PRESENTACIÓN


No ano 2013, sete anos despois de que comezara a andaina deste Patrimonio do Concello do Vicedo (primeiro noutro enderezo web que tiven que mudar a mediados do 2011 polo actual debido aos problemas que me estaba a xerar ao inserir as noticias), decidín dar por rematada a información que achegaba no blogue por considerar, primeiro porque que xa cumprira a función para o que fora creado, e por outra parte porque acadei destino lonxe da comarca e, polo tanto, engadir novos datos ía resultar máis complicado. Mais, nestes anos, algunhas persoas pedíronme que o "reactivara" de novo. Despois de pensalo un chisco (máis ben un chisquiño), a principios do mes de abril de 2016 animeime a retomalo de novo, aproveitando a información que me achegan e a que vou recompilando cando visito o municipio.

Para aquelas persoas que descoñecían este Patrimonio do Concello do Vicedo, dicirlles que o blogue naceu para sensibilizar ao público en xeral, pero sobre todo ás administracións públicas, da necesidade de protexer, preservar, poñer en valor e divulgar o vizoso e esquecido patrimonio cultural do municipio do Vicedo. Porque O Vicedo é algo máis que festas e merendolas.

Cómpre aclarar que non resultou doado recompilar os datos que insiro nas distintas entradas, a escasa (caseque nula) información sobre o municipio tiven que suplila coa proveniente doutros ámbitos xeográficos (Viveiro, maiormente), co traballo de campo e a transmisión oral. Aínda que continúa a haber moitas lagoas na Historia do Vicedo, os datos que fun achegando nestes anos propiciou que algunha xente se interesara tamén por tentar dotar a este municipio dun pasado máis ou menos documentado, e non só botando man dun par de lendas que, se ben é certo que hai que ter en conta, non é suficiente.

Xabier Moure

XEOGRAFÍA DO CONCELLO DO VICEDO

O concello do Vicedo sitúase no extremo occidental da provincia de Lugo. Administrativamente forma parte da comarca da Mariña Occidental. Limita ao norte co Mar Cantábrico, ao sur con Ourol, ao leste con Viveiro e ao oeste co río Sor que actúa como fronteira natural co concello de Mañón, na provincia da Coruña.

O municipio presenta un marcado contraste entre a zona costeira, formada por pequenos vales e con altitudes que apenas sobrepasan os 150 metros, e o interior caracterizado, nalgúns casos, por profundas depresións (río Sor) e por elevacións que rondan os 400-500 metros sobre o nivel do mar.

A franxa litoral cantábrica, formada por unha pequena plataforma e o curso baixo do rio Sor, zarrapicada por pequenas puntas costeiras (algunha con pronunciados cantís), presenta unha suave orografía que propicia a existencia de fermosos areais, algúns dos cales, caso das praias de Fomento e Arealonga, que están a sufrir unha constante degradación ante a pasividade das administracións. Entre os pequenos illotes que circundan a costa destacan A Coelleira, A Insua de San Martiño (no esteiro do río Sor) e Gabeira.

A rede hidrolóxica ten no río Sor a principal arteria fluvial que desemboca na Ría do Barqueiro-O Vicedo.

A emigración e o éxodo rural ao longo de todo o século XX provocou o abandono de numerosas aldeas, fenómeno demográfico que, mal que nos pese, semella no ter solución. A ausencia de políticas dinamizadoras do agro, da pesca, do marisqueo, do turismo e do pequeno comercio agoiran un futuro pouco esperanzador.

Cunha extensión de 75,72 quilómetros cadrados, sete son as parroquias que se reparten pola súa xeografía: Cabanas, Mosende, Negradas, Riobarba, San Román do Val, Suegos e O Vicedo.

Cabanas (Santa María)
21,55 quilómetros cadrados. Pobos: A Amoá, Os Barcós, As Bouzas, Bouzós, O Campo, A Capariña, O Carballal, O Caroceiro, Chavín, O Enxertado, A Escanavada, A Escola, O Esquizo, Os Ferreiros, Freixeiro, A Igrexa, A Lagoela, Liñares, Manxofrío, Pallarega, A Pena, O Penido, A Planta, O Rego, Reis, Sanga, Segade, O Sixto, Suaigrexa, Trala Veiga e Troia. A parroquia limita polo norte con Riobarba, polo sur co concello de Ourol, polo leste con Vieiro e Galdo (Viveiro) e polo oeste con Mañón (A Coruña). As súas altitudes máis salientables son: A Areosa (478 m.), O Rego (467 m.), Coto do Peón, Padró (512 m.), As Cerdeiras (464 m.), Chao do Outeiro ( 496 m.), Penaboa, O Carranco (544 m.) e O Cristo de Portapena (498 m.). A arteria fluvial máis importante é o río Sor. Outros pequenos regueiros bañan a parroquia: Regos da Costa, Areosa, Cabanas, Freixeiro, Penido, Redeiro, Porto, Padró e San Xoán.

Mosende (San Pedro)
4,08 quilómetros cadrados. Pobos: Castrobó, A Penela, Umeiros e O Xurbal. Linda polo norte con Suegos e Negradas, polo sur con Riobarba, polo leste con Covas (Viveiro) e polo oeste con Negradas e Riobarba. As altitudes máis significativas atopámolas no Pico de Castrobó (378 m.) e na Pena do Xugo. Pola parroquia discorren os regueiros de Mosende, Penela, Castrobó, da Serpe, dos Feos, Seco e Felgueira.

Negradas (San Miguel)
13,92 quilómetros cadrados. Pobos: Alpuxarras, A Áspera, A Barreira, Crecide, Creximil, Chelo, A Fonte, Francos, A Gándara, A Gatariza, Marcos, Monte de Insua, O Morgallón, O Mosteiro, Muronovo, Noche, A Poceira, O Redondo, Salgueiros, San Roque e O Xurbal. Ao norte limita con O Vicedo, polo sur con Riobarba, polo leste con Mosende e San Román do Val e polo oeste co río Sor. O montes máis destacados son o da Áspera (329 m.), Faro (322 m.), A Chaira, Pena de Mascoto (287 m.) e O Fulgueiro. Ademais do río Sor, están os regueiros de Muronovo, San Miguel e Suasregas. Illote da Insua de San Martiño, no esteiro do río Sor.

Riobarba (San Paulo)
15,23 quilómetros cadrados. Pobos: Abezán, O Canto do Muro, Cortellas, A Costa, A Cova, O Chao, Espido, Espigueiras, A Forqueta, Golpeiras, Insua, Maladas, As Mangas, Montemeao, Os Navallos, A Pardiñeira, O Regal, O Rego, O Rego dos Bois, Os Sirgos, O Tellado e O Vilar. Limita polo norte con Negradas e Mosende, polo sur con Cabanas, polo leste con Covas (Viveiro) e polo oeste con Mañón (A Coruña). Destacan as altitudes da Cruz da Garita (409 m.), Rego dos Bois (368 m.), Caho do Tenón (415 m.), Picouto (416 m.), O Porto (413 m.), A Pena, Coto do Vilar (368 m.) e Monte de Insua (257 m.). Río Sor e regueiros de Riobarba, Padró, Costa, do Porto, Muronovo, Muíños, Espigueiras, da Igrexa, da Pardiñeira, Tellado e do Batán.

San Román do Val
6,66 quilómetros cadrados. Pobos: O Abelaedo, Cabo de Vila, A Costa, A Fradería, A Lama, Moreiras, O Pazo, A Pena, Pontellas, Regaedo, O Sixto, Suasbarras, Suavila, Vilagudín, O Vilar e Vilela. Polo norte linda con O Vicedo, polo sur con Suegos e Mosende, polo leste co Mar Cantábrico e polo oeste con Negradas. Montes: Facho (165 m.), Pena Grande (173 m.), A Vela, Abelaedo (309 m.), Pedrón (204 m.) e Merán (283 m.). Regueiros da Ola, Pena, Abelaedo, Vilar, Pedrón, Regavella e Rendo. Puntas: Pereira, Merceira, Lodelas e Penasaltas. Enseada de Pereira. Praias: Pereira, San Román e Area Grande. Illote dos Castelos.

