cenobio nas parroquias que abranguen o actual municipio do Vicedo. O coengo Pedro Montero, con data 16 de maio de 1545, presentou a devandita Cédula ante Pedro Pardo de Cela (que non debemos confundir co marechal Pardo de Cela, déspota reconvertido -escápaseme o porqué- en defensor das liberdades dos galegos, executado na Praza da Catedral de Mondoñedo no ano 1453, sendo bispo Fadrique de Guzmán), Meriño e Xustiza das terras do Vizconde de Altamira, daquelas Alonso de Viveiro, coa intención de realizar o Apeo das propiedades rústicas do mosteiro da Coelleira, sitas nas terras do Vizconde de Altamira. Ás preguntas do xuíz nomeado ao efecto, Ares Vizoso, Tenente-Meriño da dita xurisdición, os veciños informaron das posesións, que eran: Casal de Piñeiro (en Santo Estevo), con casa, herdades e prados; a este casal pertencían as casas do Souto, sitas en Sacido. Casal de Ruño (en Santo Estevo), herdades bravas e mansas, viñas e castiñeiros, estaba aforado. Casal de Eiroá (en Santo Estevo), un lobio (parra pequena e de pouca altura, ou terreo pechado) cunha cámara, prados e árbores. Casal de Sacido (en Santo Estevo), non estaba cuberta a casa, pero tiña pezas de barra (viñas de barra), souto e herdades, cun castiñeiro vello. O Casal (en Santo Estevo), unhas cantas herdades e viñas. Lugar do Río (en Negradas), unha pequena herdade, sen especificar a situación. Negradas, tres castiñeiros sobre o muíño de Pedro de Ares que lindaba co souto dos Carros (Cartas?). Ribeiras do Sor (en Mañón), unha peza e un xornal de viñas sitas na chousa da Lama, nome que figura na doazón de 1099. Casal de Sobre o Río (en San Román), herdades, soutos e árbores froiteiras. Casal da Fradería (en San Román), tiña casa, herdades, prados, árbores froiteiras e castiñeiros que dunha parte lindaba coa xurisdición do concello de Viveiro e doutra co Rego do Abeal. Voz do Paacio (O Pazo, na parroquia de San Román), cuarta parte legada ao mosteiro por Juan Dovale. San Román, unha peza de herdade duns tres celemíns (o celemín usábase para medir terreos agrícolas e equivalía a uns 537 metros cadrados; tamén se utilizaba como medida de capacidade que equivalía a pouco máis de 4,6 litros) de sembradura que pagaba renda e que lindaba co camiño real, máis outra peza doutros tres celemíns de sembradura. Milleiro (en San Román), unha leira coa súa veiga que lindaba co Rego. O Pereiro (en San Román), herdade de dous celemíns de sembradura, destinada a monte, que lindaba con outras do mesmo mosteiro. Outeiro (en San Román), unha leira que pagaba renda e que testaba co camiño que ía do Val para Viveiro. Moreiras (en San Román), unha peza de monte que testaba con máis do mosteiro de Santo Domingo de Viveiro. Moreiras (en San Román), a terceira parte dunha peza de monte. Río da Fonte (en San Román), monte de medio celemín de sembradura que testaba con outras dos freires de Santo Domingo de Viveiro. Eira (en San Román), unha eira rodeada de muro e marcos. Igrexa (San Román), unha leira sita debaixo da igrexa. Lugar da Torre (en Suegos), tres cuartos de prado. A Fontaíña (en Suegos), unha peza de herdade. Este documento, como os restantes referenciados, foron catalogados por Cal Pardo en Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo (2000).