Suegos (Santa María)
4,96 quilómetros cadrados. Pobos: A Abrela, Os Corgos, A Encrucelada, Fabás, O Folgueiro, O Fontao, As Goexas, O Lagar, A Pallaza, O Peón, Pontide, A Torre, Valdourido e O Viso. Limita ao norte con San Román do Val, polo sur con Covas (Viveiro), polo leste co Mar Cantábrico e polo oeste con Mosende. As alturas principais están no Monte do Plantío (151 m.) e A Calva (214 m.). A rede hidrolóxica está formada polos regos da Pena, Covas, Penela, Castrobó, Mosende, Fontao e das Canouras. Puntas: Abrela, Socastro, Fuciño do Porco, dos Monxes e Monte Queimado. Praias: Abrela e Alegrín. Illote Gabeira.

O Vicedo (Santo Estevo)
9,32 quilómetros cadrados. Pobos: Airoá, O Amieiro, Area Longa, Baltar, O Casal, A Casanova, O Covelo, As Congostras, A Corva, O Coto, O Curral, O Curro, O Espiño, O Fomento, Garavide, A Igrexa, Piñeiro, O Progreso, Randamil, Ruño, Sacido, Serantes, Suaigrexa, A Tarroeira, Triscornia, Valdesuso, O Vicedo, Vilasuso e Xilloi. Agás polo sur, que limita con Negradas e San Román do Val, o resto da parroquia dá ao Mar Cantábrico. Montes: O Redondo, Ventosa (156 m.), Penafita (114 m.), Cacho (141 m.), Toxoso, Trasmonte (119 m.), Espiñeiro, Brañoso, O Cotelo, Pena das Pías (287 m.), A Cruz de Airoá (200 m.), Atalaia (138 m.) e Vixía (156 m.). Regos da Veiga, Covelo, Sacido e Abeal. Puntas: Penachás, Regodola, Famenta, As Herbosas, Ventosa, Forcada, Pena Rubia, Penalleta, dos Sucos, Anchousa, Chileteira, Balseiro, Campo Branco, Calzós, Cova Baixa, Congreira, do Castro, Corvo Escuro, da Insua e Embarcadoiro. Enseadas do Castro e do Cabo do Pan. Praias: Tixososo, Xilloi, Fomento, Caolín, Area Longa e do Castro. Illa Coelleira.
  

HISTORIA DO CONCELLO DO VICEDO

O PALEOLÍTICO

A ausencia de achados impide documentar a presenza do ser humano neste berce prehistórico no municipio do Vicedo, período que abrangue dende a aparición dos primeiros homes ata o Neolítico (8000 a.C.). Malia iso, non cabe dúbida de que o home xa pisaba estas terras no Paleolítico (de paleo, vello, e lithos, pedra) aínda que para elo teñamos que botar man dos achádegos atopados na área xeográfica da contorna. Os xacementos líticos de Louselas (Vilaselán-Ribadeo), Arealonga (Foz), O Xestido (Miñotos-Ourol), Cova do Rei Cintolo (Argomoso-Mondoñedo) e Prado do Inferno (Muras) testemuñan a presenza de certa actividade humana. Un útil lítico atopado na Áspera (Negradas), hoxe en día desaparecido, posiblemente de orixe paleolítica, pode ser a mostra que certifique esta teoría (información achegada por un veciño de San Roque).
 

Aínda que só como conxectura, a toponimia referida a posibles acubillos naturais non é infrecuente no concello do Vicedo. Así temos o étimo A Cova nas parroquias de Mosende, Riobarba, San Román e O Vicedo.

O MEGALITISMO

O Megalitismo (do grego mega, grande, e lithos, pedra) caracterízase pola construción con grandes pedras destinadas, fundamentalmente, a usos funerarios e cuxa cronoloxía, no que respecta a Galiza, sitúase entre o 4000 e o 1500 a.C., acadando o máximo apoxeo no III milenio.
O seu monumento máis representativo é a mámoa, pequeno montiño, xeralmente semiesférico, composto por unha mestura de terra e pedras e en cuxo interior pode agochar unha estrutura pétrea (anta) formada por grandes laxes graníticas fincadas no chan e cuberta por unha ou varias lousas a xeito de tampa.
En Galiza, os nomes rexistrados polos que son coñecidos estes monumentos pasan da trintena o que amosa a masiva presenza: Anta, Arca, Cabana, Casa dos Mouros, Coto, Cova da Moura, Chousa, Forno, Mámoa, Medorra, Medoña, Modia, Tumba, etc.

No municipio do Vicedo consérvanse cinco necrópoles megalíticas, con mámoas moi estragadas e carentes, en principio, de estrutura pétrea no lugar denominado como O Chao do Marco, a uns 300 metros de altitude, situado entre as parroquias de Mosende, Negradas e Suegos. O Coto da Medorra, por riba do burgo de San Roque, en Negradas, moi achandada e comida pola matogueira. A Cova do Ouro, en Moreiras, parroquia de San Román, dada a coñecer por MariñaPatrimonio no mes de maio de 2012. Monte Padró, preto de Manxofrío (Cabanas), con tres túmulos sobre os que plantaron piñeiros. O Campo dos Lagos, unha mámoa situada no límite con Ourol.
 

Segundo testemuñas recollidas por min había outras dúas, destruídas na década dos sesenta, nos lugares de Pontide (Suegos) e O Cacheiro (O Vicedo) cuxo evocador topónimo aínda se conserva: A Medoña. Tamén me contaron que na paraxe coñecida como O Tesouro (Mosende), os mouros agocharon baixo unhas grandes laxes un fabuloso tesouro. Peiteado o lugar, non atopei vestixios.
 

Canto a outros monumentos megalíticos (pedrafitas e círculos líticos), o único que nos queda é a toponimia: A Laxe, Marco do Seixo, Penafita e Pena Moura. Mais esas, a finais do mes de novembro do ano 2012, informáronme do que pode ser unha pedrafita (reaproveitada para insculpir unha cruz) situada na aldea de O Campo, parroquia de Cabanas e unha posible estela-pedrafita no Muronovo, parroquia de Negradas.  

Pedrafita da Cruz do Campo
Situada na aldea de O Campo, parroquia de Cabanas. Cando andaba a realizar o inventario e catalogación das cruces e cruceiros do concello de O Vicedo no ano 2007 xa me chamou a atención esta traballada pedra de granito cunha cruz latina insculpida. Mais, daquelas, o único dato que puíden comprobar é que estaba descontextualizada e que anteriormente se atopaba no antigo camiño que levaba cara a igrexa de Santa María de Cabanas. A finais do mes de novembro de 2012, cando ía de paso cara O Ferrol, desvieime da estrada para tirarlle unhas fotos á igrexa de San Paulo de Riobarba e, de paso, ver como se atopaba a cruz coñecida como Cristo do Chao que no ano 2010, durante uns traballos de desbroce, fora mutilada. Estaba neste labor de visita cando un home parou o coche ao meu carón. Despois de intercambiar uns saúdos, preguntoume se eu non era o mesmo que había anos andaba a "sacarlle fotos ás cruces". Reparando máis polo miúdo no rostro do home, lembrei que, en efecto, resultábame cara coñecida. Si, fora el quen me informara dunha cruz na Capariña, que estaba agochada nunha casa, e tamén da Cruz do Campo. Contoume que esta cruz, que cando a visitei se atopaba tirada no chan, aínda permanecía no lugar onde eu a colocara de novo, por riba dun valado. Falando e falando, saltou a sorpresa. O meu informante sempre escoitara que a cruz fora gravada por un home natural do Canto do Muro, había uns setenta ou oitenta anos, reaproveitando esa prancha de granito que "toda a vida" estivera chantada no vello camiño real e á que antigamente, segundo escoitara contar aos seus pais e avós, se achegaban os veciños co gando que estaba enfermo para que sandase, atando ao animal á pedra. Descoñécese de cando vén tal tradición, mais resulta evidente que dende tempo inmemorial a pedra cumpría outras funcións.
 

Cara o final do Megalitismo comeza a denominada Idade do Bronce, etapa prehistórica caracterizada por importantes cambios sociais, económicos e políticos onde os petroglifos ao aire libre son o seu máximo expoñente. Polo de agora, non teño coñecemento da existencia desta manifestación cultural no municipio. 

OS CASTROS

A Idade do Ferro é a más coñecida e a mellor estudada dentro das épocas prehistóricas de Galiza. O seu hábitat máis peculiar é o castro que, en liñas xerais, é un poboado fortificado de maior ou menor tamaño situado en lugares estratéxicos defendidos pola propia orografía do terreo ou por unha ou varias murallas, foxos, parapeitos, pedras fincadas, etc. e en cuxo interior acubilla distintas construcións destinadas a diversos usos (vivendas, almacéns...).
Os primeiros castros aparecen entre os séculos IX e VII a.C., na última fase da Idade do Bronce. A partir de finais do século I a.C. esta cultura fusiónase coa romana, etapa que coñecemos como Cultura Galaico Romana.
Na Mariña Luguesa contabilicei máis de cen castros se ben é certo que a meirande parte están pouco ou nada estudados. Agás  a Atalaia (Cervo), Fazouro (Foz), Os Goios (A Pontenova), A Croa de Zoñán (Mondoñedo) e As Grobas (Ribadeo), no resto aínda queda moito por facer.

No que atinxe ao Vicedo, ao igual que acontece coas mámoas, o panorama é desolador. A acción imparable da natureza e, principalmente, a man do home modificaron, estragaron e fixeron desaparecer moitos dos existentes. Os escasos vestixios están, en gran parte, semiocultos polos eucaliptos, a matogueira e a remoción incontrolada de terras o que dificulta a súa localización e realizar unha descrición máis ou menos rigorosa. Na actualidade aprécianse restos visibles en: A Tarroeira ou do Redondo (O Vicedo) onde apareceron muíños de man e tégulas. No mes de febreiro de 2012, Adega e MariñaPatrimonio presentaron unha denuncia ante o Servizo do Patrimonio Cultural e o Seprona pra evitar unha tala de eucaliptos neste asentamento catalogado dende o ano 2001. A raíz disto tamén se comprobou que fora catalogado nun lugar equivocado. A Punta do Castro (O Vicedo) defendido por unha muralla terreira con terrapléns a dobre vertente, diante do cal hai un foxo. Presenta sección en U moi aberta que, na súa meirande parte, foi escavado na rocha. O recinto interior foi moi alterado polo faro, unha batería costeira e outras obras. Dentro do foxo construíuse unha casa. A Encrucelada (Suegos), practicamente desaparecido pola extracción de pedra, construcións e zonas de cultivo e pasto. O Castro de Suegos ou Medas do Castro, situado nunha punta alongada, a sesenta metros de altitude sobre o nivel do mar, defendido no seu itsmo por tres murallas de pedra e terra, separadas por dous foxos. O camiño de acceso que percorre a punta destruíu parte das murallas e foxo. O Morgallón (Negradas), segundo referencias orais, apareceu un machado de bronce e dúas anelas hoxe en día desaparecidos. Insua de San Martiño (Negradas), con forma circular e muralla de pouca altura que o circunda. O Abeladal (O Vicedo), de forma elíptica cunha muralla que o arrodeaba e foxo bastante profundo. Parcialmente destruído polas nivelacións do terreo e unha pista. Trasmonte (Suaigrexa-O Vicedo), totalmente cuberto por árbores e matogueira. Suaigrexa (o Vicedo), sobre o castro levantouse a igrexa de Santo Estevo e outras construcións. Castro Pando (Vilasuso), sobre un promontorio rochoso con aterrazamentos. Presenta forma alongada. As súas defensas principais virían dadas polo escabroso das súas ladeiras. É coñecido como praza de armas, lembrando os veciños a existencia de murallas e foxo. Preto atópase o monte coñecido como Garita do Mouro onde, ao menos, existiu un posto de vixiancia costeira no século XVIII. Do resto só podemos adiviñar a súa presenza atendendo á orografía, a toponimia e a tradición: A Pena (Cabanas), San Roque (Negradas), A Insua de San Martiño (Negradas), A Garita (Riobarba), Castelo (San Román do Val), Castropando, Garita do Cacho, Xilloi, Furada do Mouriño e o da igrexa parroquial de Santo Estevo (O Vicedo).    
A Pena de Xan Vidal: Trátase dun pequeno illote situado na praia de San Román ao que se pode acceder cando a marea está baixa. Apareceron restos cerámicos prerromanos e unha moeda moderna aos que se lles perdeu a pista. Nas proximidades está o asentamento dos Moutillós. 
Moutillós, castro ou asentamento vikingo?: O xacemento atópase na enseada coñecida como O Porto, custodiada polos Castelos, dous conxuntos de grandes rochas, xunto a praia de San Román. Aínda que ata o de agora estaba considerado coma un castro, a asociación MariñaPatrimonio cre que se trata dun asentamento temporal construído polos vikingos, pobo que fixo varias incursións depredatorias ao longo da costa galega durante a Alta Idade Media. Segundo a asociación, o asentamento ten unha estrutura idéntica aos motte & bailey, fortificacións que constaban dun montiño de terra sobre o que se erixía unha especie de castelo de madeira protexido por muralla e foxo na súa parte máis baixa. Estas construcións levantábanse de forma rápida, co obxecto de asegurar unha zona e poder avanzar cara a conquista doutra. O topónimo, segundo a asociación, pode ser significativo xa que en Galiza denomínanse motas a este tipo de pequenas elevacións existindo, ademais, bastante similitude co devandito motte & bailey. De todos os xeitos cómpre aclarar que este topónimo é abundantísimo na microtoponimia galega (tanto na costa coma no interior, e tamén nalgunhas mámoas e castros) e mesmo nos nomes de varios núcleos de poboación esparexidos polo país (Mota, Mouteira, Moutillón, Mouta, Moutada, Moutras, Moutarelle, Moutarón). Sen desbotar que o sitio fora ocupado posteriormente, normandos incluídos, eu continúo a pensar que en orixe foi un castro costeiro que foi moi alterado polas obras que hai anos se realizaron para a construción dun campo de fútbol que endexamais chegou a finalizarse, e por un acceso á praia. De verificarse a súa pertenza a unha construción normanda, sería o primeiro caso rexistrado no estado español.
A principios do mes de decembro de 2011, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia deu a coñecer un informe no que indica que os técnicos non atoparon indicios que demostren que Moutillós fose un asentamento normando.
Coido de interese achegar o resultado dunhas catas realizadas no 2014 e cuxo resultado se fixo público o día 14 de xaneiro de 2015. As análises practicadas aos restos atopados non certificaron que pertenceran ao período en que os vikingos asolaron as costas galegas, datándose entre a primeira parte do século VIII, na segunda metade do século XII e no século XIII. Haberá que esperar a novas prospeccións. Segundo información aparecida na prensa no mes de febreiro de 2016, referidas ás escavacións do verán do 2015, apareceron restos de madeira queimada e cerámicos de cor marrón claro por un lado e escura polo outro, con anacos de desengrasante e de cuarzo, que despois de realizadas as probas de C14 dataríanse dende o século III a.C. ao I d.C. Os veciños din que na praia apareceron muíños barquiformes. A Pena de Xan Vidal, que cito máis arriba, atópase preto deste asentamento.
 

A toponimia tamén achega outros nomes que puideron acubillar este tipo de construcións defensivas: O Coto, O Cotelo, O Cotillón, O Cotiño, Monte da Vela, Monte Faro, A Mota e Castrobó.