Á vista das escasas referencias documentais -non se conserva o documento fundacional- canto á orde ou ordes monásticas que ocuparon o mosteiro de San Miguel da Coelleira ata o ano 1420 en que si sabemos que eran coengos regulares de San Agostiño, non cabe outra alternativa que traballar dentro do terreo da hipótese. A cristiniazación de Galiza foi tardía, mesmo, no século V, aínda existían fortes resistencias fronte á cristianización, pervivindo crenzas pagás o que explica que a aparición do monacato tardara máis tempo en asentarse aquí que noutras zonas da Península. J. Miguel Andrade Cernadas, no seu Monxes e mosteiros na Galicia Medieval (1995), di que é con Martiño de Dumio cando atopamos unha vida monástica documentada. Deste período semella ser a sé de Bretoña, situada, posiblemente, no concello da Pastoriza, rexida polo abade-bispo Mailoc (nome celta). Como ben sinala Cal Pardo, se o cenobio da Coelleira se fundou no século VII, os seus monxes estarían suxeitos á regra de San Froitoso, arcebispo de Braga (Portugal), partidario dos mosteiros dúplices (de monxas e monxes), que rexeitaba, pola contra, os familiares, controlados pola familia fundadora (en Galiza temos, como exemplo, os primeiros de Sobrado, Lourenzá e Celanova) non só no tocante á xestión patrimonial, senón á espiritual e relixiosa. Dende mediados do século X a comezos do século XII, o monacato galego -visigótico e familiar- inicia o achegamento á orde de Cluny (Francia), fundada no ano 910, que constituíu a primeira reforma da orde beneditina fundada no ano 529 por San Bieito de Nursia e cuxo primeiro priorado galego foi o de Vilafrío, nos arredores da cidade de Lugo e ao que logo seguiron ás abadías que axiña acadaron un enorme poder, tanto no eido material coma no espiritual: Santo Estevo de Ribas de Sil, Samos, Lourenzá, Celanova... Para apoiar a súa hipótese sobre a pertenza do mosteiro da Coelleira á orde beneditina, Enrique Cal Pardo fai notar que os poderosos cenobios de Celanova e Lourenzá estaban baixo a protección de San Salvador, ao igual que o da Coelleira, tal como reflicte o documento do ano 1095 que o pon baixo o padroado de San Salvador, Santa María e San Miguel. Premisa, engado, que mesmo permite atribuír a fundación aos mozárabes, os cristiáns fuxidos de Al-Andalus que atoparon refuxio en Galiza: as capelas mozárabes baixo a advocación de San Miguel, tamén protector do cenobio da Coelleira, erixidas xunto ás abadías de Celanova e Samos, pode ser un indicio.
No que atinxe ao edificio monacal -seguramente de pequenas dimensións e habitado por un reducido número de monxes- e á igrexa, os documentos non achegan ningún dato que nos permita adiviñar a súa arquitectura, probablemente de estilo románico (nunha ortofoto do Sixpac que vai máis abaixo vense unhas liñas que ben se poden corresponder coa estrutura do antigo cenobio). Cal Pardo, citando a Federico Maciñeira (o gran investigador da Prehistoria de Galiza que a principios do século XX inventariou 286 enterramentos megalíticos entre as serras da Faladoira e da Capelada), supón que debía carecer de toda suntuosidade -aínda que de sólidos muros, engado- e que no 1545 -ano da realización do Apeo- presentara indicios claros de ruína (xa, no 1489, Fadrique de Guzmán, bispo de Mondoñedo, dicía que as rendas do mosteiro non chegaban para manter un só monxe). A desaparición de vida monástica na illa aproveitáronna os pescadores de baleas como lugar de observación o que ocasionou, no ano 1628, que a catedral de Mondoñedo acudira ao xuíz para rematar coa desfeita que dita actividade estaba a ocasionar nos cultivos. O 11 de decembro dese ano, o xuíz, o bacharel Francisco de Lanzós, decretou que non se podían «facer atalaias nin a ocupar os mares de San Miguel da Coelleira nin a meterse neles sen consentimento e licenza do Deán e Cabido de Mondoñedo e con apercebimento que se procedería contra eles con todo o rigor de dereito». No ano 1629 o Cabido de Mondoñedo deu en foro a illa da Coelleira a Tomé López e a súa dona María Sánchez, xunto con catro xornais de viña situados no Casal, en Santo Estevo do Val, no que «o foreiro non experimentaría o menor escrúpulo á hora de empregar aquelas pedras para os usos máis ordinarios... Cando a Marina Española tomou posesión da paraxe, acabaría cos últimos vestixios», sentencia, coido que atinadamente, Cal Pardo; a destrución do noso Patrimonio foi -é continúa a ser- unha constante ao longo da dilatada Historia de Galiza.

A illa seguía en situación de arrendamento nos sucesores de Tomé López e María Sánchez cando no 1835 pasou, a raíz do Decreto de Desamortización do ministro Mendizábal, ao Estado. Debido á situación privilexiada, contruíuse un faro para balizar a ría; primeiro foi de luz verde fixa, pero no 1926 instalouse nel un aparato de luz Aga. Escribe Donapetry (ao que seguen o resto dos autores) que o alcance da luz do faro é de dezanove millas, mais, segundo información máis actualizada, o seu alcance non supera as oito millas. O proxecto de faro da Coelleira realizouno o enxeñeiro Marcelo Sánchez Novellán no ano 1864 quen o ubicou na parte máis elevada do illote, no extremo leste da ría do Barqueiro-O Vicedo; trátase dunha torre lixeiramente cónica, de granito, situada a unha altura sobre o nivel do mar de 89 metros. O derradeiro fareiro que viviu na illa coa súa familia foi Manuel Ballester García, cuxa filla, Sagrario Ballester Castaño, nacida o 15 de agosto de 1926, foi a derradeira persoa nacida na Coelleira, segundo os datos tomados do Rexistro de Nacementos do Concello do Vicedo, folio 214, por Enrique Fernández Llano.

Manuel Gago, no seu Capítulo Cero, achega un artigo titulado No ronsel das barcas de Coiro, explorando o mosteiro de San Miguel da Coelleira. Nunha visita á illa no ano 2014, Gago localizou uns posibles restos do primeiro mosteiro nunha ruinosa construción que pode corresponder a unha obra do ano 1522, cando o bispo de Mondoñedo ordenou "arreglar la compostura" do cenobio. 
 

No ano 2015, a Xunta de Galicia autorizou unhas catas arqueolóxicas na Coelleira. Xa se realizaron uns labores de limpeza e unhas sondaxes na zona onde estaría encravado o mosteiro, documentándose a posible traxectoria dun altar e a base dun forno que se correspondería a unha etapa posterior en que o cenobio se utilizaría como vivenda. Tras identificar varias fases de abandono e destrución, atopouse o estrato máis antigo, aparecendo moitos carbonos que indican un gran incendio, e tamén restos humanos, o que pode facer pensar nalgún tipo de acción violenta. En futuras intervencións, os arqueólogos tratarán de averiguar se o incendio e os cadáveres debeuse a un ataque costeiro, quizais normando, pero, en principio, todo apunta a un ataque e non dun abandono voluntario.  
Ao carecer de fontes documentais, non vou a entrar en como estaba organizado o mosteiro de San Miguel (abade, prior, celeireiro, número de monxes...), nin no traballo manual desenvolvido -opus magnum- nin espiritual (a xornada estaría marcada polas horas canónicas: laudes, prima, tercia, sexta, nona, vésperas e completas) onde a segunda ocuparía a meirande parte do tempo; tampouco no labor cultural (existencia de scripotorium, biblioteca...) e educativo, se había. Actividades que, se ben é certo non podemos certificar, non nos impediría facer un paralelismo con outras comunidades onde o corpus documentale é máis abondoso.
Se o prefacio anterior pode valer como xustificación para adentrármonos en lucubracións de difícil demostración, máis complicado lle resultará ao lector e á lectora que mergullemos nun período onde a escuridade non permite albiscar polo de agora, sexa no plano arqueolóxico ou documental, a máis infíma muxica.