Segundo a lenda, os celtas consideraban a Illa da Coelleira como un lugar sagrado. Na parroquia de Cabanas está o lugar de Troia, topónimo que pode derivar do céltico Turobriga, cuxo sufixo -briga vén a significar elevación, altura, lugar dominante que, por analoxía, daría fortaleza, cidade amurallada (castro). Seguindo co étimo, Caridad Arias di que fai alusión a un nome que designa un rito ou danza prehistórica, a Danza de Troia, adicada a unha divindade solar que se efectuaría nun espazo circular (un círculo lítico?).
No tocante aos pobos que habitaron nos castros do Vicedo, Benito Vicetto (1824-1878) sitúa nestas terras, erradamente, aos Zoelas, tese da que participa, en parte, o que fora cronista oficial de Viveiro Juan Donapetry que tamén engade ao pobo dos Egovarros Namarinos e aos Iadoves. Máis o probable é que a zona estivera habitada polos Arróns.

A ROMANIZACIÓN

Segundo as fontes greco-latinas, a conquista de Galiza por Roma iníciase nos anos 139 a.C. (Cepión) e 137 a.C. (Décimo Xuño Bruto). Malia o anterior, a conquista do territorio comeza a ser un feito coa arribada a Brigantium (A Coruña), no ano 60 a.C., de Xullo César. No ano 25 a.C. prodúcese, se lle facemos caso a Paulo Orosio, o lendario episodio do Monte Medulio no que os Gallaicos inmoláronse nun holocausto colectivo por medio do veleno do teixo e das propias armas denantes caeren prisioeiros dos romanos. Mais será no ano 19 a.C. con Agripa, chegado da Galia, logo de reorganizar as maltreitas lexións romanas e despois de século e medio de loitas, cando se resolva o problema galego producíndose unha profunda reforma administrativa na que Galiza, xunto con Asturias, queda integrada na provincia Tarraconense aínda que formando un conxunto claramente diferenciado do resto, diferenza que levou ao emperador Caracalla, no ano 212 d.C., á creación dunha nova provincia. No ano 293 d.C., a Gallaecia acada os límites máximos.

Os romanos chegaron a Galiza atraídos polas riquezas mineiras o que non lles impediu practicar un peculiar modo de dominación baseado na progresiva asimilación cultural.
A inexistencia de teatros, anfiteatros, templos, etc. fixo pensar aos primeiros investigadores nunha romanización escasa. Á vista de achádegos posteriores (vilas, mansios, cidades, factorías, estelas, aras votivas...) esta percepción variou considerablemente.
Se ben é certo que os restos romanos non abundan nas comarcas da Mariña Luguesa, non o é menos que a zona non viviu allea a este proceso: ara aos Lares Viais e estela de Ponte da Torre (Ourol), villae da Chan do Outeiro (Burela), factoría salazoneira de Area (Viveiro), pontes, posiblemente de orixe romana, da Misericordia e do Porto, restos de calzadas en Miñotos (Ourol) e Santa María a Maior (Mondoñedo), etc.
Calzadas e pontes son as obras máis salientables da enxeñería romana xa que eran estruturas fundamentais para o desenvolvemento comercial, sobre todo mineiro, utilizando, en moitos casos, as primarias infraestruturas existentes denantes da súa chegada.
No concello do Vicedo consérvase a medieval Ponte do Porto, posiblemente asentada sobre a antiga romana, que atravesa o río Sor; no medio da ponte pódese ver un marco que sinalaba o límite das antigas provincias de Mondoñedo e Betanzos; hai quen conxectura de que o marco pode ser un miliario romano reutilizado. Na parroquia de Mosende temos o topónimo A Calzada, nidia alusión a unha via calceata, camiño empedrado. A romanización do castro da Tarroeira certifícaa os materiais atopados. Na igrexa de Suegos hai unha ara votiva inserida nun dos muros.

Abondando na tese da Romanización no municipio, hai autores que conxecturan que o topónimo da parroquia de Suegos fai referencia aos Suebi gentiles, asentados en determinadas zonas de Occidente polos propios romanos, e non ao pobo xermánico dos Suevos.
 

A profusión de nomes de lugar que fan alusión a villae de orixe romana (propiedades de colonos latinos) no concello do Vicedo é un dato que cómpre ter en conta: Abezán, de Advectius; Abrela, de Abrentius; Baltar, de Baltarius; Chavín, de Flavius; Crecide, de Crescitus; O Folgueiro, de Folgarius, ou Pontide, de Pontidius.

OS POBOS XERMÁNICOS

A partires do século III o Imperio Romano inicia un imparable declive que remata coa caída definitiva no ano 476, fin no que tiveron moito que ver os pobos xermánicos. Un destes pobos foi o Suevo que atravesa o Danubio e entra en Hispania, chegando á Gallaecia arredor do ano 409. Un foedus (pacto) co emperador Honorio no ano 411, asígnalle a parte máis occidental a cambio de garantir a seguridade fronte aos vándalos.
O asentamento dos suevos en Galiza (segundo os investigadores non pasarían de trinta mil), dirixidos polo seu rei Hermerico, fíxose de forma pacífica e procurando a fusión coa sociedade galaico-romana, respectando as súas formas de vida e a tolerancia relixiosa.
Debido a unha serie de factores non moi claros, os sucesivos monarcas suevos (Hermerico, Reckiario, Reckila) inician unha serie de campañas militares dirixidas contra as provincias da Lusitania, Bética e Cartaxinense. Os romanos, incapaces de deteñer o exército suevo-galaico, piden axuda aos visigodos que, mandados por Teodorico II, véncennos na batalla do río Órbigo.
Reducidos a Galiza, o rei Remismundo volve ao arrianismo (no ano 448 abrazaran o catolicismo) remarcando así a súa submisión ao Reino Visigodo, submisión da que se desprende Teodomiro a mediados do século VI grazas á presión exercida por francos e bizantinos sobre os visigodos. É neste tempo cando Martiño de Dumio, monxe natural da Panoia (Hungría) que chega a Galiza no ano 550, convence ao rei a abandonar o arrianismo e voltar ao catolicismo, feito que se produce nove anos despois. Ademais da erradicación da herexía priscilianista e das tradicións pagás, o Dumiense xoga un papel determinante na organización administrativa estruturada a partir da parroquia, célula básica da sociedade galega que recolle por escrito no Parrochiale Suevorum.
Con Miro (570-583), o Reino Suevo semella atoparse no máximo explendor, con varias accións de guerra contra os visigodos. Mais o apoio a Hermenexildo que se subleva en Andalucía contra o seu pai, remata en fracaso. Á morte de Miro, as loitas dinásticas entre o seu fillo Arborico e Andeca acaba coa destitución e a reclusión do primeiro nun convento. Os visigodos, aproveitando a ocasión, atacan aos suevos e desterran, no ano 585, a Andeca, anexionando definitivamente o Reino Suevo.
O carácter peculiar de Galiza propiciou que baixo a monarquía hispano-visigoda, conservara a súa personalidade, mantendo unha administración claramente diferenciada a respeito doutras zonas da Península, acadando verdeiras cotas de autonomía política con Rescenvinto e Witiza.
A conversión do visigodo Recaredo ao catolicismo no ano 589, consegue domeñar o sector eclesiástico que a partir de entón participa nos Concilios de Toledo. Mais non contenta á insubmisa nobreza o que conleva varias intervencións militares.
A dominación sueva é, sen dúbida, un dos períodos máis escuros da Historia de Galiza o que non impediu que a súa pegada chegara ata nós como así o testemuñan as laudas (tapas de sártegos), con e sen decoración, atopadas en Santa Mariña de Augas Santas, Tines, Oseiros, Catoira, Iria, Baños de Bande, Tomeza ou San Martiño de Mondoñedo. Ou as necrópoles de Adro Vello (O Grove), San Pedro de Rocas (Esgos), O Areal (Vigo), Currás (Tomiño) ou a situada baixo o pavimento da catedral de Santiago de Compostela. Tamén se atoparon moedas, colares, fibelas e aneis de ouro.
No tocante á arquitectura sueva e visigoda, pertencen a este período as igrexas de Santa María Nai (Ourense), Santa Comba (Bande), San Pedro de Rocas (Esgos), Setecoros (Valga), o arco de Panxón ou o santuario da Ermida, en Quiroga, onde apareceu o famoso Crismón de mármore que debeu formar parte dunha mesa de ofrendas.
Malia o dito, quizais os restos máis abundantes estean na toponimia de orixe xermánica, predominando, como sinalou no seu momento J.M. Piel, a sueva.
Se na Mariña Luguesa se conserva algunha pegada claramente significativa desta época, esta é o topónimo Suegos, nome, tamén é certo, sobre o que non existe consenso entre os estudosos. Como xa sinalei ao falar da Romanización, o étimo Suegos podería facer referencia aos Suebi gentiles. Antigamente, a igrexa parroquial denominábase Santa María de Suevos, topónimo que atopamos nos concellos galegos de Arteixo, Ames, A Baña e Mazaricos. O de Suegos témolo tamén no concello de Pol.
Outros nomes de orixe xermánica que perviven no municipio do Vicedo son os de Creximil (Negradas), de Crescemirus; Francos (Negradas), de frank, franco, libre; Froufe (San Román), cuxa segunda parte, ufe, deriva de wulf, lobo; Marcos (Negradas), de mark, pedra fincada no chan que delimita territorios ou propiedades; Noche (Negradas), alusión a un posesor de nome Nausti ou Naustus; Segade (Riobarba), de Sagatus; Vilagudín (San Román), posesión dun propietario de nome Guntinus; Vilamil (Negradas), de Miri, xenitivo de Mirus, Miro; e Xilloi, dun posesor de nome Villoi ou Gilloi.