Como anotei con anterioridade, o probable é que os legatarios do documento de finais do século XI foran beneditinos, a alusión a un abade desbota que estivera en mans dos coengos de San Agostiño xa que os seus conventos estaban rexidos por priores. Como tamén subliña Cal Pardo, podemos retrotraer a presenza dos agostiños a finais do século XIV (cláusula do testamento de Giomar Yanes). E antes? Un cenobio, por moi modesto que fose, xeraba unha cantidade importante de documentación: doazóns, adquisicións, propiedades... Temos que admitir, entón, que se perdeu toda a información xerada durante máis de trescentos anos? Viviron os beneditinos no mosteiro ata finais do século XIV ou principios do XV? Ou xa o habitaban os coengos regulares de San Agostiño a finais do século XII? Ocupouno outra orde distinta? Os templarios, por exemplo? Isto asegura a tradición. Pero, quen eran eses monxes que se facían chamar Os Pobres Soldados de Cristo? Repasemos, xa que logo, aínda que sexa brevemente, a súa historia.

O TEMPLE

Corría o Ano do Señor do 1119 cando dous cabaleiros francos, Hugo de Payns e Godofredo de Saint-Omer, fundan a orde dos Pobres Soldados de Cristo, consagrados a amparar aos peregrinos que, despois da conquista de Xerusalén durante a Primeira Cruzada (1096-1099), acudían aos Santos Lugares. Ante Balduino II xuran os votos monásticos de castidade, pobreza e obediencia. Instalan o cuartel no terreo que ocupaba o Templo de Salomón polo que pasan a chamarse do Temple, e os seus membros templarios. Ao principio, poucos simpatizaban cuns freires que santificaban a Deus por medio das armas e non da oración. Para explicar esa dualidade, Hugo, elixido primeiro Gran Mestre, viaxa a Europa conseguindo que os bispos da Champagne e da Bourgogne convoquen un concilio en Troyes (1128) para aprobar a regra que regularía a vida dos Milites Templi. No prace dos dignatarios eclesiásticos inflúe de forma taxativa San Bernardo de Clairvaux (Claraval), o reformador do Císter, quen, no seu De laude novae militiae, ad milites templi, di que o Soldado de Cristo ten un fundamento para cinxir a espada, lévaa para castigo dos malfeitores e para gloria dos xustos. Toda a cristiandade pon ao seu dispor castelos, vilas e outras propiedades. Inocencio II dispénsaos da subordinación ás xurisdicións episcopais e de pagar trabucos, exención que só posuían os cistercienses. Inocencio III prohibe aos bispos excomungar templarios. O contrastado valor nas Cruzadas arrodéaos dunha aureola de magníficos guerreiros (endexamais se rendían). As posesións, ben manexadas, prosperan o que anima a reis, nobres e eclesiásticos a confiarlle a vixiancia das súas fotunas. O capital acrecéntase de tal xeito que reis e nobres en apuros recorren á orde en solicitude de empréstitos. A activa participación na loita contra os árabes fai que todos os reinos da Península Ibérica os beneficien con propiedades. Fernando de Traba, o mesmo ano do concilio de Troyes, introdúceos en Galiza doándolles o Burgo de Faro (Betanzos), encomenda ao principio e despois bailía (a organización territorial do Temple dividíase en «provincias»; por debaixo destas estaban os denominados «reinos» que non tiñan porque coincidir cos territorios gobernados por un monarca; logo estaban as bailías que abranguían unha ampla extensión, e, por último, as encomendas), estendéndose logo por todo o país. Carlos Pereira Martínez, no seu Os templarios, artigos e ensaios (2000), di que a primeira noticia da presenza templaria en Galiza proporciónaa un documento do 1142, un acordo entre o abade do mosteiro de Celanova e os «seniores cavalharie de Iherusalem», instalados en San Paio de Veiga (A Bola) para construír un hospital, aínda que a referencia máis clara, sinala o mesmo autor, achégaa un documento do ano 1173, proveniente do mosteiro de Sobrado, onde se cita como lindeiro unha casa do Temple, «domum templariourum militum», en Palas de Rei.

O poder dos templarios chega a tal punto que só obedecen ao papa o que ocasiona, co paso dos anos, enemistades e envexas. O rei francés, Filipe o Fermoso, xunto co seu valido Guillelme de Nogaret, ávido por facerse cos bens do Temple, ao que lle debe moitos cartos (ata o mesmo tesouro real estaba peñorado na casa do Temple en París), inicia o acoso aos templarios acusándoos de supostas prácticas aberrantes (homosexualidade, cuspir sobre a cruz, adoración dun ídolo, encarnación do demo chamado Bafomet...). Mais as acusacións non prosperan, nin o papa Bonifacio VIII nin o seu sucesor Benedito XII caen na rede tendida polos difamadores. Todo muda cando o francés Bertrán de Got, Clemente V, é elexido pontífice no ano 1305 quen, a instancia de Filipe IV, inicia unha investigación sobre o Temple. Xacobe de Molay, o derradeiro Gran Mestre da orde, confiado, cre ao papa cando lle desminte que tal investigación fose certa. O 13 de outubro do 1307, cando ninguén o esperaba, as tropas do rei atacan por sorpresa aos templarios de Francia, prendendo á maioría. O proceso, encomezado no ano 1308, non avanza consonte os desexos dos acusadores: nin a confiscación de bens nin os terribles suplicios aos que son sometidos conseguen ripar confesións inculpatorias. Na primavera do 1310, o día do comezo do xuízo, Filipe IV e Nogaret, para presionar aos mandatarios do Temple encarcerados, ordenan queimar a cincoenta e catro monxes-guerreiros, método que axiña copian moitos bispos que, impávidos, asinan centos de condenas a morte sen esperar a que se dite sentenza. O 15 de abril dese ano, Gonzalo, bispo de Toledo, cita en Tordesillas a Rodrigo Yáñez, Mestre de Galiza, Castela e León para comparecer, xunto con outros templarios, entre eles trinta e tres galegos, en Medina do Campo para prestar declaración previa ao concilio de Salamanca onde os bispos de Astorga, Plasencia, Lugo, Tui e Mondoñedo absólvennos de todas as acusacións. Pero a batalla está perdida. O papa Clemente V convoca, no outono do 1311, un concilio en Vienne para decidir o futuro dos Pobres Soldados de Cristo. Despois de suspendelos a divinis, el mesmo xulga aos catro máximos mandatarios: Xacobe de Molay, Hugo de Pairaud, Godofredo de Charnay e Godofredo de Gonneville. O 18 de marzo do 1314, mentres ardían na pira, Xacobe de Molay lanza unha maldición sobre os acusadores. Clemente V morre, en medio de insoportables padecementos, aos trinta e sete días; oito meses lle sobrevive Filipe o Fermoso que morre a raíz dunha estrana caída do cabalo no bosque de Fontaineblau; Nogaret sequera osma o fugaz bálsamo de ver na fogueira aos templarios, a Morte visítao un ano antes. Parello fin se cerneu sobre outros verdugos. Os templarios que se salvan da queima agochan na Península Ibérica, nas ordes de Montesa e de Cristo, beneficiarias, de rebote, dos bens requisados ao Temple xa que, segundo unha bula promulgada polo papa no 1312, a lexítima legataria é a orde do Hospital.