A IDADE MEDIA

Século V: Segundo Amor Meilán, posible fundación dun mosteiro na Illa Coelleira polo bispo Consencio. Sen dúbida, Amor Meilán refírese ao bispo galego Consencio ou Consensio que, arredor do ano 420, enviou a San Agostiño varios escritos sobre Prisciliano.
Séculos VIII-IX: Repobación destas terras, labor que comezou o rei Afonso II O Casto.
846: Os normandos asolan a costa cantábrica. Segundo algúns autores, a finais do século IX arrasaron un mosteiro bieito que había na illa da Coelleira.
1095-1099: Primeiros documentos que falan do mosteiro de San Miguel da Illa da Coelleira. (Ver a entrada, aquí publicada, Historia e lenda da Illa Coelleira).

1128: O 10 de xullo, o rei Afonso VII fai a división das herdades eclesiásticas das segrares na diócese de Mondoñedo. Nas referidas á xurisdición de Viveiro figuran, entre outras, Santo Estevo do Val, San Román do Val e Suegos.
Século XIII: A cunca do río Sor foi colonizada polo mosteiro de Meira a partires da primeira metade do século, cando instala granxas en distintos lugares. Nun documento do ano 1305 fala de "...in San Pantaon, in Ysai, in Lignares, in Maia, in Caparino, in Cabanas...", aínda que os seus habitantes dependeran da igrexa de Santa María de Viveiro canto ás necesidades relixiosas.
Século XIV: De principios de século é a tradición da matanza de trinta e seis monxes templarios que habitaban no cenobio da Coelleira.
Un privilexio do rei Enrique II eximía aos veciños de Creximil (Negradas) do aboamento de trabucos en pago polas batidas que facían contra os lobos. 
No Arquivo da catedral de Mondoñedo custódianse algúns escritos dos séculos XIV e XV que fan referencia aos Montes do Sor que abranguerían as terras situadas a ambos os dous lados do río. 
1392: O bispo Francisco de Mondoñedo concede permiso a Fernán Pérez de Andrade, o Bo, para construír e dotar dos ornamentos necesarios para o seu uso as igrexas de Santa María de Cabanas, San Pantaión de Cabanas e San Paulo de Riobarba nos Montes do Sor, "no lugar máis conveniente para administrar os sacramentos aos veciños dos lugares".
Acordo entre Fernán Pérez de Andrade e o cabido e bispo de Mondoñedo polo que se dota coa cuarta parte da renda da igrexa de Santa María de Viveiro para sustento dos capeláns das igrexas de Santa María de Cabanas, San Pantaión de Cabanas e San Paulo de Riobarba.
 

1420: Nun documento, o cenobio de San Miguel da Coelleira aparece rexentado polos coengos regulares de San Agostiño.

A IDADE MODERNA

1483: Durante a Revolta Irmandiña, as tropas realistas dos Reis Católicos sitian o castelo da Frouxeira. Ante a imposibilidade dos casteláns de conquistala, o capitán Mudarra, xefe dos sitiadores, suborna a vinte e un criados que, aproveitando a noite, abren as portas aos asaltantes o día 7 de decembro. Entre os traidores atopábanse Pero López, do Val (O Vicedo), e Afonso Santa Mariña e Afonso Barba, de Negradas.

1489: O bispo Fadrique de Guzmán une o mosteiro da Coelleira a San Martiño de Mondoñedo.
Século XVI: As freguesías que conforman o actual municipio do Vicedo pasan a formar parte, a principios de século, da nova provincia de Mondoñedo.
O mosteiro da Insua de San Martiño: Debido ás reformas das ordes relixiosas, remata o seu labor o mosteiro de monxas bieitas, posto baixo a advocación de San Miguel, que había na Insua de San Martiño (Negradas), agregándose ao de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela.
É moi complicado seguir a súa traxectoria xa que é o único mosteiro bieito do que non se conservan documentos anteriores á súa adhesión ao de Antealtares. Sábese que era de carácter patrimonial e familiar.
Don Lope Alonso, que conservaba en foro o casal de Salgueiros (foro que logo lle confirman a el e aos seus descentes as monxas de Antealtares) polo que non pagaba pensión, era escudeiro da freguesía de San Miguel de Negradas e, coma o seu pai, o seu avó e demais ascendentes, posuía o padroado e xuro de presentar priora.

No ano 1504, o Papa Xullo II confirma a unión de San Miguel de Negradas ao mosteiro de San Paio de Antealtares o que non impediu que a priora, dona María Vizosa, continuara a residir no cenobio. Mais no 1516 notifícaselle a bula pola que debe renunciar a todo dereito sobre o mosteiro e cederllo á abadesa de Antealtares, pero o 9 de marzo do mesmo ano, coa conformidade do abade de San Bieito de Valladolid, alcanza un acordo con San Paio que lle permite seguir presidindo San Miguel de Negradas. Quizais porque dona María Vizosa non respectou os acordos, o rei Carlos I expide unha orde no ano 1533 a favor de San Paio que obriga a dona María a abandonar o mosteiro e trasladarse a Santiago.
Antealtares envía a San Miguel a dona Beatriz de Andrade e a dona María de Castro que toman posesión do priorado. Dona María de Castro é nomeada priora, sendo logo substituída por dona Beatriz de Andrade que se fai cargo de todas as xoias que pertencían á igrexa de Negradas e da porción dos décimos do mosteiro que lle entrega Pedro Abad, párroco da igrexa. Mais dona María Vizosa, disconforme, recorre, entre outros, a dona Leonor Osorio, sogra de Gómez Pérez das Mariñas, para que a restitúan ao mosteiro de San Miguel, cousa que consegue. Dona María Vizosa, probablemente enferma, outorga testamento o 15 de outubro de 1535 en favor dos seus sobriños, Luis Pardo e Fernando Vizoso. Pouco despois o priorado de San Miguel queda definitivamente unido a San Paio de Antealtares.
1535: A Catedral de Mondoñedo faise cargo dos bens do mosteiro da Illa Coelleira.
1539: Nace en Viveiro Gómez Pérez das Mariñas, político, militar e diplomático galego que, entre outros cargos, ocupou o de gobernador das Filipinas. Morreu no ano 1593 no mar de Célebes. Xunto coa súa dona, María Sarmiento Ribadeneira, viviu nun pazo que tiña no burgo de San Roque.
1569-1576: A peste bubónica (tumor que afecta ás glándulas linfáticas) causou estragos entre a poboación, entre outras, nas das freguesías de Negradas e Riobarba.