Segundo os haxiógrafos da orde fundada por Hugo de Payns, as intencións de Filipe IV de Francia bulía máis alá do móbil económico, a súa pretensión pasaba por facerse cun «tesouro» que só os templarios coñecían e que contiña as claves do poder absoluto e da inmortalidade.
Lonxe de quedar relegado ao esquecemento, o tráxico final arrodea de misterio todo o relacionado cos Milites Templi: custodios do Santo Sepulcro e da Arca da Alianza, e posuidores dun dos secretos mellor gardados da cristiandade: a ubicación da Sagrada Copa coa que Cristo celebrou a Derradeira Cea, o Graal, que os cabaleiros do Temple conseguiron sacar de Xerusalén pouco antes da súa reconquista, no 1187, por Saladino, sultán de Siria e Exipto, e que logo agocharon, segundo algúns, en Galiza, no santuario do Cebreiro. O Graal inspiriou, no século XII, O Parceval de Chretien de Troyes, e Wolfran von Eschenbach, no seu Parzival, escrito no século XIII, sitúa a  o cáliz no Monsalvat, mítico monte que autores e sona identifican co Cebreiro. A lenda estaba servida. 
  
A LENDA

O primeiro autor que fai alusión á presenza templaria na Coelleira é o citado Justo Pico de Coaña, que conta que os templarios trasladábanse a Viveiro para misar nunha capela que ocupaba o lugar da actual igrexa de San Francisco, onde hai poucos anos se atoparon restos.
Tamén serían os templarios da Coelleira os que levaron á igrexa do Val un cadro coa imaxe de Santo Estevo quen foi obxecto de grande veneración. Segundo Enrique Cal Pardo, foi Lence-Santar quen deu a coñecer esta tradición no artigo La Isla Coelleira. O mesmo autor conta que o crego de Santo Estevo relatoulle a Lence-Santar outra lenda segundo a cal o cadro apareceu na praia de Xilloi, nun lugar denominado O Altariño (outra versión que me contaron marca o punto exacto no lugar coñecido como A Fonte do Santo); os bois que tiraban do carro que transportaba o cadro detiveron a marcha no lugar onde se edificou a igrexa (curiosa semellanza co carro de bois que trasladou o corpo do Apóstolo Santiago dende o Illicino -o Pico Sacro- ao lugar onde se construíu a catedral). No ano 2008, o veciño de Xilloi, don Antonio de Marea, contoume que o carro que transportou a imaxe pertencía a un veciño que atendía polo alcume do Cereixeiro.

O mesmo Cal Pardo transcribe, tomando a obra de García Dóriga El último templario (Tradición gallega), publicado en Galicia. Revista regional (1888), a seguinte lenda: «Escoitouse unha noite tocar a rebato a campá do Mosteiro, e varios verdugos sen entrañas comezaron a degolar aos monxes, que sufriron o martirio con valor e resignación. Trinta e cinco templarios dormían xa o sono da morte. Encomezaba a albear e só faltaba por sacrificar unha vítima. Era un xove de nobre continente, de cabelos roibos e ollos azuis e morriñentos. Presentouse ás portas do convento onde o esperaban os verdugos cos aceiros tinguidos en sangue: "Aquí estou, son o derradeiro templario da miña Orde", dixo. E, poñendo un xeonllo no chan, levantou a mirada ao Ceo... Logo o xove exhalou o derradeiro suspiro. Poucos anos máis tarde, morreu nas ourelas do poético Landro un nobre pertencente á familia de Bernaldo de Quirós, señor da contorna, e baixo cuxa dominación se levara a cabo a matanza dos monxes. E afirma a tradición que para descargar a súa conciencia, agoniado polo crime, ordenou que se escribise esta cláusula no seu testamento: "E tamén mando que se digan trinta e seis misas pola alma dos templarios que matei e fixen matar por orde do noso Señor o Rei en San Miguel da Coelleira"». Aquí, Cal Pardo cita a un tal J. Araújo que dá moita importancia a este testamento, datado no século XIV.
More Santiago en Faros. Illa Coelleira, editado polo Correo Gallego no suplemento Galicia Vacacións (1992), afirma que o derradeiro templario, chamado Guillelme da Torre, namorara dunha moza, Rosalía, a quen declarou o seu amor, pero dicíndolle que sería un amor imposible xa que debía ingresar no Temple. Ela respondeulle: "Ti Templario, ¡ai!, talvez deixe fóra do meu cadaleito a man de desposada; se é así, estréitaa; pero pronuncia tamén o meu nome antes de morrer". O mozo marchou a Palestina e cando regresou viu que na igrexa estaban a celebrarse os funerais por unha muller; do cadaleito pendía unha man. A de Rosalía. Estreitouna e chorou de dor e retirouse ao mosteiro da Coelleira para orar o resto da súa vida. Alí foi asasinado cos outros trinta e cinco freires.

Unha última lenda engade que da matanza da Coelleira salvouse un monxe que, vestido de paisano, refuxiouse nunha casa do barrio de Baltar que aínda hoxe conserva o nome de «Casa do Paisano», tradición tamén referida polo crego de Santo Estevo a Lence-Santar.
Ademais dos citados, outros autores mencionan a presenza templaria na illa da Coelleira: Amor Meilán en Geografía General del Reino de Galicia. Provincia de Lugo; Carré Aldao en Geografía. Provincia da Coruña (1926); Donapetry Iribarnegaray na obra citada; A Gran Enciclopedia Gallega; Leandro Carré en Tradiciones. El último templario, publicado no xornal La Voz de Galicia no 1993 e Xosé Luis Laredo Verdejo en Galicia Enteira.

CONCLUSIÓN

Houbo templarios na Coelleira? Se nos cinximos ás probas das que se dispón ata o presente, a resposta é non. Mais, verbo de afirmación tan categórica, cómpre matizar que, se ben é sabido que as lendas non sempre basean en datos obxectivos, non podemos esquecer que unha parte considerable de testemuñas do noso pasado foron posibles grazas á tradición oral, ao imaxinario popular.
Ademais da ausencia documental e/ou arqueolóxica, existen outros factores que empuxan a negar a presenza templaria na illa. A referencia a un antecesor da familia de Bernaldo de Quirós, «señor da contorna», adoece de fundamento, na época en cuestión Viveiro non estaba en poder de ningún nobre, a súa xurisdición repartíanna entre o bispado de Mondoñedo e o rei. Outro factor que xoga en contra é o relativo ao número de freires templarios que habitaban no pequeno mosteiro do illote. Cal Pardo amósase rotundo cando di que é practicamente imposible que nun cenobio tan reducido e minguada renda puideran vivir trinta e seis monxes e que, no mellor dos casos, nunca superaría o número de dez ou doce. Carlos Pereira Martínez apunta que no 1310 residían na podente bailía -non xa unha encomenda- de Faro, a máis poderosa da coroa, trinta e tres templarios, número enorme se consideramos que na maioría residían tres, catro ou cando moito dez freires aos que habería que sumar os irmáns de oficio encargados das tarefas domésticas e os criados. Presenza que non diferiría dos mosteiros convencionais, fosen cluniacenses, cistercienses, etc. O citado Andrade Cernadas subliña que os mosteiros medievais formábanno comunidades máis ben pequenas; o continxente monacal que restaura Samos no ano 922 compoñíanno dezasete monxes; Celanova, o Cluny galego, non pasou, durante os séculos X e XI, de vinte e oito relixiosos; Lourenzá tiña trece; no priorado de Pombeiro, a finais do século XIII, o número variaría entre catro e oito. Despois do século XIII, época de máximo esplendor do monacato galego, os monxes oscilan entre dez e trece, aos que había que engadir outros moradores de distinta condición (traballadores, doentes, oblatos...) que traballaban e vivían intra muros.
Visto o anterior, que factores xogan a prol da estadía templaria na illa da Coelleira? Pois, aínda que semelle chocante, a falla de documentación, eiva sen a cal carecerían de senso as lulcubracións nas que embarcamos. Non é probable que o mosteiro permanecese pechado durante 321 anos, nun período en que o poder destas institucións estaba no seu punto culminante. Entón? Non se me escapa que ao longo da súa traxectoria, a poderosa orde dos Pobres Soldados de Cristo xerou unha morea de documentos, o que me leva a preguntar como é que se conservan tan poucos, non só en Galiza, senón en toda Europa. Ao parecer, era costume dos templarios (o que sen dúbida alimentou máis a lenda) soterrar a documentación para que non caera en mans que puidesen facer dela un uso non permitido; escurantismo que mesmo aplicaban aos enterramentos, efectuados en criptas situadas debaixo das súas igrexas (disque os sepultaban co rostro cara abaixo e coa vestimenta cravada en táboas).
  