1598: Volve a peste, mais, nesta ocasión, apenas se manifesta nas freguesías do Vicedo.
1618: Documento que fala de varios soutos, situados en Riobarba, pertencentes aos Propios (partes das terras comunais que pertencían a un municipio e cuxo beneficio destinábase a cubrir os gastos deste) do concello de Viveiro, cuxos veciños estaban obrigados, sempre que cortaran castiñeiros "para facelos táboa", a darlle de cada seis un por razón de señorío e propiedade.
1634: O mosteiro de Lourenzá vende a Alonso de Cora e Montenegro, Rexedor de Viveiro, ao seu irmán Bartolomé, crego, e a Alonso López de Aguiar, de Cervo, a freguesía de Santa María de Suegos en oitocentos ducados.
1628: A Catedral de Mondoñedo, propietaria da Illa da Coelleira, acode ao xuíz para rematar coa desfeita que os baleeiros, que a utilizaban como atalaia para divisar as baleas, estaban a ocasionar nos cultivos.
1696: Os testamenteiros de Margarida Pardo de Cela, falecida no ano 1695, proceden á almoeda (subasta de bens) das súas propiedades para a fundación dunha Cátedra de Artes Liberais (filosofía) en Viveiro, entre outras unhas posesións situadas en San Román do Val e Riobarba.
1704: Durante a Guerra de Sucesión entre os Austrias e os Borbóns, o rei Filipe V confirma unha Cédula do 1642 para que non se recrute aos veciños dos portos de Burela, San Cibrán, Portocelo, Area, Celeiro, Viveiro e O Vicedo.
1752-1753: Interrogatorios do Catastro de Ensenada nas freguesías que compoñen o actual municpio do Vicedo. Cabanas tiña 140 veciños e 115 casas; Mosende, 25 veciños e 19 casas; Negradas, 119 veciños e 119 casas; Riobarba, 134 veciños e 86 casas; San Estevo do Val, 145 veciños e 138 casas; San Román do Val, 79 veciños e 60 casas; Suegos, 59 veciños dos cales 39 pertencían ao término da xurisdición real de Viveiro, e os 20 restantes ao couto, con 55 casas habitables, 19 delas no couto. (Ver a entrada O municipio de O Vicedo a mediados do século XVIII. O Catastro de Ensenada).

A IDADE CONTEMPORÁNEA

1809: O 17 de febreiro, veciños das comarcas de Ortegal e da Mariña enfróntanse na Ponte Segade ás tropas francesas do xeneral Freni que se dirixía dende O Ferrol a Viveiro para sofocar a rebelión popular contra a invasión francesa. Os veciños, mal armados, teñen que retirarse.
1809: Entre o 28 de xaneiro e o 2 de febreiro, o exército francés, baixo as ordes do comandante Marsáns, apodéranse de Viveiro. Na tarde do 7 de febreiro, véspera sinalada para que as autoridades xuraran fidelidade e obediencia a Xosé Bonaparte, irmán de Napoleón, unha multitude das parroquias da contorna, entre outros os veciños de Santa María de Cabanas, diríxense cara Viveiro para atacar aos franceses e impedir a cerimonia. No camiño únenselles veciños de San Román do Val, Suegos, Mosende e Riobarba. Na madrugada do día 8 apodéranse da vila.

1812: O territorio de Viveiro estivo dividido en cinco xurisdicións: Galdo, Muras, Portecelo, San Cibrán e Viveiro e noutros tantos coutos redondos. Suegos era couto redondo, e Creximil (Negradas) e Manxofrío (Cabanas) partidos, entidades menores ca parroquia. Ata a Constitución de 1812, as parroquias pertencían a distintos señores (xurisdicións) que se repartían do seguinte modo: Cabanas, Mosende e Riobarba, a Viveiro; Negradas, O Val e San Román, a Galdo; Suegos posuía xurisdición propia. Coa Constitución créanse os primeiros concellos nacendo así os de Negradas, O Val e Cabanas.
1813: Segregación de San Pantaión (Ourol).
1833: Por Decreto de 30 de novembro, desaparece a antiga división territorial de Galiza, pasando de sete provincias ás catro actuais. As freguesías do Vicedo quedan integradas na provincia de Lugo.

1835: Suegos, Mosende, Riobarba e Cabanas pasan ao concello de Viveiro. O Val (O Vicedo), Negradas e San Román ao de Galdo, xurisdición mercada por Alonso Pérez de Viveiro e que logo exerceron os seus descendentes os condes de Fuensaldaña e os marqueses de Alcañices. A Illa da Coelleira, a raíz do Decreto de Desamortización do ministro Mendizábal, pasa ao Estado.
1840: O 18 de outubro créase o concello de Riobarba, con capital na Pardiñeira, no que se integran as sete parroquias actuais.

1852: O fungo do oidium ataca os viñedos, acabando en pouco tempo coas plantas o que ocasionou que a produción de viño que se viña realizando dende o século XII (entre as maiores colleitas da comarca atopábanse as parroquias de Suegos, Santo Estevo, San Román do Val e Negradas) quedara definitivamente abandonada.

1856: Unha veciña de San Román do Val é executada, acusada de infanticidio, no Campo da Forca de Viveiro. Foi a derradeira persoa axustizada no lugar.
1864: O enxeñeiro Marcelo Sánchez Novellán constrúe o faro da Illa da Coelleira. A súa contrución foi aprobada por Real orde de 23 de xullo de 1861 e por un importe de 46.836 reás.

1868: Destronada Isabel II, o concello da xunta revolucionaria de Viveiro decreta a supresión dos concellos de Cervo, Xove, Muras, Ourol e Riobarba que son restablecidos dous meses máis tarde.
1883: Aínda que xa na década dos anos sesenta se comezou a demandar unha liña férrea, non será ata o ano 1883 (por Lei do 27 de xullo) cando se inicien os primeiros estudos para contruír o ferrocarril que unise O Ferrol, Ortigueira, Viveiro, Ribadeo e Xixón. No ano 1886 publícase en Ferrol o estudo que indica que a liña debe ser estreita. O seu custo ascendería a 100.000 pesetas por quilómetro. As obras inícianse no ano 1902, mais non será ata ben entrada a segunda metade do século XX cando se inaugure un tipo de vía que, logo de tantos anos, xa quedaba desfasada para a época.

1889: Ricardo de Llano Oleaga, buscador de minas, solicitou o rexistro de varias minas de mineral de ferro, unha delas en Suegos, proxecto que nunca se chegou a desenvolver.
Século XX: A principios de século instálase unha central de enerxía eléctrica sobre o río Batán, chamada "Electra Riobarba" fundada por Benigno López Muñoz.
1901: O 1 de novembro inaugúrase a ponte metálica do Vicedo-O Barqueiro. Construída pola Maquinista Terrestre y Marítima de Barcelona, tivo un custo de 528.000 pesestas.


1921: A Sociedade de Instrución Vivero y su comarca funda a Escola de Riobarba. A sociedade chegou a fundar 44 escolas e a soster 57 unidades de ensino primario, unhas en edificios propios e outros alugados. Durante o primerio terzo do século XX, a sociedade Hijos de Vicedo en Cuba, contruíu dúas aulas nunha escola de Santo Estevo do Vicedo.