Non quero concluír sen facer un paralelismo entre os templarios de San Miguel da Coelleira e outro suposto enclave da mesma congregación e abandonado no século XVI. Estoume a referir ao cenobio, posto tamén baixo o padroado do arcanxo San Miguel, de Breamo, ubicado a 300 metros de altitude sobre a vila de Pontedeume, vencellada, a partir do 1371, á liñaxe dos Andrade (unha lenda sitúa no século XIV unha batalla entre estes e os templarios), do que só se conserva a igrexa románica, rematada, segundo desprende un documento do Tumbo (libro onde se anotaban os privilexios) do mosteiro de Caaveiro (A Capela), no 1169, onde tamén habitaron os coengos regulares de San Agostiño (orde que tamén podemos ver noutros cenobios galegos vencellados ao Temple) e cuxa única alusión á presenza templaria dánola, outra volta, a lenda que de seguido relato. O rosetón que adorna a fachada principal do templo ten once puntas porque once eran os cabaleiros do Temple que, pola perda de fe dun Mestre, destináronnos a custodiala. Unha noite de Nadal do ano 1124, estando os once templarios vixiando a igrexa, o rosetón pasou, de súpeto, de once a doce puntas. Nese intre, os cabaleiros, desconcertados, viron un meniño que durmía dentro da igrexa. E alí permaneceu toda a noite, ata o alborecer, instante que o rosetón volveu á forma orixinal de once puntas e o neno desapareceu. Disque isto poden ver os que na noite de Nadal se achegan ata a igrexa de Breamo, de concorrida romaría os días 8 de maio e 29 de setembro na que os romeus, para escorrentar as meigas, dan tres voltas arredor do templo. En Ventosa, na parroquia de Centroña (Pontedeume), consérvase no lintel da porta dunha casa unha pedra con varios símbolos que dise son templarios e que veu do Breamo. Outra casa situada ao seu carón había outra peza semellante que desapareceu o foi tapada cando a súa reconstrución.


E en Vilaza, concello de Monterrei, o único elemento que se conserva da primitiva igrexa é a coñecida como Torre dos Templarios. O mosteiro que alí había estaba baixo a tutela dos Agostiños feito que pode ser a peza que certifique que a estadía dos Pobres Soldados de Cristo en Vilaza é algo máis ca unha lenda. Teorías, no tocante a Vilaza, que xa veñen dos séculos XVI e XVII e ás que non son alleos o licenciado Plasencia, que asegura que era do Temple, nin o prior de Xunqueira de Espadanedo que fala dun mosteiros de Coengos Regulares ou templarios.
 

Algúns mosteiros e conventos galegos asociados á orde do Temple, ben sexa pola documentación, a tradición ou a lenda témolos en Aranga, As Cascas (Betanzos), Breamo (Pontedeume), O Rosario (San Sadurniño), Lousada (Carballedo), Penamaior (Becerreá), Dorna e San Xoán (Cervantes), San Fiz do Hermo (Guntín de Pallares), Loio (Paradela), Diomondi (O Saviñao), Taboada dos Freires (Taboada), igrexa románica, inacabada, de Armea (Allariz), Xagoaza (O Barco), Vilaza (Monterrei), Cesuris (Manzaneda), San Cibrán (Viana do Bolo), San Paio (Fornelos de Montes), Nogueira (Meis)...

Patrimonio do concello do Vicedo
Historia e lenda da Illa da Coelleira
(O artigo foi confeccionado no ano 2009, engadíndose posteriormente algúns datos) 
Xabier Moure