1926: Segundo o Rexistro de Nacementos do Concello do Vicedo, a derradeira persoa nacida na Coelleira foi Sagrario Ballester Castaño o día 15 de agosto, filla do derradeiro fareiro, Manuel Ballester García.
1930: O día 26 de outubro de 1930 constitúse en Buenos Aires a Sociedad de Instrucción Hijos del Vicedo. No libro de actas consultado, que abrangue dende a fundación ata o día 3 de xaneiro de 1943, a actividade da sociedade limítase, case exclusivamente, a organizar festas e "pic-nic". Chama poderosamente a atención que só se mencione a Guerra Civil na xunta celebrada o 8 de novembro de 1936 onde acordan suspender temporalmente toda clase de festas, "motivado ello por el momento de angustia, inquietud y zozobra por el que atraviesa nuestra querida Patria". En varias reunións levadas a cabo durante os anos 1938 e 1939, debátese a fusión co Centro Viveriense, acordando rexeitar a unión, ao parecer porque non estaban de acordo co nome que lle querían por á sociedade os de Viveiro. Si acordan asociarse en xaneiro de 1939 á Casa de Asturias. O día 3 de xuño de 1939, reciben unha carta da Sociedad de Municipios de Riobarba na que lle propoñen a fusión de ambas as dúas organizacións e cuxas relacións non debían de ser moi boas xa que os membros de Hijos del Vicedo deixan constancia do seu malestar por "algunos párrafos insertados por ellos en el periódico de la Federación de Sociedades Gallegas". Ao efecto, acórdase formar unha comisión para iniciar as conversas. O 3 de xaneiro de 1943, trátase o ingreso nunha nova sociedade denominada Centro Lucense de Buenos Aires cuxa asemblea constituínte se celebrou o día 9 de xaneiro.

1931-1933: Coa chegada da República, no concello actúan dúas sociedades de clara tendencia republicana.
1936: Nos primeiros días da Guerra Civil, unha das primeiras accións de guerra na Mariña Luguesa foi a colocación dunha bomba na ponte do Vicedo-O Barqueiro para impedir o paso ás forzas fascistas que viñan da Coruña, acción que culminou co enfrontamento entre gardas civís e veciños leais ao goberno lexítimo da República e os golpistas. Os fascistas utilizaron a ponte do Vicedo-O Barqueiro como lugar de execución.

A ría tamén se utilizou para facer os fondeamentos, puntos no mar, preferentemente nas rías, onde eran arroxados os corpos dos asasinados polos fascistas. En Galiza están documentados fondeamentos, ademais de na ría do Vicedo-O Barqueiro, en Cangas, Vigo, Redondela, Bueu, A Illa de Arousa, Muros, Vilagarcía e Pontevedra.
1939: Os guerrilleiros Emilio Ríos Martínez, alcumado o Cantador, e José Fernández Rolle, coñecido como O Caramelo, son brutalmente asasinados polos fascistas no lugar de Riba da Veiga (Mosende). Grazas á Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, os seus cadáveres foron exhumados no ano 2005 e soterrados no lugar que en xustiza lles corresponde. Juan José Insua Rolle informoume que un seu avó, Atilano Rolle Escourido, relataba que el estaba na cova onde asasinaran ao Caramelo e ao Cantador. Contaba da maneira en que estaban enterrados e que a un deles lle coseran a boca con arame para que non berrara para alertar aos compañeiros, o que non impediu que o escoitaran e puideran fuxir, entre eles o señor Atilano Rolle, perseguidos polos disparos dos asasinos.

Verbo da recuperación da dignidade negada durante tantos anos aos loitadores pola liberdade, o 2010 semellou ser o ano dun novo renacemento fascista encarnado por un grupo de supostos defensores da legalidade que, amparándose nunha interpretación partidista das leis, queren agochar o xenocidio franquista. E aínda ousan laiarse porque se está a pór en cuestión a súa "independeza"! Vaia dende aquí o noso apoio a todas as persoas que seguen a loitar pola recuperación da nosa memoria.
Mais a cousa non para aquí. No mes de maio de 2011 saíu á luz o Diccionario Biográfico de la Real Academia de la Historia, unha publicación, pagada por todos, que debería contar a Historia con rigor. Pois ben, ao tratar o tema de Franco, mente descaradamente. O redactor, un tal Luis Suárez, membro da "Fundación Francisco Franco" e da "Fundación Valle de los Caídos", en vez de historia fai unha apoloxía descarada do macabro ditador. Mais o arrepiante de todo isto é que a estas alturas a propia Academia está controlada por antigos franquistas e falanxistas que a utilizan para propagar a súa ideoloxía fascista. Despois do que lles está a caer enriba, din que van a modificalo na publicación dixital. E vai quedar aí a cousa? Non habería que pedirlle responsabilidades pola utilización de cartos públicos en beneficio propio?

A represión durante a Guerra Civil e os primeiros anos da ditadura

A continuación achego unha relación dalgunhas persoas represaliadas durante os primeiros anos do golpe de Estado contra o goberno lexítimo da República naturais das parroquias do actual municipio do Vicedo.
Antonio Piñón García, Suegos, mineiro, condenado por republicano.
Antonio Alfonso González, Cabanas, obreiro, xulgado por rebelión.
Antonio Fernández Iglesias, mariñeiro, declarado fuxido e en rebeldía.
Arsenio Doval, Riobarba, labrego, xulgado por auxilio á rebelión.
Constantino Piñón Rolle, Suegos, xornaleiro, declarado fuxido e en rebeldía.
Daniel Fanego Lorenzo, San Román, mineiro e mariñeiro, xulgado por deserción (estivera fuxido). Denegóuselle o indulto solicitado no ano 1940.
Dorindo Leiras Fernández, labrego, declarado fuxido e en rebeldía.
Dositeo Fernández Vales, mariñeiro, xulgado por rebelión militar e ataque a man armada.
Emilio Ríos Martínez, asasinado pola garda civil en agosto de 1937.
Eusebio González Pedreira, acusado de deserción e rebelión, declarado fuxido e en rebeldía. Natural de Umeiros (Mosende), tiña 20 anos cando o alzamento militar. Daquelas militaba na CNT de Viveiro. Foi no 1942 cando se achegou ao Partido Comunista. Foi o derradeiro sobrevivente dos guerrilleiros que operaron no norte da provincia de Lugo e A Coruña durante a guerra e nos anos corenta. Tamén un dos que fuxiu a Francia a bordo do pesqueiro Santa Teresa. Segundo contou o propio protagonista a El Progreso (28-11-2010), a idea de botarse ao monte xurdiu a primieros do ano 1937, cando chamaron á quinta de Mosende para se incorporar á fronte. Foi cando varios mozos decidiron escapar. Eran: Máximo Yáñez ("O Xastre"), natural do Folgueiro, Ramón do Soldado, Antonio Villar, Manuel de Cora, Laureano Timiraos, de Castrobó, e o mesmo Eusebio.
Francisco Dovale Martínez, Riobarba, mariñeiro, xulgado por deserción e ataque a man armada.
Francisco Figueiras López, xulgado por deserción.
Francisco Calvo, militante republicano.
Francisco Martínez Oca, ferreiro, xulgado por auxilio á rebelión co resultado de 15 anos de prisión.
José Fanego Cao, Riobarba, chofer, xulgado por traizón.
José Fernández Rolle, xornaleiro e mariñeiro, xulgado por deserción, fuxido e en rebeldía.
José Parapar García, militar, mariñeiro do acoirazado Jaime I que non apoiaron o golpe de Estado. Acusado de rebelión.
José Antonio Vilar Baltar, Mosende, xornaleiro, acusado de deserción, fuxido e en rebeldía.
José Antonio Villar, Mosende, labrego, condenado a 16 anos de prisión.
Juan Insua Pérez, labrego, concelleiro do Partido Republicano Galego (denomiando ata maio de 1932 Organización Republicana Galega Autónoma). Condenado a prisión.
Laureano Timiraos Rey, Mosende, labrego, acusado de deserción, rebelión e ataque a man armada.
Luciano Pérez Riveira, comerciante. Alcalde do concello de Riobarba. Xulgado por auxilio á rebelión. Tamén lle incautaron todos os seus bens.
Luis Trigo Chao, Cabanas, gardarríos, militante do partido socialista (ver a súa historia ao final da relación).
Manuel Cora Rolle, Mosende, xornaleiro, xulgado por rebelión militar, fuxido e en rebeldía.
Manuel Fanego Fernández, Suegos, mariñeiro, xulgado por deserción.
Manuel Martínez Timiraos, San Román, xornaleiro, estivo fuxido entre 1937 e 1939.
Manuel Piñón Valella, Riobarba, mariñeiro. Fixo a guerra na zona republicana. Enviado a un batallón de castigo.
Maximino Lage Rolle, Mosende, labrego, acusado de deserción, rebelión e ataque a man armada.
Modesto Bellas García, natural do Vicedo e veciño de Mañón, xulgado por rebelión, condenado a 15 anos de prisión.
Modesto Riveira Dovale, San Román, mariñeiro. Fuxido, condenado a prisión no ano 1940.
Orencio Martínez Fanego. Militante do PSOE, encarcerado sen proceso xudicial.
Ramón Martínez Fanego, Mosende, labrego, condenado por rebelión militar a 16 anos de cadea.
Ramona Díaz Santiago, condenada por agochar na súa casa a fuxidos, entre eles aos seus fillos Cesáreo e Benedicto Fuentes Díaz.
Remedios Fernández López, natural do Vicedo, xulgada por rebelíón.
Rosario Ríos Martínez, detida por acoller a fuxidos, entre eles o seu irmán Emilio Ríos Martínez.
Servando Rolle Escourido, Suegos, mariñeiro, xulgado por deserción e ataque a man armada.

O grupo do Gardarríos

O grupo máis coñecido da antiga provincia de Mondoñedo foi o do Gardarríos, nome polo que se coñecía aos fuxidos comandados por Luis Trigo Chao, gardarríos de profesión.
Luis naceu na parroquia de San Pantaión de Cabanas, parroquia do antigo concello de Riobarba, o 24 de decembro de 1889 (Hartmut Heine, no seu A guerrilla antifranquista (1982), di que no ano 1891). Era fillo dun matrimonio de labregos. As súas inquedanzas leváronno a emigrar a Cuba, aventura da que regresou ao pouco tempo. Mais, debido á pobreza na que submía a súa terra, retornou a América, nesta ocasión a Buenos Aires. De volta en Galiza consegue un posto de gardarríos. No ano 1929 aparece como testemuña nun preito veciñal en Viloalle (Mondoñedo) en favor dos veciños e en contra dos poderes institucionais.
Coa chegada da II República, sitúase no bando progresista. Cando o golpe de estado fascista do xeneral Franco, Luis Trigo Chao presidía a agrupación socialista de Mondoñedo. Cando o 20 de xullo a capital mindoñense cae en mans da garda civil, decide fuxir e botarse ao monte.
O seu primeiro acto de guerra coñecido é o enfrontamento co dirixente falanxista lugués José Viador Traxeira, en xullo de 1940, que resulta morto. Tamén se lle imputa a súa participación en accións guerrilleiras contra outros dirixentes locais da Falanxe e demais membros das forzas de represión franquista responsables dunha ristra arrepiante de crimes.
O loitador pola liberdade, Luis Trigo Chao, foi asasinado, xunto coa súa compañeira, na tardiña do San Xoán do ano 1948. Os seus cadáveres, para escarmento dos demócratas, estiveron expostos ao público. Logo soterráronno nun pequeno cemiterio civil coñecido como o "cemiterio dos roxos".

O grupo dos irmáns Neira

Segundo o relatado por Eusebio González Pedreira (El Progreso do 28 de novembro de 2010), os irmáns Neira eran da zona de Ortigueira e andaban sobre todo pola parte de Cabanas e Ortegal. O grupo actuaba en Viveiro e Ourol, máis tamén por Mondoñedo, Palas de Rei, Betanzos, Vilalba, Ortigueira, Ferrol e As Pontes. Movíanse dende a fronteira de Asturias ata A Coruña e Pontevedra. Os integrantes da partida, comandada polo anarquista Xosé Neira, tiñan contactos en Moeche e O Ferrol, o que lles permitía refuxiarse en casas de apoio durante longos períodos de tempo cando caían feridos. A raíz da caída de varios compañeiros de partida, no 1942 plantexouse a necesidade de xuntar cartos para mercar un barco e fuxir a Francia. Neira e Xosé Castro foron para O Ferrol a buscar máis diñeiro e, pasados tres ou catro meses, só regresou o segundo quen lles contou aos demais que se separara de Neira e non volveu a velo. As circunstancias da morte de Neira seguen a ser, hoxe en día, un misterio.

Postguerra (anos corenta)

Enfrontamento no Carrusco (Mosende) entre fuxidos e a garda civil.
Na Fonte do Cervo (Mosende), os falanxistas asasinaron a un guerrilleiro.
Un escuro episodio, aínda sen aclarar pola contradición existente entre os coñecedores do caso, aconteceu no lugar dos Quintos, preto de Pontide (Suegos), entre tres toupas (nome que aquí dan aos fuxidos) que rematou coa morte dun deles, natural de Celeiro, chamado O Soto; os outros dous protagonistas atendían polos alcumes de O Farol (autor da morte) e O Daniel.
A pegada da resistencia antifranquista quedou plasmada durante moito tempo nunha pintada que mesmo sobreviviu nos primeiros anos da Ditadura, realizada nun dos muros da igrexa de Mosende, que rezaba así: "Viva a República, abaixo o clero" o que lle valeu á parroquia o alcume de "A pequena Rusia".
1946: Debido á brutal represión exercida polo ditador Franco, guerrilleiros galegos das comarcas do Eume e Ferrol, que dende o inicio da guerra fustrigaban aos fascistas, escapan a Francia na noite do 12 ao 13 de decembro no Santa Teresa, un pesqueiro de 16 toneladas con base en San Cibrán, que os recolle na praia da Abrela (segundo testemuña de Eusebio González Pedreira, non saíron da Abrela, senón dunha zona situada despois do actual porto do Vicedo. O propio Eusebio relatou que eran en total 22 persoas, entre guerrilleiros, enlaces, o patrón do barco e dous tripulantes). Un dos guerrilleiros, Domingo da Cancela, máis coñecido como Domingo de Friol, morreu en Viveiro no ano 2007 e as súas cinsas foron esparexidas, cumprindo o seu desexo.

1952: O 14 de xullo, por acordo do Consello de Ministros do 1 de maio, créase o actual municipio do Vicedo.
1961: O 12 de xullo unha galerna asolou a costa cantábrica provocando a morte de 83 mariñeiros e o afundimento de 20 barcos. Varios mariñeiros do Vicedo que traballaban no boniteiro "Gloria" sobreviviron á terrible xornada.
2003: O mércores 13 de novembro, o petroleiro Prestige, con bandeira das Bahamas, emite un SOS á altura das costas galegas por unha fuga de fuel. O barco vai cargado con 77.000 toneladas. O día 16 chegan as primeiras manchas á costa entre A Coruña e Fisterra. O 19 de novembro, logo de que os responsables de evitar a desfeita ecolóxica que se aveciñaba e en contraste co que fixeron os gobernos portugués e francés, vén como o Prestige se afunde. A marea negra non tarda en enzoufar toda a costa de Galiza, a do Vicedo incluída. Por vez primeira en moitos lustros, enarbolando a bandeira de NUNCA MÁIS, os galegos e as galegas loitaron pola súa dignidade como pobo, enfrontándose abertamente ás mentiras e manipulacións dos gobernos de Santiago e Madrid.

2010: O día 28 de agosto celebrouse na Praia da Abrela un acto organizado polo Bloque Nacionalista Galego en lembranza dos homes e das mulleres do concello do Vicedo represaliados polo fascismo franquista. A conmemoración do Día da Galiza Mártir rematou no miradoiro da Praia de San Román coa colocación nun monolito dunha prancha en lembranza da súa memoria.
Mais os fascistas non acougan. Tres días despois, nun novo intento por acalar a voz dos amantes da liberdade, os herdeiros ideolóxicos dos represores esnaquizaron a prancha. A voceira do BNG no Concello do Vicedo, Susana Riveira, logo de requirir a condena unánime da corporación municipal, dixo que a inscrición sería reposta novamente.

2011: O día 22 de xaneiro de 2011 repetiuse a homenaxe e repúxose a prancha en honra dos represaliados polo franquismo.


Xabier Moure